Moitas mulleres coñecemos esa sensación: pensar que o éxito foi cuestión de sorte, que outras persoas poderían facelo mellor ou que alguén descubrirá que non somos tan competentes como parecemos. Pode aparecer ao asumir un novo posto, ao falar nunha reunión ou tras un recoñecemento profesional, e persiste mesmo despois de anos de experiencia e de resultados demostrados.
Esta experiencia coñécese como «fenómeno da impostora». Adoita interpretarse como unha inseguridade individual, mais esa explicación resulta insuficiente. Para comprendelo cómpre analizar como se constrúe socialmente a autoridade e por que tantas mulleres competentes chegan a cuestionar a súa propia lexitimidade.
Desde pequenas aprendemos que de nosoutras se espera modestia, prudencia e perfección. Revisamos máis os nosos erros cós nosos acertos e asumimos que debemos estar completamente preparadas antes de ocupar determinados espazos. En cambio, seguimos asociando a seguridade, a iniciativa e a ambición aos homes.
Esa aprendizaxe refórzase cada vez que ás mulleres se nos esixe demostrar unha competencia que nos homes se dá por suposta. A mesma firmeza interprétase como liderado nun home e como falta de empatía nunha muller. Esta dobre vara de medir, unida á escaseza de referentes femininos, contribúe a que moitas mulleres cuestionemos a nosa propia valía.
Se tantas mulleres comparten esta experiencia, xa non basta con explicala como un problema persoal. Parte da explicación está tamén no ámbito educativo, no laboral e noutros espazos de participación, onde a desigualdade aparece ao avaliar o traballo, asignar responsabilidades ou recoñecer o liderado.
Saber de onde vén esa inseguridade axuda a combatela, porque acumular logros non basta para facela desaparecer. Pero o cambio non pode recaer só nas mulleres. Hai que revisar os criterios cos que se avalía a competencia e construír espazos onde a súa autoridade sexa recoñecida desde o principio, sen ter que demostrala constantemente.
A eles dáselles por suposta a autoridade; a nosoutras aínda se nos esixe demostrala unha e outra vez. E acabamos esixíndonos a nós mesmas demostrar unha e outra vez que somos competentes. Esa esixencia ten que acabar.


