Despois de toda unha vida facendo de todo no Cesantes, o noso amigo Acevedo, vai colgar as botas con 60 anos de idade. Esta persoa ten un perfil imprescindible para que os clubs de fútbol modesto, ou calquera colectivo deportivo, social ou cultural, poidan seguir funcionando de maneira prolongada no tempo. Dedícanlle unha enorme cantidade de horas, sacándoas da súa vida persoal e fan de todo, sempre a cambio de nada, só pola satisfacción que lles provoca colaborar no ben común daquelas entidades coas que se senten tan implicados emocionalmente. E así aconteceu no caso de Acevedo, xa que foi xogador, directivo, adestrador, utillero, cantineiro…..Agora con 60 anos cumpridos vai dar un paso atrás, deixará de xogar no equipo de veteranos e pasará a colaborar co equipo só de maneira puntual, pois entende que cómpre deixar paso ás persoas máis novas e que ten que aproveitar o seu tempo para desfrutar de moitas cousas das que a paixón polo fútbol non lle permitiu gozar ata o momento.
Nós non podiamos deixar que unha persoa tan coñecida e popular en Redondela non tivese un espazo nas nosas páxinas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ O mellor de todos estes anos no Cesantes foi a grande cantidade de bos amigos que fixen”
Queremos coñecerte un pouco mellor?
Eu son do Viso, en concreto do lugar da Nogueira
Cando colgaches as botas?
Aos 60 anos.
Cal foi a túa traxectoria no mundo do fútbol?
Comecei xogando no Cesantes, logo pasei ao Reboreda. Tamén estiven en equipos de cuadrillas e no Cesantes veteranos, que en realidade o montei eu.
Ti no Cesantes fuches de todo?
Ben, fun xogador,cantineiro, utillero, adestrador de nenos e directivo. Pero é o que ten o fútbol modesto: É necesario un compromiso moi elevado por parte das persoas que estamos máis implicadas cos equipos. No caso contrario sería moi difícil, ou incluso imposible, existir .
Faltouche ser presidente?
Eu son unha persoa humilde e non me gusta o protagonismo. Gústame traballar pero por detrás. De feito estiven moito tempo colaborando con Josefa.
Agora que falas de Josefa venme a memoria unha entrevista nas nosas páxinas na que manifestou que o voso campo fíxose grazas a “ Los cojones de Javier Bas”.Ti opinas o mesmo?
Ben, grazas a Javier Bas, si. Pero a verdade é que o campo quedou un auténtico desastre. Entendo que o goberno actual non supervisou adecuadamente o desenvolvemento das obras. Non pasou o mesmo no caso do campo de Chapela que quedou xenial.
Comezaron coas obras para reformalo?
Non, aínda non. Dixeron que o farían probablemente en setembro ou outubro.
Parece que escolliches a temporada perfecta para colgar as botas?
Pois si, parece que si. Nos sénior ascendemos a segunda autonómica , nos veteranos gañamos a nosa liga, ascendemos e chegamos á semifinal da copa Deputación. A temporada foi estupenda para pórlle o broche de ouro á miña vida nos campos de fútbol. Tamén cheguei a unha idade na que me dei de conta de que a miña vida parece que só se cinguía ao traballo e ao fútbol, eh ben, sempre é interesante buscar outras alternativas.
Xa teño 60 anos. O fútbol segue apaixonándome pero agora tamén quero buscar outras formas de ocio e de lecer para as que antes non tiña tempo.
Pero vas abandonar de todo o Cesantes?
Non, un amor como ese nunca se abandona de todo. Seguirei sendo socio e colaborarei co club cobrando os carnés de socios que fixen eu. E se algún día puntual hai un problema, eu estarei encantado de botar unha man. Eso si, de maneira puntual. O que non quero, a estas alturas da miña vida, é que se converta en sistémico.
Ben, pero alén de non ter vida propia, supoño que todos estes anos no Cesantes deixaríanche experiencias positivas?
Si, claro que si. Un feixe delas. O que máis me gustou, e co me quedaría por encima de todo, é coa grande cantidade de bos amigos que fixen en todos estes anos.
Seguro que tes un montón de anécdotas
Moitas si, quixera destacar a miña relación con Josefa, para min foi como unha segunda nai. De todos os grandes amigos que fixen no Cesantes Josefa é a persoa que máis quero.
Xa que me falas de Josefa non podo evitar facerche esta pregunta: É verdade que Josefa lle levaba no descanso dos partidos licor café aos xogadores?
Si, é absolutamente certo. Facíao moitísimas veces.
Que tal coa directiva actual?
Moi ben, é unha directiva formada maioritariamente por persoas novas que o fan estupendamente e coas que teño moi boa relación
E agora que vas ter tempo xa sabes a que o vas dedicar?
A vivir, a vivir todo o que non vivín en todos estes anos. Quero aprender cousas novas que non sei, e facer con frecuencia as que me gustan moito como por exemplo o karaoke.

Redacción de Redondela

