Alberto Vilas, pianista de Redondela

Alberto Vilas Redondela

Despois de tres anos A Nova Peneira volve conversar con Alberto Vilas con motivo da presentación, o pasado mes de decembro, do seu último traballo “Once cancións e unha danza”. Alberto é un pianista excelso e un dos principais activos do universo cultural da nosa vila e para min, orgulloso cronista da vida redondelá, é un pracer volver conversar con el .

Creo que ao público encantoulle a idea e o resultado de -Once cancións e unha danza -”

Ves de sacar un disco en solitario?

Si, o meu último traballo titulado “Once cancións e unha danza”. Fixemos a presentación da edición física en decembro no Multiusos de Redondela. A edición dixital aínda non saíu, non está na internet, de momento.

Este disco é un pouco diferente ao que fixeches en “Naialma”?

Si. Á parte de que é só en piano, os temas non son meus orixinais. Os temas deste disco son do cancioneiro tradicional galego. A estes temas xa escritos, fágolle unha visión completamente nova e diferente, desde outra perspectiva, para achegar todo o que levo na miña mochila.

Alberto, vese na expresión da túa cara que este disco che apaixona?

Penso que este traballo é moi importante. É unha achega de algo novo, algo que non existía, pero tratando con todo o respecto á música popular galega. Creo que este traballo dálle un valor engadido á nosa música popular.

Fálanos das cancións.

Son once cancións populares, das máis coñecidas pola xente, calquera as pode levar no seu corazón ou na súa cabeza desde ben pequenos. Están aí desde sempre como o poden estar os nosos bosques, o noso mar e toda a nosa paisaxe. Podemos dicir que están na nosa paisaxe sonora.

Fálanos dalgunhas delas.

A Rianxeira, A saia da Carolina, , Ven bailar Carmiña-Carmela, Badaladas Mariñas, Collín toxos e flores, Catro vellos mariñeiros, O Miudiño, Camariñas, Alalá das Mariñas ou A Danza das espadas.

Foi complicado traducir estas cancións do refraneiro popular galego ao piano?

O resultado final encaixou todo moi ben, pero foi moi difícil e desfrutei moitísimo vestindo estas músicas con outras roupaxes diferentes.

Estas pezas non son novas versións, senón que hai partes novas creadas por min que fusionei con estas pezas, isto supón un risco, pero creo que á xente máis tradicional encantoulle a idea e o resultado.

A primeira creación deste disco foi a canción de Xan Carallás, é así?

Si, aquí empezou todo, como un xogo con esta canción. De aquí a continuar con todo o traballo pasaron uns anos, polo medio naceu “Naialma”, e logo, como resultado deste xogo naceu “ Once cancións e unha danza”.

Neste disco tes un agasallo a Redondela que é “A Portela”, fálame dela?

Si, estas músicas témolas asociadas a Redondela, pero de aquí son as letras, as músicas non o son. Xan Carallás é unha melodía vasca e a súa letra é fascista, dos carlistas, da época da guerra civil, isto case todo o mundo descoñéceo. Aquí cambiámoslle a letra, cambiámola pola gamela e convertémola nunha canción mariñeira.

E “A Portela” tamén vén do mar?

Non o podo asegurar. A melodía desta canción é un Vals da música clásica suramericana. Esta canción ten título e letra en castelán, pero levámola cantando desde sempre. Estou encantado co resultado do arranxo para o piano.

E o outro agasallo é “A danza das espadas”.

Si, da nosa Festa da Coca. Creo que na presentación este tema foi unha sorpresa moi grande e a xente quedou encantada. Esta danza leva escoitandose toda a vida con gaita e tambor e vestida con estes xogos harmónicos que lle din, o colorido tan bonito, que penso que ten que ver coas alfombras de flores da propia festa, tamén penso nas campás da Igrexa… O inicio ten unha introdución cunha melodía moi moderna como unha ilusión da danza, coma se estivese lonxe, penso que é fabulo o que aconteceu con esta danza, estou moi feliz con todo isto.

Valórame a relación co concello neste proxecto.

Pois moi ben. En canto propuxémoslle facer o concerto de presentación non houbo problema e déronme moitas facilidades. A acollida deste proxecto foi estupenda, encheuse o Multiusos no concerto de presentación, isto é dificilísimo para un concerto só de piano, sen letrista e sen coro, despois houbo unha sorpresa, pero non estaba anunciada.

Tamén quedou moita xente fóra e falouse da posibilidade de facer outro concerto un pouquiño máis adiante para que o poida escoitar todo o mundo.

Imaxinácheste tocando o piano co propio grupo da Danza das Espadas bailando?

Non, iso é moi difícil, non a pensei para bailar.

Agora vouche preguntar como profesor de música do conservatorio de Pontevedra. Como ves a relación da mocidade de agora e o estilo de música que escoitan?

Cando elaboraba este traballo deime de conta da importancia tan grande que tiña o que estaba a facer. Os nosos fillos e a xente moi nova seguramente descoñecen a maioría destes temas. Un patrimonio noso, da nosa cultura que se está perdendo, a música popular tamén é a historia dos mozos. Creo que a partir dun momento, coas xeracións máis novas, houbo unha ruptura tremenda na que deixaron de interactuar coas xeracións maiores. Espero que este este traballo sirva para achegar á xente nova á súa cultura. Esta ruptura tamén dáse noutros estilos como o Rock, a música clásica, o Jazz, o Folk. Esta música está a quedar moi lonxe deles, isto é unha traxedia. Eles teñen a súa música agora, esta música é purocomercio. Temos que distinguir claramente do que é arte e música, ao que é industria. Esta industria está a eliminar ao resto das músicas, é como unha enorme contaminación que o invade absolutamente todo, isto é o tráxico. Agora mesmo a xente que escoita música e arte é dunha idade máis avanzada, de 40 anos para arriba. Isto é moi triste.

Que sentiches cando tocaches con Iturralde aquí, neste mesmo auditorio?

Isto foi unha honra moi grande, tocar con un mestre como Pedro Iturralde, isto é unha emoción tremenda, sabes que estás a tocar cun xigante. Tamén toquei con Vittorino en Portugal, en Ébora, outro xigante e a voz viva máis importante de Portugal neste momento, cantou a Revolución dos Caraveis. Cando che pasa isto es consciente de que estás a vivir algo histórico e que es un absoluto privilexiado.

Para acabar Alberto, tes algún proxecto en mente do que nos poidas falar?

Teño varios proxectos en marcha que irei facendo na medida que poida. Tamén seguimos no Trío Circus, que non damos gravado nunca, ata o de agora só facemos música en directo.

Acabo de facer un ensaio pequeno do que pode ser a continuación de “Once cancións e unha danza” , este será un proxecto con voz, xa non digo nada máis…