Os investimentos necesarios

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

Escribo este artigo a poucas horas das eleccións galegas e, en consecuencia, antes de saber o seu resultado, pero verá a luz unha vez realizadas. Iso permíteme, se cadra, unha maior coherencia no discurso xa que o que vou expoñer é independente de se continúa o mesmo goberno ou chega un cambio. En calquera caso existen unhas necesidades no Val Miñor en xeral e en Nigrán en particular que necesariamente ten que ser abordadas polo goberno da Xunta que saia da convocatoria electoral.

Ben é certo que o partido popular rexeitou polo de agora ocuparse destas cuestións, pero se os galegos e as galegas lles dan a oportunidade de seguir gobernando o país, necesariamente debería atendelas, so pena de rematar de perder definitivamente o apoio da poboación miñorana. Pola contra, se se produce o cambio no goberno, o que esperamos do novo é precisamente que se ocupe dos asuntos ata o de agora desatendidos.

Dentro desas necesidades ocupa un lugar destacado a educación e a conciliación, co imprescindible incremento de prazas de educación infantil. No ano 2008 a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de Anxo Quintana deu un paso determinante ao crear as primeiras galescolas en Nigrán, Gondomar e Baiona. Máis de 15 anos despois as prazas existentes revélanse insuficientes para atender a demanda, o que amosa o éxito do servizo posto en marcha naquela altura. En Nigrán hai dificultade para escolarizar unha crianza, non xa na saturada escola infantil pública, senón incluso nunha privada. É urxente o incremento das prazas públicas ofertadas. Tamén é necesario a creación dun punto de encontro familiar mancomunado, que lles evite as familias ter que se desprazar a Vigo para utilizar este servizo.

Se de política social falamos, non se pode obviar a construción dunha residencia pública para as persoas maiores que ofreza unha cobertura tan necesaria sen depender do importe económico da pensión que reciben. Ten que ser un obxectivo garantir o acceso a unha praza pública ás persoas que o precisan.

No eido sanitario, dentro da mellora xeral da atención primaria, hai un servizo no Val Miñor que é urxente ampliar, o servizo de saúde mental, cunha dimensión absolutamente insuficiente para atender a poboación de referencia, que ten que sofrer unha espera que en boa medida o converte en ineficiente.

Noutro orde de cousas, hai que rematar coa discriminación que padece a veciñanza de Nigrán e de todo o Val, ao ter que soportar peaxes por circular por unha vía de alta capacidade que comunica os tres concellos coa AP9 e a A52, a diferencia do que sucede noutras comarcas do país como O Morrazo ou A Barbanza, que contan con autovías sen peaxes que unen os seus concellos entre si e a súa vez coa autoestrada. Non se sostén este trato distinto.

É preciso tamén abordar a rexeneración ambiental do noso medio, cun plan urxente para o ecosistema da Foz do Miñor, que o recupere mesmo para a explotación marisqueira que a contaminación impide. No mesmo sentido fai falla un plan de reforestación dos nosos montes con especies autóctonas que remate co monocultivo do eucalipto e elimine outras invasoras, porque é posible pasear pola Bahía de Vigo entre bosques de eucaliptos, pero o que queremos é camiñar pola ría entre carballeiras ou bosques de ribeira.