Tamara Garrido expón a súa obra en Redondela

Tamara Garrido

Entre os próximos 2 e 30 de xullo a artista ourensá ,natural de Xinzo cun taller en Vigo e outro en Allariz, Tamara Garrido, vai expor os seus cadros na sala dúas do multiusos da nosa vila. Ela é unha pintora moi influenciada pola chamada escola de Nova York ou dos artistas expresionistas abstractos americanos. Nós fomos coñecela. Velaí vai a nosa conversa

A arte é para min unha liberación persoal e unha forma de experimentar”

Que che trae por Redondela?

Veño a presentar a miña exposición, que comezará o día 2 no na sala dúas do multiusos. Redondela é unha vila que coñezo ben e na que me fai moita ilusión expoñer

A túa formación sempre foi polos camiños da arte?

Si, sempre. Xa desde que cursei o bacharelato de artes tiven claro que ese mundo ía ser o meu camiño

Todo comezou no bacharelato de artes?

Non, eu desde moi nena xa tiña inquedanzas artísticas e sempre andaba cos meus lapis enriba

Entón a artista nace ou pode facerse?

As técnicas pódense aprender pero a capacidade creativa eu creo que é innata

Cales son as túas principais influencias artísticas?

Especialmente o expresionismo abstracto americano cunha técnica específica dese estilo consistente en estender libremente o pincel. Uso tamén o acrílico e o óleo sobre lenzo .Tamén utilizo técnicas como o tachismo, a veladura ou o relevo

Que supón a arte para ti?

Unha liberación persoal e unha forma de experimentar

O da experimentación paréceme moi interesante. Cando vas pintar un cadro telo ideado a priori, ou o resultado final depende de como se vaia desenvolvendo o proceso creativo?

Inicialmente teño un concepto imaxinado, pero tamén me deixo fluír

Creo que, alén de darlle saída ás túas necesidades de expresión, a arte tamén a utilizas para outro tipo de aspectos moi importantes verdade?

Si, eu son educadora social e trato de facer terapia coa arte nos meus proxectos de intervención socio educativa con distintos colectivos como por exemplo Aldeas Infantís ou Alborada. Trato de axudar a que as persoas expresen os seus sentimentos ou sensacións a través da arte. Ten un beneficio duplo pois por unha banda axuda a canalizar as súas necesidades expresivas e pola outra ,desde un punto de vista psicolóxico, axuda a ver os problemas que puideran existir. De feito nalgunha ocasión tiven a axuda de profesionais da psicoloxía para podermos interpretar as conclusións que se podían tirar dalgunha manifestación artística.

A exposición en Redondela comeza o sábado dous de xullo. Ata cando vai estar?

Pois estaremos case un mes, xa que rematará o día 30.O horario da inauguración vai ser de 19,30 a 22,00h.Haberá música e petiscos e aproveito para convidar a todos os lectores e lectoras a que nos presten o tesouro da súa compañía. Agardo que os cadros gusten moito

E que se vendan moito tamén

Ha ha ha, si claro

Ti estarás por alí?

Na inauguración vou estar claro. E algún día máis tamén me achegarei. A min a verdade gústame máis o trato persoal nas exposicións que calquera outro tipo de vía virtual que nos sirva para contactar co espectador ou espectadora. Aínda que son consciente de que o mundo vai por esas vías. A inauguración ímola aproveitar para facermos unha presentación dos distintos proxectos nos que participei en distintas zonas do mundo.