A ONG Da Man

ONG da Man

DA MAN” é unha ONG de Redondela que colabora dando asistencia de todo tipo aos habitantes dunha rexión do centro de Senegal. Nós falamos con 4 mulleres da organización: Pilar Martínez médica pediatra xubilada e responsable da ONG, Teresa Alfaya dentista e responsable da área de odontoloxía, Rosa Martínez oftalmóloga e responsable da área e oftalmoloxía, e Dori, colaboradora e responsable do local .E en palabras das súas tres compañeiras unha das mulleres que máis traballa e cuxo labor é imprescindible para o colectivo.

A solidariedade fainos mellor como seres humanos e como sociedade”

Cando tanta xente sae nunha patera arriscando as súas vidas a as dos seus fillos non é por capricho, é por necesidade”

Tedes local físico en Redondela, onde está situado?

Na casa dos mestres

Describídeme en que consiste DA MAN?

Somos unha ONG que nos dedicamos á colaboración internacional en zonas que precisan axuda para o seu desenvolvemento.

Pero a vosa principal área de actuación é Senegal, non?

Si, nós nacemos no ano 2.011 despois de que unha serie de persoas levaramos dous anos indo ao Senegal. Antes traballabamos preto de Mali e agora estamos noutra zona máis próxima ao centro do país.

Como é esa zona?

É case desértica. Alí vive unha etnia que son gandeiros nómades. Nós traballamos moito e xa fixemos bastantes cousas, como por exemplo a escola, e como resultado comeza a producirse un proceso de asentamento de persoas

Caramba que ben, é para sentirvos moi orgullosas?

A verdade é que si, de feito cada ano que vamos vemos como aumentan os asentamentos. Como teñen servicios que doutro modo non terían; a escola o centro de saúde, auga… a tendencia natural é cara ao asentamento.

E de cara a fixar poboación existe a produción agrícola?

É moi escasa. Alén de cacahuetes , algo de millo ou unhas fabas moi pequenas típicas da zona hai moi pouca cousa. Intentamos plantar froiteiras pero non resultou. Onde estamos é a cola do Sáhara , unha zona desértica e moi complicada para a produción de alimentos. Eles viven fundamentalmente do gando

Vós comida física non levades, non?

Non, nós levamos cartos e mercamos alí para darlla a algunhas familias que están especialmente necesitadas. Iso non é algo que fagamos habitualmente, só en casos excepcionais cando nos informan que hai algunha familia en situación de especial necesidade.

Cando estades sobre o terreo as consultas médicas son de balde claro?

Si, claro

E o material que levades de onde sae?

Das doazóns que recibimos de hospitais e centros médicos e logo tamén facemos eventos nos que recadamos cartos. O concello de Redondela sempre nos bota unha man tamén, de maneira ininterrompida desde o ano 2.011.Por outra parte tamén hai empresas que colaboran economicamente de maneira moi xenerosa. E todo iso é imprescindible porque a cooperación sen cartos non existe.

Tanto traballo a cambio de nada compensa?

Si, sen dúbida. É moi duro, esgotador, pero tamén moi gratificante. A sensación que provoca ver a expresión de agradecemento de alguén ao que lle quitas unhas cataratas e pasa de non ver a ver non ten prezo

As condicións de traballo como son?

Moi rudimentarias. Eles non teñen case nada entón unha pequena cousa que lles poidas achegar, para eles é inmensa

As catro estivestes alí?

Si, todas.

E todas coincidides en valorar moi positivamente a experiencia?

Si, absolutamente

Se algún lector ou lectora quixese colaborar con vós que tería que facer?

Facéndose socio. Para elo teñen que entrar na nosa web daman.org. Quixeramos deixar claro que cada € que recibamos da xenerosidade dos demais vai para axudar ás persoas de Senegal que atendemos. Todos os gastos resultantes dos nosos desprazamentos e estancia en Senegal corren dos nosos petos. Nós somos unha ONG de cooperación formamos á poboación local para que aprenda. Se algunha persoa quere colaborar con nós alén de achegar algunha cantidade económica ou doazón de material, ten que ser aquí. Nós sempre imos segundo necesidade concreta e sempre con persoas da ONG

E recibides moitas solicitudes de colaboración?

Si, arredor de 150 cada ano.

Canto custa ser socio de Da Man?

5€ ao mes. É unha cantidade pequena que serve para moito. Temos que deixar claro que o facerse socio no garante a viaxe a Senegal. As viaxes artellámolas en función das necesidades. Nós traballamos moitísimo é un traballo moi duro e escollemos as e os compañeiros de viaxe en función da adecuación dos seus perfís ás necesidades que puidesen existir no momento concreto da viaxe.

Rematamos ; a modo de síntese cal sería a razón máis importante que vos motiva ao voso traballo na ONG?

A solidariedade, dar parte de nós en beneficio dos que menos teñen e máis necesitan, fainos mellor tanto como seres humanos como sociedade. Cando tanta xente sae de África nunha patera , arriscando as súas vidas e as das súas familias, non é por capricho é por necesidade. E ás veces sendo os galegos un pobo emigrante parece que non temos memoria. O problema por desgraza é que o fascismo está presente en moita mais xente do que parece.