
O Concello de Pazos de Borbén non se compromete a conseguir as cesións dos terreos para que a Deputación poida acometer as obras de mellora da estrada que une Amoedo e Os Valos.
Pazos de Borbén, 01 de decembro de 2021
Representantes da Plataforma pola mellora da EP-2702 reuníronse a semana pasada co Alcalde de Pazos de Borbén nun encontro do que, afirman, “non obtivemos ningún compromiso nin resposta clara por parte do Concello”. Sinalan que “máis ben todo o contrario, todo foi unha sucesión de escusas e trapalladas, por non dicir directamente mentiras”.
A Plataforma puxo enriba da mesa o mal estado e os perigos desta desta vía provincial, así como a boa disposición da Deputación que unicamente lle esixe ao Concello conseguir as cesións dos terreos para poder acometer a obra. Pero a resposta do rexedor foi “decepcionante”, segundo afirman.
O Concello só se mostra disposto a asumir os traballos para un primeiro tramo pero non para o resto, escudándose en que “noutros sitios o Concello non puxo nada”. Os representantes da Plataforma fixéronlle ver, aportando os respectivos convenios, que isto non só non era certo “senón que en todos os casos os concellos teñen que conseguir os terreos e, ademais, asumir entre un 20 e un 40 % dos gastos da obra, polo que as condicións para Pazos de Borbén inda son máis favorables do normal”.
A Plataforma comprende que “conseguir todas as cesións non é unha cuestión menor, pero así como se fixo noutros lados tamén se pode facer neste, é cuestión de poñerlle ganas e traballo”. Apuntan que incluso hai condicións beneficiosas que poden ser un incentivo para os veciños que se verían afectados “se hoxe un veciño estremante coa estrada quere facer un peche da súa propiedade ten que retranquear sete metros, de facerse a obra, se cede un metro vai poder pechar pola liña dese metro cedido”
Malia o desencanto co encontro, a Plataforma mostrouse disposta a agardar quince días antes de tomar decisións pero “diante desta negativa do Concello, sen que sexa quen de dar unha soa razón consistente que a sustente, se non hai avances vémonos abocados a un conflito e a mobilizacións veciñais”.