A República foi unha luz de esperanza que tratou de alumear a realidade negra e triste dunha sociedade española asoballada polas elites económicas e pola igrexa. E un dos aspectos nos que a luz republicana brillou con máis intensidade foi o da educación. A República, por primeira vez na historia do estado español, tratou de construír unha escola que formase homes e mulleres libres no canto de servos e súbditos. Cando chegou a longa noite de pedra do nacional catolicismo español, todo foi apagado de súpeto de maneira brutal e cruel. Unha das escolas republicanas que pechou o franquismo estaba na parroquia redondelá de Cedeira. E despois de moito tempo abandonada e de infinidade de trabas e problemas de todo tipo, a AV conseguiu recuperar o edificio para uso da veciñanza de Cedeira. O 14 de abril, o mellor dos días posibles, unha alcaldesa socialista fixo xustiza histórica inaugurando como público o que nunca debeu de deixar de ser público.Nós conversamos con dous membros da AV de Cedeira.
Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Xoaquín López e Juan Bautista Blanco da AV de Cedeira
“Convidamos á veciñanza de Cedeira a que faga uso dun local que é deles e para eles”
Que sabemos da escola republicana de Cedeira?.
O que coñecemos é por tradición oral. No seu momento o concello de Redondela pide un orzamento a dous mestres canteiros da zona( José Moreira e Manolo Sobrado) para reparar esa escola que estaba en mal estado.
E reformaron eles a escola?
Si, así foi. Estamos falando dos anos 1933-1934.
Na actualidade ese local é a sede da AV de Cedeira?
Si, solicitámolo ao Concello. Fíxoo o antigo presidente, Figueroa, en 1992.Pero como foi Escola Pública tivemos que ir ás institucións educativas pertinentes da administración autonómica.
Unha vez desafecta a escola houbo que levala a acordo plenario e reparala porque estaba en mal estado.
No pleno non houbo problema para que vola adxudicaran, supoño?
Non. Foi aprobado por unanimidade co voto favorable incluso do PP. No acordo consta que é para uso como local da asociación veciñal e tamén para uso da veciñanza.
Inaugurástela nun día moi significativo, o 14 de abril. Parece, polo que me contas, que foi un proceso complicado?
Si, houbo varios problemas e moi serios. Tes que ter en conta que se tardou moitísimo tempo en concretar un acordo plenario que,como che dixen, foi unánime. Neste sentido foi moi importante o consello parroquial de Cedeira, todo o orzamento que tiñan cedeuse para o arranxo da escola. No devandito arranxo tivo un papel relevante o obradoiro de cantería. Logo tamén tivemos problemas burocráticos significativos coa necesaria referencia catastral.Por outra parte algún dos problemas máis importantes púxoos o cura.
Que cura?
Waldo. El apareceu no Concello cunha carta que dicía que a escola era da Igrexa, algo absolutamente falso. Demostrouse con documentación que ese edificio non era deles. Cando se comezou a rehabilitación do edificio gobernaba o PP na nosa localidade e temos que valorar positivamente o traballo da ex concelleira Ana Alonso pois tomouse este asunto moi en serio.
A relación coa igrexa non é boa?
Non, non é boa.
Sabemos cantos alumnos puido ter a escola?
Polo que puidemos contar nas fotografías que temos arredor de 40.Pero tampouco temos máis datos. Esta foi unha escola republicana que unha vez comeza a guerra cesa a súa actividade e é abandonada.
Cal foi o motivo de que non se recuperase despois de rematar a guerra?
Non o sabemos pero entendemos que como foi unha escola da República ao réxime non lle interesaba tela aberta. Neses longos anos anos que estivo pechada foi cando, persoas e institucións, digamos con poucos escrúpulos, trataron de beneficiarse. A escola foille roubada á veciñanza de Cedeira polo franquismo e a AV conseguiu recuperar para o pobo o que nunca debeu deixar de ser do pobo.
Temos claro cales van ser os usos que lle ides dar ao local da antiga escola?
Como local da AV e para o uso xeral da veciñanza. De feito xa convidamos nunha asemblea a todas as asociacións de Cedeira a que participen da a actividade do local. Así por exemplo os gaiteiros de asubíos están xa ensaiando alí. Aproveitamos a oportunidade das vosas páxinas para convidar a todas as veciñas e veciños de Cedeira a que participen dun espazo que é deles.
Pagou a pena o esforzo de todos estes anos?
Si, absolutamente si.