No mes das nosas letras foi un pracer para min conversar co noso amigo e colaborador Aarón Franco, acerca do nacemento do seu primeiro poemario:” Punto e coma”.Natural de Marín, de 38 anos de idade e licenciado en historia pola USC é colaborador de A Nova Peneira case desde o principio. Despois de toda unha vida mergullado nas trincheiras da política e no universo cultural deste país, Aarón inicia unha apaixonante viaxe polos camiños do mar da poesía publicando a súa primeira obra:”Punto e coma”.Esta é unha singradura polas distintas etapas das súas emocións persoais, etapas que, como as de calquera persoa, atravesan ás veces océanos de intensa e negra treboada, pero que culminan na luz da resurrección lanzando un intenso berro de rebeldía fronte a dor, e de esperanza na luz do acougo e a paz.
“Que se fodan a dor e as sombras que nos axexan, e que viva a luz e todo o que nos fai sorrir é a mensaxe de esperanza e rebelión que pretende transmitir este libro”
Poeta, historiador, mestre como prefires que che presente?
Pois tendo en conta o contexto case como orgulloso colaborador de ANP.
Ti, ao igual ca min, estudaches a carreira en Compostela. Gustouche vivir alí?
Entusiasmoume , abofé que si.
Por que estudaches historia?
Combináronse dúas razóns:- Tiven a fortuna de formar parte dunha familia moi concienciada coa importancia da política e da relevancia dos procesos históricos na conformación das realidades que nos toca vivir a cada ser humano. Nese sentido, xa desde moi neno, o estudo dos textos históricos resultoume enormemente atractivo.
-Tiven profesores moi bos que souberon fomentar o meu interese por esta disciplina.
Algunha vez te arrepentiches de ter estudado historia?
Para nada. Todo o contrario. Os meus estudos de historia contribuíron decisivamente á miña construción como ser humano, o que ten moitísima máis importancia que calquera beneficio económico que che poida dar a formación académica que recibas na túa vida.
Por outra parte tiven a oportunidade de exercer brevemente a profesión, nas escavacións do Castro da Subidá, e hoxe en día gaño a vida dando clases nunha pequena academia particular. A miña breve experiencia na arqueoloxía valeume para comprobar que: a profesión está moi dulcificada, posiblemente pola influencia dalgunhas película, e as institucións non apostan como deberan polo estudo e conservación do noso pasado.
Desde cando xorde en ti o interese en escribir?
Probablemente desde o instituto. Grazas á influencia dunha grande profesora de literatura:María José Varela. As miñas primeiras poesías escríboas no ano 2006.De feito algunha está no libro.
Cal é a temática dos poemas do libro?
O libro ten unha liña temática intimista. Describe a evolución dos meus sentimentos ao respecto da morte. Vai dividido en catro capítulos.
Cales son?
-Pánico
-Dor, que son poemas dedicadas a persoas queridas para min que xa non están
-Pedra
-Resurrección
O libro ten 50 poemas e aproximadamente a cuarta parte corresponden a cada capítulo que se corresponden, cada un deles, cun ciclo vital emocional persoal.
Que período temporal da túa vida abranguen eses catro ciclos vitais?
17 anos,
Cando xurdiu a posibilidade de publicar e como se desenvolveu o proceso ata ver o libro nos andeis das librarías?
A posibilidade de publicar xurdiu hai arredor dun ano. Nese tempo retomei o costume de asistir a recitais poéticos e algunhas persoa, xa con experiencia e solvencia recoñecida, que tiveran a amabilidade de ler algún poema meu tratan de convencerme de que me anime a publicar. Entón comecei a recopilar os poemas que tiña escrito e dirixinme a varias editoriais.
E a súa reacción?
Non me gustou. As condicións que me formularon parecéronme abusivas. Que quede claro que eu nunca pretendín gañar cartos con este libro. A obra é unha homenaxe á miña nai e ao meu avó. Pero o que non me parece asumible é que haxa editoriais que practicamente fagan que o autor dun libro pague el mesmo a edición do libro.
Finalmente publiquei coa editorial TarQus de Santiago, que foros os que me ofreceron as mellores condicións.
Cando se publicou?
Saíu do prelo en abril deste ano. Chegou ás librarías o 17 dese mes.
Que valoración fas deste primeiro mes?
Absolutamente brutal. A primeira edición esgotouse, o que para ser poesía é excepcional, e xa imos pola segunda. Hai concellos nos que non estaba distribuído o libro que xa o están solicitando , o que para min é un inmenso orgullo.
Que tipo de resposta encontras nas lectoras e lectores?
Hai dúas clases de resposta diferentes: Hai quen me di que a obra lle encanta, e hai quen me di que lle resulta difícil de ler porque a temática do libro lle leva ao inevitable vínculo cos propios episodios de dor persoal, e en consecuencia provoca episodios de ultra sensibilidade. Eu recomendo unha lectura sosegada e dosificada. O libro pretende tirar unha mensaxe de rebelión, de rebelión fronte a dor.
Cales van ser as próximas presentacións de “Punto e Coma”?
O 7 de Xuño en Carballiño e o día 13 dese mes, unha presentación moi importante para min, na libraría Cartabón de Vigo.
En relación a esta presentación quixera agradecer a axuda de Lila Álvarez Pousa.
Tes pensado seguir escribindo?
Si, esa a intención. Estou tratando de retomar un proxecto de investigación sobre memoria histórica, en concreto sobre a figura de Alexandre Bóveda, co que levo xa bastante tempo.
Dime algún autor ou autora que che influíra decisivamente na construción do teu eu poético?
Rosalía e Lorca.
Rematamos Aarón: A que de todas as dedicatorias que escribiches a máis bonita e orixinal foi a que me escribiches a min?
Ha ha ha ha ha ha. Absolutamente si: “Que se foda a dor e a sombra, e que viva a luz” é unha mensaxe preciosa .En realidade é o que pretende transmitir o libro.