O alcalde de Ponte Caldelas recibe ao maxistrado xubilado Javier Casas

Javier Casas Ponte Caldelas

O pasado 7 de setembro Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, recibía no seu despacho a un ilustre veciño da vila, o maxistrado xubilado Javier Casas Estévez.

Javier é un orgulloso fillo de Ponte Caldelas, alí naceu e alí naceron tamén o seu pai e a súa nai, e asemade esta é a localidade de procedencia da familia da súa compañeira Fernanda. O pai de Javier foi secretario xudicial e os camiños da vida levárono a que boa parte da súa vida profesional transcorrese nas terras de Andalucía, comunidade á que o protagonista desta crónica chegou con tan só catro anos. En Málaga estudou o bacharelato, e a carreira de dereito cursouna na Universidade de Granada. Porén Javier nunca perdeu a vinculación emocional nin o contacto co seu pobo natal. Todos os veráns da súa vida acudiu, acode e ten pensado seguir acudindo, ao pobo que lle viu nacer a gozar do seu tempo de lecer. A súa carreira xudicial foi moi longa: Foi fiscal en Mondoñedo e en Viveiro, xuíz de primeira instancia en Santa Cruz de La Palma, e Vinaroz, maxistrado en Jerez e Donosti , presidente das Audiencias Provinciais de León e Pontevedra, e presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid ata a súa xubilación. Unha vez xubilado foi membro do Consello Consultivo da Comunidade de Madrid. Actualmente reparte o seu tempo entre a capital do estado e o seu pobo natal do que se confesa perdidamente namorado. De feito cando lle preguntamos que significaba Ponte Caldelas para el , contestounos:

“ Ponte Caldelas significa moitísimo para min. É o meu pobo natal, o pobo do meu pai, da miña nai, e da familia da miña muller Fernanda. Eu estiven en moitos sitios, teño xa bastantes anos, pero nunca , e cando digo nunca quero dicir literalmente nunca, deixei de manifestarme como un fillo orgulloso de Ponte Caldelas”

Andrés Díaz manifestou nas nosas páxinas que:

“ Para min non só como alcalde do pobo, senón tamén como veciño de Ponte Caldelas é un orgullo recibir no Concello a un fillo da vila coa traxectoria profesional e a solvencia intelectual do Maxistrado Javier Casas. Esta é a súa casa, e estou encantado de que nos visite sempre que o desexe”

Primer comentario

Deixa a túa opinión