– Os proxectos intégranse no Plan de Investimento Municipal, dotado con 2,7 millóns de euros de fondos propios que afecta a máis de 70 vías de todo o municipio. Todas as obras foron validadas por unanimidade nos correspondentes Consellos Parroquiais .

Redondela, 26 de setembro de 2026.

O Concello de Redondela continúa a bo ritmo co ambicioso Plan de Investimento nos Camiños Municipais, unha folla de ruta dotada con 2,7 millóns de euros de fondos propios para a modernización e pavimentación de máis de 70 camiños repartidos por todo o municipio. No marco deste plan global acaban de adxudicarse os traballos de catro vías, tres na parroquia de Ventosela e outro en Trasmañó, cun orzamento total de 105.291 euros.

  • En Ventosela as obras realizaranse no camiño da Fontecova, cunha dotación de 44.193,90 euros. Actuaranse en dous tramos que suman 877 metros de lonxitude para renovar o firme asfáltico en quente e instalarase unha nova rede de drenaxe soterrada, arquetas e sumidoiros para corrixir as escorrentías. O segundo dos camiños desta parroquia é o do Requeixo, cun orzamento de 20.521,01 euros para aplicar unha capa de regularización e recrecido con mestura bituminosa en quente nun tramo de 130 metros. O terceiro é o camiño da Cotacha, onde se pavimentarán os 180 180 metros da vía con melloras de drenaxe mediante canaletas con reixela e medio tubo de formigón. O investimento será de 17.586,66 euros. No caso de Trasmañó renovarse o camiño da Cabadesa cunha partida de 22.990,00 euros para un tramo de 96 metros de longo onde se substituirá o vello firme deteriorado por unha nova soleira de formigón lixeiramente armado de 12 cm. de espesor.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o valor destes investimentos para mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas das parroquias, tanto para o tráfico rodado como para os peóns. A rexedora puxo en valor que se trata de obras “moi demandadas” e que foi a propia cidadanía a que as escollou por unanimidade nos Consellos Parroquiais “o garante que os investimentos municipais van exactamente a onde a veciñanza o necesita”, sinalou Rivas.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, puxo en valor o impacto das obras dentro do conxunto do municipio. “Imos renovar máis de 70 camiños por todo o territorio de Redondela. Non se trata só de reparar, senón de renovar totalmente o firme con asfaltado ou formigón e solucionar tamén os problemas estruturais de canalización de augas pluviais. Villar explica que deste xeitoas infraestruturas rurais serán “máis sostibles duradeiras e preparadas para as inclemencias do tempo, minimizando os custos de reparación no futuro”.