
Tráfico elevado, incluídos vehículos pesados, pésimo estado do firme, falta de espazos para peóns, curvas perigosas, vía estreita… son as características da estrada provincial EP-2702, que comunica Amoedo e Os Valos. Alternativa Veciñal dirixiuse á Deputación para coñecer cales son os plans da institución provincial para acometer as melloras urxentes que precisa esta vía que, no seu estado actual, supón un perigo para vehículos e peóns.
Segundo informa a Deputación, está redactado dende xullo de 2018 o proxecto de ensanche e mellora da seguridade víal, proxecto que se dividiu en fases, de acordo co Concello de Pazos de Borbén, debido ao seu elevado custo e ao gran número de cesións de terreo precisas. Os primeiros tramos a acometer serían o que atravesa a parroquia de Nespereira e o que comunica Nespereira cos Valos.
O 21/05/20 tivo entrada no rexistro do Concello unha comunicación da Deputación coa relación de parcelas e superficies afectadas, debendo o Concello tramitar as cesións precisas para a súa ocupación. Estes trámites, imprescindibles para comezar as obras, segundo resposta do Alcalde no último Pleno inda non comezaron.
Alternativa Veciñal vai reclamar que comecen de inmediato os trámites para a ocupación dos terreos e, así, poder iniciar as obras. Unha vez máis, os veciños e veciñas teñen que sufrir a falta de traballo e xestión do goberno de Andrés Iglesias, neste caso, provocando atrasos nunhas obras necesitadas de urxencia.