XIX Edición do festival Nigrán Jazz

A foto é de Aarón Parks,a grande estrela desta edición do festival

Entre os próximos días 17 e 19 de Xullo vaise desenvolver a XIX edición do festival de Jazz de Nigrán. O evento celebrarase como sempre no marabilloso escenario do Esteiro de Foz.

Non é nada doado manter tanto tempo con vida un festival desta calidade, polo que ao longo destas case dúas décadas de existencia pasaron os mellores músicos de Jazz de todo o mundo. Cada ano milleiros de persoas achéganse ata Nigrán para gozar dun festival de enorme calidade que se desenvolve nun entorno de grande beleza. E son varios os factores que fan posible o éxito do Nigrán Jazz: O decidido apoio do Concello, a beleza do lugar no que se fai, e a categoría e o carisma do seu director, Felipe Villar, un home que é capaz de traer a Nigrán a calquera artista que destaque no universo musical do Jazz.

Un ano máis foi un pracer para min falar cun tipo agradable , culto e gran conversador:

Felipe Villar, director do Festival

Estarei encantado se o Nigrán Jazz pode transcender á miña persoa e continuar cando eu non estea”

Ben, esta é a XIX edición do festival e creo que a X vez que te entrevisto. Desta volta non che vou preguntar como comezou todo para non enfadar aos lectores e lectoras, que xa o deben de saber de memoria

Ha, ha, ha, ha…En calquera caso mellor así porque xa pasaron moitos anos e comezamos a correr o risco e que me vaia esquecendo dos inicios.

En que datas se desenvolve este ano o Festival?

Este ano facémolo unha semana antes das nosas datas habituais.

Por que?

Foi debido a evitar coincidencia con distintos eventos que programou o Concello para o verán.

Comezamos que día?

O xoves 17 cunha Jam session no Malabar Pénjamo, un local na praia de Patos. O festival en si celébrase o venres 18 e o sábado 19 no espazo de sempre, no marabilloso Esteiro da Foz.

Que horario ten?

No Esteiro da Foz os concertos son a partir das 21:00, logo hai un segundo concerto ás 22:30 e finalmente unha Jam session arredor das 0:00h .A MasterClass é o sábado 19 ás 12:00 no Concello con Aaron Parks, se cadra a grande estrela desta XIX edición do festival.

Ben, falemos dos artistas?

Abrimos cun músico local, Manuel Cebrián, que é o director da escola de música de Nigrán. El ven de sacar o seu primeiro disco no mundo do Jazz. É un musico moi versátil que tamén toca folk e outros estilos.

Como é o seu primeiro disco de Jazz?

É un disco de Jazz moderno con influencias dos máis destacados músicos da actualidade.

O segundo concerto do venres?

Ven a banda de Carmen Vela, maioritariamente de Madrid. Ela é unha frautista que ten unhas moi interesantes fusións do Jazz co mundo do flamenco. Ela é unha artista premiada pola plataforma de Jazz de España.

Despois do segundo concerto teremos a Jam do venres?

Efectivamente. Se cadra as Jam son os momentos máis espectaculares, ou polo menos os máis divertidos, do universo do Jazz. As Jam session son máxicas, e para min son o mellor do Nigrán Jazz.

Calquera persoa do público pode subir a tocar?

Sempre que saiba facelo, claro.

Normalmente as persoas que soben, saben facelo?

E tanto que si. Normalmente o nivel das Jam de Nigrán é moi alto.

Teste atopado algunha vez con algunha persoa que suba a tocar e que che deixe abraiado polo ben que o fai?

Moitas veces. Por salientar unha: hai un par de anos un portugués bastante novo que se puxo a cantar unha balada con tanta calidade que nos fixo emocionar a todos os que estabamos no escenario.

Agora toca falar do sábado?

Pois a arquitectura do sábado é a mesma cá do venres. Temos un primeiro e un segundo concerto e pechamos cunha Jam

Quen abre?

O quinteto de Marcel Pascual que é un vibrafonista catalán. El é catalán, pero está afincado en Galicia. Ven a presentar “Fluctuaciones” que é un disco que quitou hai un par de anos con músicos galegos.

E logo o concerto estrela?

Pois si, a grande bomba deste ano, que grazas ao cambio de datas nos foi posible facer realidade: o concerto do grande Aaron Parks pechará o Nigrán Jazz 2025.

Fálanos del?

El é un pianista americano novo, que está considerado como un dos mellores pianistas deste século. El na actualidade vive en Lisboa.

E como fas para conseguir o contacto dun dos máis importantes pianistas do mundo?

O mundo do Jazz é moi pequeno e case todos os que formamos parte del acabamos por coñecernos.

Custouche convencelo para que viñera?

Nada en absoluto. Vai vir coa parella e cos seus nenos e teño a impresión de que lle apetece moito vir. Virá cunha banda de músicos portugueses. Un deles, contrabaixista, xa estivo nunha edición anterior do noso festival.

E unha vez remate Aaron Parks, pechamos a edición coa última Jam session?

Pois si, teremos o quinteto de Rosolino Marinello, un grande saxofonista italiano, que tamén leva moito tempo afincado en Galicia. Vai ser unha Jam session espectacular que seguro lle porá un grande broche de ouro ao Nigrán Jazz..

E en nada xa terás que comezar a deseñar a XX edición?

Uff..Imos acabar primeiro a XIX e logo a desconectar un tempo para baixar a adrenalina.

A previsión de asistencia: moi positiva como todos os anos?

Veremos que acontece co cambio de datas, pero considero que non debe de haber motivo para que non sexa moi boa como sempre. O cartel é moi atractivo, o espazo é marabilloso, haberá todo tipo de servizos para que a xente estea cómoda, o festival xa está consolidado como un dos eventos relevantes do Val Miñor e estou seguro de que será un éxito como o ten sido ata agora.

Como vos financiades?

O organizador e o principal sostén económico é o Concello de Nigrán, sen eles nada disto sería posible. Logo a DEPO tamén achega algo e finalmente temos patrocinadores privados aos que lle quero expresar desde as vosas páxinas o meu agradecemento máis profundo.

Os patrocinadores búscalos ti, Felipe?

Pois si, non é que sexa o que máis me gusta precisamente, pero non queda outro remedio.

Este é o mellor festival de Jazz de Galicia?

Non, é un máis. En Galicia hai magníficos festivais de Jazz:Moaña, Cangas, Pontevedra…

Rematamos : Aínda es novo e quédache moita corda, pero algún día ti non estarás. Cando ese día chegue ves factible que o Festival Nigrán Jazz transcenda á túa persoa?

É perfectamente factible e asemade é o desexable. Se eu podo organizar isto tamén o pode facer calquera outra persoa, de feito eu estaría encantado de que o Nigrán Jazz continuase despois de Felipe Villar. Só hai que ter vontade, gañas, presuposto pala podelo facer, e amor polo jazz.