
Existe unha parte do PSOE que en momentos de especial tensión política sempre toma partido a prol das teses do PP. É unha parte cuantitativamente moi pequena que en absoluto representa a opinión da inmensa maioría dos militantes socialistas. Porén é cualitativamente notable, pois está liderada por Felipe González, Alfonso Guerra e algunha outra figura xurdida do congreso de Suresnes. É o PSOE da cal viva, de Filesa e dos ERE. É o PSOE de Barrionuevo e de Corcuera. E tamén é o de Paco Vázquez, o señorito ultra conservador de “La” Coruña que ten de socialista o mesmo que pode ter o inspector Torrente de erudito experto en filosofía. É un PSOE que a súa militancia terá que ter a lucidez e a valentía necesarias para botar polo sumidoiro dunha vez por todas, para que exista algunha posibilidade realista de artellar gobernos decentes de esquerdas , que non estean condicionados por ningún cabalo de Troia.
Non lles vai ser nada doado rematar coa infección interna, pois é unha enfermidade que xa ten moito tempo de existencia e cuxos principais protagonistas teñen un papel de enorme relevancia na historia do PSOE: as maiorías absolutas máis importantes tras a morte de Franco.
Todo comezou no ano 1974 cando se celebrou na localidade francesa de Suresnes a décimo terceira asemblea socialista española no exilio. Este congreso tivo unha especial importancia na evolución do PSOE, xa que a vitoria da dirección que encabezaba Felipe González trouxo consigo a modificación da liña ideolóxica e política do partido, convertendo ao PSOE nunha organización sistémica imprescindible para a consolidación da monarquía posta a dedo por Francisco Franco.
Neste sentido considero especialmente interesante a visión do xornalista madrileño Alfredo Grimaldos que podemos ler no seu libro “ La CIA en España”( editorial debate).Nesta obra, Grimaldos defende que a operación Suresnes foi deseñada e controlada pola CIA para manter a tutela sobre España, favorecendo a creación dunha arquitectura política de alternancia de dous partidos que en ningún momento puxeran en perigo os intereses do establishment dominante. Grimaldos, que publicou diversos materiais sobre a presenza da CIA en España, afirmou tamén que González e os seus principais apoios no obxectivo de controlar o PSOE,Guerra, Solana, Redondo e Mújica, viaxaron a Suresnes nun único coche con protección oficial e pasaportes legais expedidos polos servizos secretos de Carrero Blanco. O obxectivo semellaba claro: desbancar á dirección socialista no exilio, que encabezaba Rodolfo Llopis, e substituíla por unha executiva favorable ao deseño político que o franquismo tiña preparado para España: Cambio aparente para que nada cambie na realidade. É dicir: ao poder económico, á igrexa e aos responsables do golpe de estado o asasinato e exilio de centos de miles de españois e españolas nin se lles toca.
Porén o programa aprobado naquel congreso tiña algunhas cuestións semánticas revolucionarias. Así por exemplo falaban de “ socialismo de autoxestión” e do “dereito á autodeterminación” dos pobos de España. Quen non lembra aquela mítica imaxe do presunto señor X, perdón de Felipe González en que estaría eu pensando, berrando “ Gora Euskadi Askatuta” nun mitin no País Vasco.Pero a realidade dos feitos amosou que toda esa teoría revolucionaria en absoluto se correspondía coa verdade, só eran significantes sen significado real, que tiñan por obxecto quitarlle terreo ao PCE nas bases sociais do antifranquismo.
Se repasamos a traxectoria histórica de Felipe González despois de ter abandoado( supostamente) a primeira liña política, parece que as teses de Grimaldos teñen visos de verosimilitude.González converteuse nun oligarca, habitual compañía de multimillonarios, que non deixou nunca de facer dano ao seu partido e que sempre, absolutamente sempre, toma posición a favor das teses da dereita e da ultradereita.
O climax da deriva dereitosa de González aconteceu nunha recente entrevista co xornalista Carlos Alsina na que manifestou que non votaría ao PSOE porque a amnistía lle parecía unha vergonza o unha barrabasada. A el, que tivo á cúpula do ministerio do interior no cárcere por terrorismo de estado e que foron indultados pouco despois polo executivo de Aznar, a amnistía parecíalle unha vergonza.
A presidenta do PSOE de Sevilla, Amparo Rubiales, anda a promover estes días unha recollida de sinaturas pedindo a expulsión de Felipe González do PSOE.Se eu fora, que non o son, militante dese partido asinaríaa con certeza. Sería un acto de xustiza poética que un traidor desleal como González, que non fai outra cousa que facer dano ao seu propio partido, quede retratatado ante a historia desa maneira.E desde logo a auténtica rexenaración do PSOE pasa por desprenderse de maneira definitiva, dos que desde dentro levan toda a vida traballando para favorecer os intereses políticos dos adversarios.
