O Festival Nigrán Jazz

Nigrán Jazz Felipe Villar A Nova Peneira

XIV anos de éxitos

Nos últimos días do pasado mes de xullo celebrouse a decimo cuarta edición do festival Nigrán Jazz. E como é tradición nesta casa achegámonos ata Nigrán a conversar con Felipe, o seu director. Desta volta as circunstancias sanitarias fixeron que o festival fose un pouco diferente, pois por vez primeira diversificáronse os concertos e alén do marabilloso escenario da Foz, tamén se celebraron nas praias de Panxón e Patos. Por descontado seguiron todos os protocolos de prevención esixidos polas autoridades sanitarias. Na nosa conversa, Felipe, non só nos contou as características do Nigrán Jazz 2.020 senón que repasa a lamentable situación na que se encontran as mulleres e homes que se dedican á música. E deixa moi claro que esta circunstancia non é motivada pola pandemia vírica, xa viña de antes. A COVID só foi a puntilla.

FELIPE VILLAR, DIRECTOR

HABERÍA QUE REPENSAR O PAPEL QUE A MÚSICA EN DIRECTO XOGA NA SOCIEDADE”

Acabamos de celebrar unha nova edición do Nigrán Jazz; e van?

Pois xa son 14 edicións. O tempo pasa moi rápido

Supoño que as circunstancias que estamos a vivir farían que esta fose bastante diferente a todas as demais?

Obviamente non foi igual pero considero que, dentro das necesarias restricións de seguridade sanitaria, logramos que se achegara bastante á normalidade

Xa ten mérito

Ben, foi con moito esforzo claro. Procuramos delimitar moi ben tanto o acceso como a necesaria separación de metro e medio entre as cadeiras

Cantas cadeiras puxestes?

240. Sempre separadas pola distancia que antes che comentaba agás nos casos de agrupacións de persoas que conviven no mesmo domicilio, que nese caso estaban xuntas. Chegaron a entrar 350 persoas, pois logo hai máis espazo onde a xente se podía situar, respectando as medidas de seguridade. De feito tivemos dúas persoas de seguridade que se ocuparon de que fose así.

Todo resultou ben?

Si. Todo foi moi tranquilo e ordenado. Eu a verdade fiquei moi satisfeito

A asistencia media dos últimos anos canta era?

Arredor de 1.000 persoas. Eu estou seguro de que en canto recuperemos a plena normalidade a asistencia ao Nigrán Jazz seguirá a tónica habitual. De feito, este ano como che dixen entraron 350 persoas, pero arredor de 250 máis quedaron fóra pois o respecto ás medidas de seguridade impedía que entrase ninguén máis.

En canto aos grupos participantes, que nos contas?

O máis importante é que o nivel musical non se resentiu. Reducimos os concertos na Foz e fixemos algúns nas praias para podermos diversificar e que máis xente puidese gozar do jazz. Houbo un concerto de FUZZO na praia de Patos, e outro de Sergio de Miguel unha nova promesa que está en Nova York na praia de Panxón, un pianista de enorme talento. Logo comezamos na Foz co noso prato forte YUMI ITO, unha magnífica cantante polaco xaponesa

Caramba vaia combinación

E non queda aí a cousa, pois está afincada en Suíza e ten vínculos emocionais con Galicia. A verdade é que o seu concerto tivo un éxito enorme

A diversificación dos escenarios é unha novidade, non?

Si, motivada polas circunstancias sanitarias claro.

Que tal a experiencia nas praias?

Vamos ver, achegar o jazz ao público sempre está ben, pois por outro tipo de canles témolo difícil. Porén nestas circunstancias, unha praia non é o lugar máis adecuado para podemos cumprir as medidas de seguridade sanitaria. E asemade, aos músicos cómpre darlles escenarios dignos para faceren o seu traballo

Tivestes jam session esta edición?

Si, adaptámola e fixémola no propio escenario do festival. É algo que a min non me gusta demasiado, pois convértese nalgo un tanto frío, pero as circunstancias mandan.

Segues valorado satisfactoriamente a colaboración que vos presta o Concello?

Abofé que si. E este ano máis ca ningún outro. O concello está moi implicado, e estou encantado tanto co traballo do alcalde como dos concelleiros que traballan arreo na organización do festival.

E no que respecta ao financiamento, que nos contas?

O orzamento, con algún matiz, puidémolo manter igual. Nós conseguimos algún financiamento extra con apoios de distintas casas comerciais

Estamos xa pensando na XV edición Felipe?

Con acougo claro, pero si.

Un ano máis agradézoche a túa atención Felipe, e remato cunha pregunta que non quixera facer : As circunstancias que estamos a vivir fan que para as persoas que coma ti, vivides da música , sexa unha situación extraordinariamente difícil, e quero coñecer o teu parecer?

A verdade é que a situación dos músicos xa era moi mala antes do estoupido da crise sanitaria. Os músicos vivimos nunha situación de precariedade permanente. Coñezo músicos e músicas cunha formación excelente e cun talento sobresaínte aos que non lles queda máis remedio que renunciar e buscarse a vida por outro lado. Esta situación é, ao meu xuízo, unha vergonza, e di moito e todo malo de como está a sociedade. Agora o COVID vai acrecentar esta situación e literalmente se pode dicir quen en Galicia non vai a haber quen viva de tocar música en directo

Vaia, pódese dicir con esa dureza?

A día de hoxe, en Galicia non hai máis de 3 ou 4 persoas que poidan vivir de tocar música en directo. E se iso é así na música en xeral, no ámbito do jazz máis aínda. Por desgraza nós somos unha música completamente marxinada, mira por exemplo a programación de Vigo en Festas, sen un só grupo de jazz

Que panorama máis sombrío¡¡

E tanto que si. Eu creo que se lle perdeu o respecto á profesión de músico, pero isto xa ven de moito tempo. O covid só é a espoleta que vai facer que todo aflore de súpeto e impacte de maneira brutal nos músicos e músicas. Eu creo que hai que repensar que papel xoga a música en directo na sociedade.