“VIVA EL REY¡”

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

Pouco antes do pasado 12 de outubro, festa nacional de España, unha plataforma denominada “Libres e Iguales” facía público un vídeo na que 183 persoas, que supostamente son significativas nos campos nos que desenrolan as súas actividades, manifestaban enchidos de fervor monárquico a súa posición política a través da expresión vocativa “Viva el Rey”. Se, como supoño, a finalidade de tal acto foi amosar unha ampla variedade de segmentos sociais, políticos , culturais e profesionais ,a modo de representación da sociedade española, mostrando o seu apoio á institución monárquica, o resultado foi un fracaso rotundo, pois o que se podía concluír despois de velo completo é que a monarquía española ten un gravísimo problema, xa que só os sectores da dereita e da ultradereita semellan sentirse cómodos con ela. É dicir, o xefe do estado éo legalmente de todos os que nel vivimos pero non o é nas emocións dunha parte moi significativa dos cidadáns e cidadás do reino de España . De feito ao final do vídeo, os propios organizadores informaban de que trasladaron o convite para intervir na súa iniciativa a todos os líderes dos distintos partidos políticos, agás Bildu, aos membros do goberno, aos presidentes autonómicos e a moitos outros e outras que, ou deron a calada por resposta ou xustificaron a súa negativa a participar. Só dúas persoas que no pasado como Paco Vázquez e no presente como Emiliano García Page tiveron relación coas siglas do PSOE, que non co socialismo, participaron na expresión colectiva do vocativo. A ampla maioría dos que interviñeron tiñan relación directa coa dereita política, coa ultradereita ou coas posicións máis rancias e casposas do folclorismo hispánico. Non sei se a ausencia de Torrente, entre os que declamaban, obedeceu a que os organizadores esqueceron avisalo, ou foi unha das persoas que declinou o convite. En calquera caso foi unha mágoa que non estivera, pois a súa presencia convertería nun excelso póker de ases as augustas intervencións de Bertín Osborne, Tamara Falcó ou Belén Esteban. Pero o vídeo non está composto só con intervencións dese tipo de perfís, digamos riquiños, tamén as hai de persoas que representan os máis elevados valores da cultura e a intelectualidade, así por exemplo podiamos mencionar a Arcadi Espada, aquel que preguntaba ao deputado Gabriel Rufián :” La polla, mariconazo, como prefieres comérmela: de un golpe o por tiempos?” ,ou Albert Boadella paradigma do macho tabarnés que dicía que “las manos de un macho no están para estar quietas”, ou Plácido Domingo que seica aplicaba presuntamente con moita frecuencia o aforismo do gallardo capitán da lexión de machos de Tabarnia. Matadores de touros, políticos da dereita como Pablo Casado, da ultradereita como Rosa Díez, axentes comerciais das oligarquías económicas como Inés Arrimadas ,xornalistas como Carlos Herrera ou escritores como Mario Vargas LLosa completaban o elenco de apoloxistas da institución monárquica.

O mesmo día da aparición do vídeo 16 medios de comunicación diferentes, entre os que estaba o galego Praza.gal, impulsaban unha macro enquisa en todo o estado para preguntar as preferencias pola forma política do mesmo a 3.000 persoas de todo tipo e condición. O seu resultado segundo podemos ler en Praza.gal é que no conxunto do estado un 40,9 % das persoas ás que se lle preguntou o que votarían, nun hipotético referendo entre monarquía e República, manifestan que escollerían a papeleta republicana, fronte ao 34,9% que preferirían a opción monárquica. En Galicia o resultado da enquisa estréitase ata o empate técnico pois un 41,1% dos que a responderon afirman que votarían por unha República fronte a un 40,2% que se definen a prol de continuar coa monarquía. En calquera caso resulta obvio que unha moi ampla porcentaxe de cidadáns non están cómodos coa actual arquitectura política do reino de España e desexan ser preguntados en concreto un 47,8% queren opinar fronte un 36,1% que non o desexan segundo podemos ler nos resultados desa mesma enquisa. E quen lle nega a voz aos seus cidadáns e cidadás non é un demócrata, quen fai coincidir as fronteiras da liberdade coas dos seus parámetros morais non é un demócrata. Quen ocupa o máis alta maxistratura dun estado sen ser refrendado pola vontade maioritaria dos seus habitantes nin é demócrata nin é lexítimo, pode ser legal pero non lexítimo. O outro, o “Viva el Rey” non é nada máis que a expresión , lícita e lexítima, dunha parte da sociedade, dos que prefiren que a xefatura do estado sexa patrimonio perpetuo dunha familia a que a decidamos entre todas e todos.