CD Nieto

CD Nieto

O CD Nieto é un equipo de fútbol da Avenida Ramón Nieto de Vigo. Oficialmente federouse en 1943 pero polas novas que teñen o seus actuais directivos, parece que en realidade naceu nos anos 30 do século pasado. Estamos ante un equipo que non debe de andar moi lonxe dos cen anos de vida , xa que logo debe de ser dos máis antigos da urbe Viguesa. Os seus fundadores foron antigos traballadores da fábrica de Álvarez, e o seu caso e un dos moitos exemplos nos que o voluntarismo e o enorme traballo dalgunhas persoas concretas que queren profundamente ao equipo, permítelles seguir vivindo. Actualmente disputa os seus partidos no campo municipal do Meixoeiro e máis de 200 rapaces e rapazas( moi poucas) poden practicar este deporte grazas ao ao meritorio traballo da súa xunta directiva. Nós falamos con Agustín, un home do Carballiño que desde hai máis de 2 décadas preside o CD Nieto.

Agustín Rodríguez García, presidente.

O Club tivo unha época bastante crítica, pero as cousas fixéronse ben e construímos as bases para termos un futuro sólido”

Queremos coñecerte un pouco Agustín?

Ben, eu son natural do Carballiño, vivo en Vigo e traballo no sector das telecomunicacións.

Cando comezou a túa relación co fútbol en xeral, e co Nieto en particular?

A miña relación co fútbol foi e exclusiva co CD Nieto. Todo comezou cando o meu fillo , de cativo, veu xogar a este equipo.

Entón a partir de aí, comeza a túa implicación co equipo?

Ben, digamos que me foron implicando

Ha, ha, ha, ha. Explícame iso?

Pois nada, comecei axudando no que podía e aos poucos fóronme metendo na dinámica do equipo ata que me “ empaquetaron” a presidencia.

Canto tempo levas de presidente?

Non estou seguro pero arredor de 20 anos.

Cantos equipos ten o Nieto?

10

Son todos masculinos ou tedes algún feminino?

Non temos equipo feminino, o que si temos é algún mixto no que xogan nenos e nenas.

Aproximadamente cantas fichas podedes ter?

Arredor de 200

Desas 200 fichas cantas son nenas?

Moi poucas, só tres ou catro.

O custe económico de cada ficha, dependendo da categoría, pode chegar aos 150 €, se o multiplicamos por arredor de 200 fichas dános unha cantidade case astronómica para un equipo como o Nieto. Como vos financiades?

A cuestión económica é un problema serio si, non só as fichas tamén están as arbitraxes e unha multitude de gastos varios. Temos varias vías de financiamento: A achega do Concello, algo que quitamos da DEPO e algo da Xunta. Logo están os recibos, que é a cota que pagan os pais dos xogadores, a venda de lotaría e un pouco que tamén quitamos por publicidade.

Como se porta o Concello de Vigo con vós?

Bastante ben aínda que non estaría de máis se se implicaran un pouco máis.

Onde disputades os vosos partidos?

No campo municipal do Meixoeiro.

Que tal están as instalacións?

Están bastante ben, pero o mantemento é escaso. Así por exemplo a instalación eléctrica falla con certa frecuencia. Eu comprendo que o Concello de Vigo é moi grande e que resulta moi complicado chegar a todos os sitios pero insisto en que o mantemento das nosas instalacións é mellorable.

Cantos aos de historia ten o CD Nieto?

Estamos federados desde o ano 1943, pero o Nieto xa existía na década dos 30 do século pasado.

Entón tendo en conta a data na que vos federastes estamos ante un equipo de moita historia na cidade de Vigo, que xa superaría as 8 décadas de vida?

Eso si só temos en conta a data na que nos federamos pero xa che digo que en verdade empezamos bastante antes. Hai moitos anos puxérase en contacto comigo un home que vivía en Barcelona e resulta que foi un dos fundadores do Nieto. Contoume que a idea partiu dun grupo de traballadores de Álvarez que foron os que fundaron o equipo.

A afección que ten o Nieto é afección de Ramón Nieto que poida sentirse emocionalmente vinculada ao club, ou son familiares dos xogadores?

Fundamentalmente son familiares de xogadores.

Ten futuro o Nieto?

Tivemos unha época moi crítica, pero creo que agora estamos bastante ben, e si, si que temos futuro, estou seguro

Pero ti xa non es un rapaz, Agustín, e os que están contigo na directiva, polo que eu sei, tampouco. Haberá xente nova que estea interesada en tomar o relevo cando vós, por idade, ou por falta de gañas, xa non esteades?

Eu creo que non só o noso club en particular, senón todo o fútbol modesto en xeral, para poder sobrevivir debe de reorientarse e funcionar como se fose unha empresa, os seus xogadores e xogadoras os seus clientes e o recibo que paguen debe de ser a base fundamental do seu sustento económico.

Eu creo que esa vai ser a tendencia porque eu non comprendo como en calquera actividade que te apuntes por menos de 40-50€ ao mes non a podes facer. Porén, no fútbol modesto por pouco máis de 100€ ao ano xa o podes practicar toda a temporada…

É dicir, os recibos que cobrades son moi baratos?

Efectivamente, e con iso non dá para sobrevivir

Que uniforme tendes?

Camiseta e medias verdes e brancas e pantalón branco.

En que categoría compiten os séniors este ano?

En 3º autonómica, e non vamos nada ben a verdade. Temos problemas serios para encontrar xogadores que se sintan vinculados afectivamente ao club.

Cal foi a máxima categoría na que chegastes a militar?

Estivemos en primeira autonómica e incluso chegamos a gañar a copa Vigo.

Ben, supoño que as aspiracións serán volver a subir de categoría o antes posible?

Si, claro. Temos unha canteira con bos equipos e moi bos xogadores e agardamos que o antes posible poidamos chegar a construír un equipo sénior solvente e competitivo que nos sitúe nunha categoría acorde coa nosa historia.

Cal é o voso máximo rival?

O lavadores. Os partidos contra eles son de máxima tensión, case como cando xogan o Celta contra o Depor.