O BNG das Neves solicita a dimisión da Concelleira de Servizos Sociais -Ana Durán- por ser incapaz de convocar un concurso para adxudicar o novo contrato do servizo do SAF tras máis dun ano de excusas e promesas incumpridas

SAF As Neves

O Grupo Municipal do BNG das Neves, ademais de apoiar as xustas reivinficacions do persoal adscrito ao SAF, pide a dimisión da Concelleira de Servizos Sociais, Ana Durán, que leva meses incumprindo os seus compromiso e os do Alcalde.

As Neves, 8 de agosto, 2024

O Concello das Neves celebrou o pasado venres pola mañá un pleno extraordinario por urxencia de cumprimento dun prazo administrativo coa Deputación de Pontevedra. Un Pleno extraordinario que debía ser convocado para resolver o grave problema que teñen as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Máis dun ano despois, e tras numerosas promesas e compromisos adquiridos pola Concelleira de Servizos Sociais e polo propio Alcalde, chegamos a agosto de 2024 sen resolver o novo proceso contratación e o pago da actualización salarial ás traballadoras do SAF; que mesmo nos pasados días se manifestaron publicamente diante da Casa do Concello para pedir solución a esta situación e iniciaron unha campaña de denuncia pública deste incumprimento. Tendo xa anunciada a convocatoria dunha folga para o próximo mes de setembro.

No pleno, o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Rodríguez, mostrou a súa desconformidade cunha orde do día que non incluía ningún punto relacionado co novo contrato do SAF. Momento no que a Concelleira de Servizos Sociais visiblemente nerviosa interveu perdendo as formas e sen ter concedida a palabra; tamén o propio alcalde -sabedor dos seus incumprimentos- intentou impedir falar ao portavoz do BNG, quen estaba facendo uso da súa quenda de palabra de xeito normal.

Tras a suspensión do pleno, solicitada polo alcalde, retomouse a sesión sen que a Concelleira de Servizos Sociais tivese sequera o xesto de educación básica de desculparse polas malas formas empregadas.

O BNG insiste na importancia de resolver esta situación coas traballadoras.