A Nova Peneira pola liberdade do pobo saharauí

Mapa sahara
Tino Lago

O Sáhara occidental é un territorio que se encontra no borde occidental do deserto do Sáhara e esténdese ao longo de case 1.000 quilómetros de costa atlántica. Limita con Marrocos, con Alxeria e con Mauritania. Ten unha superficie de case 270.000 quilómetros cadrados, pero a maior parte do seu terreo é deserto. O número de habitantes que viven neste país ao que non lle permiten ser libre é de arredor de 500.000 persoas. Malia que a maior parte do seu terreo é deserto conta cun dos bancos pesqueiros máis importantes de todo o mundo e con grandes reservas de fosfatos.

O Sáhara occidental foi poboado por tribos bereberes ata que en 1884 España colonizouno converténdoo medio século máis tarde, en 1934, en provincia española chamada Sáhara español. Entón xa pesaban as demandas de Marrocos, que reclamaba o territorio como seu, así como de Mauritania. Asemade en 1973 nace un movemento independentista entre o propio pobo saharauí coa creación da Fronte Polisario. En 1974 España anuncia a súa intención de conceder unha maior autonomía aos saharauís e de promover un referendo de independencia que nunca se chegou a celebrar pois un ano despois retirouse. Nese momento Marrocos anexiónase o Sáhara occidental alentando a milleiros de marroquís a establecérense alí. De feito en novembro dese ano arredor de 300.000 marroquís cruzan a fronteira na chamada “marcha verde” para presionar en prol das reivindicacións do seu país. A partir dese momento a Fronte Polisario inicia unha guerra que se prolonga 16 anos. Foi en febreiro de 1976 cando proclamou a República Árabe Saharauí democrática (RASD) co apoio de aliados como Alxeria. A RASD é recoñecida por 80 países e é membro da unión africana En 1991 a Onu conseguiu unha tregua que prevía a celebración dun referendo, que nunca se puido realizar. O resultado da guerra foi que Marrocos controla arredor do 80% do territorio, o máis rico, sendo o 20% máis pobre o que administran os propios saharauís. Tres décadas despois o referendo segue sen celebrarse pois Marrocos oponse a que sexan os saharauís os que decidan o seu futuro e non se move da súa posición consistente en converter á antiga colonia española nunha autonomía do seu estado. O goberno español nun xiro vergonzoso á súa política acaba de respaldar a posición de Marrocos nun acto a todas luces inmoral que deixa tirados e centos de miles de persoas que un día foron españois. A decisión supón seguir a posición política dos EEUU, ou a saber se as súas ordes, cando en decembro do 2020 o entón presidente Trump recoñece a soberanía marroquí do Sáhara, e anuncia( supoño que como contraprestación esixida aos marroquís) a normalización das relacións entre Marrocos e Israel. Desde este humilde medio de comunicación non temos por costume mirar cara ao outro lado, todo o contrario adoitamos tomar partido, partido ata mancharnos e así o facemos novamente pola única posición xusta que é que sexan os propios saharauís os que decidan o seu futuro. Asemade, temos a convicción de que que algún día o peso da historia baterá con toda a súa intensidade sobre a ignominia, sobre a felonía que acaba de expresar o goberno de España póndose do lado do opresor e abandonando ao oprimido. Nós conversamos coa presidenta da asociación de solidariedade galega co pobo saharauí

Maite Isla, presidenta da asociación: solidariedade galega co pobo saharauí

o Sáhara no corazón

Hai militantes e cargos orgánicos do partido socialista que están asombrados pola posición que acaba de expresar Pedro Sánchez ao respecto do Sáhara e que en absoluto comparten”

Ti es natural do Condado verdade Maite?

Si, eu nacín en Mondariz, en concreto na parroquia de Cernadela

Como chegaches a ter o vínculo tan intenso que tes co pobo saharauí ?

Todo comezou, como tantas cousas na vida , de casualidade. Era eu unha nena de arredor de 14 ou 15 anos e estaba a estudar no instituto do Porriño cando coñecín que en Vigo ía impartirse unha charla sobre o Sáhara e Palestina. E alí fun cun grupo de amigas

Lembras quen deu esa charla?

Si, Pío Moa xunto a dous profesores do Baixo Miño

Caramba vaia sorpresa

Non, pero no é quen ti pensas. Falo de Pío Moa pai, un home marabilloso que estivo moitos anos ao fronte da asociación

Cando se fundou a asociación?

No ano 1989

Cando te incorporaches ti?

No ano 1992, o primeiro ano que viñeron nenos e nenas saharauís a Galicia baixo o programa:” vacacións en paz”.Eu inicialmente achégome como colaboradora. E dous anos despois, en 1994, acollemos na miña casa a un neno saharauí por vez primeira, e xa me metín de tal maneira que xa non podo concibir a miña vida sen o pobo saharauí. Se non me falla a memoria creo que foi no 2003 cando cheguei á presidencia

Creo que tendes unha relación un tanto especial con esta rúa, Gregorio Espino, verdade?

Si, antes de termos este local tiñamos outro na mesma rúa. Supoño que ten que ver con que a CIG estea aquí ao lado. E, como xa teño manifestado nalgunha outra ocasión, a CIG é a nosa segunda casa.

Cales son as principais actividades que organiza a asociación?

A máis coñecida é “vacacións en paz”.É un programa de acollemento de nenos e nenas de entre 8 e 12 anos durante os meses de verán. Entre os seus obxectivos está que se poidan separar das altas temperaturas dos campamentos

Que temperatura pode haber?

Como pouco no verán 50 graos á sombra

Eses meses que están as crianzas en Galicia teñen algún tipo de cobertura sanitaria?

Si. Nós temos un convenio co SERGAS. No momento que chegan xa lles temos listas as súas tarxetas sanitarias co que as familias poden levalas aos pediatras que lles corresponden. Tamén temos convenios con distintas clínicas e ópticas. A vista e a dentadura, polas condicións da vida no deserto, se cadra son dos problemas de saúde máis habituais que adoitan ter as nenas e nenos saharauís

Que tal se adaptan as crianzas aos idiomas das familias de acollida?

Moi ben eles son como esponxas

Ben, alén de “vacacións en paz”, o voso programa máis importante. Dime algún outro dos que organice a vosa asociación?

Temos o proxecto “ madrasa” que son nenos e nenas que veñen a estudar e no verán marchan coas súas familias. Tamén quixera falar da “ comisión sanitaria” que está formada por todo tipo de persoal sanitario que van traballar aos campamentos. A Caravana é outro dos noso proxectos estrela. Mandamos camións cheos de alimentos e medicamentos. Aproveito a oportunidade das vosas páxinas para facer un chamamento á solidariedade de calquera empresa que estea a ler esta reportaxe para pedirlles por favor que se dispoñen dalgún camión ou medio de transporte que xa non utilicen sexan tan amables de doalo. Para os saharauís seria marabilloso.

E por último menciono o intergrupo do parlamento galego “ paz e solidariedade polo pobo saharauí” formado por parlamentari@s de todas as forzas políticas que teñen representación .

Acabades e viaxar aos campamentos verdade?

Si,e os representantes do intergrupo viñeron con nós. Tivemos varios encontros coas principais autoridades políticas saharauís. O parlamento galego é dos parlamentos de todo o estado nos que hai unha maior sensibilidade cara a pobo saharauí.

Como está a situación no momento presente?

Os saharauís viven, alén dos que están na diáspora, en 3 zonas diferentes:- Nos territorios ocupados por Marrocos-Na zona liberada, que era a que antes reclamaba Mauritania-E nos campamentos, nos que viven máis de 200.000 persoas. Estes últimos están no que é territorio de Alxeria, en concreto no deserto do Tinduf

Cal desas 3 zonas é a máis rica?

As zonas ocupadas por Marrocos. Alí están os bancos de Pesca e as riquezas minerais máis importantes

Ti estiveches nas zonas ocupadas?

Si, un par de veces

E non tiveches problemas coa policía marroquí?

Claro que tivemos

Quen administra as zonas liberadas e os campamentos?

A fronte Polisario. Os campamentos teñen nomes das cidades das zonas ocupadas

Os campamentos son zona desértica. Como conseguiron a auga e a electricidade?

Ao principio pasárono realmente mal. Grazas a Alxeria foron mellorando a súa situación. Os saharauís da diáspora tamén son de grande axuda alén da axuda humanitaria que lles vai chegando. Sen embargo estes dous anos de pandemia foron horribles para eles e non lles chegou apenas nada. De feito agora mesmo a situación nos campamentos é dificilísima

Marrocos reclama só as zonas que ocupa na actualidade ou tamén as zonas liberadas que administran os propios saharauís?

Reclama todo

Supoño que estarás indignada coa posición ao respecto do Sáhara que acaba de expresar o goberno español?

Terriblemente indignada, absolutamente decepcionada e asombrada ata o infinito. É unha traizón a pobo saharauí, é unha traizón a España , é un movemento político absurdo que nos enfronta a un dos nosos principais subministradores de gas neste contexto tan difícil e é unha posición que vai en contra das resolucións da ONU. Hai militantes e cargos orgánicos do partido socialista que están asombrados por esta posición que non comparten en absoluto.

E as xustificacións do goberno e dos seus diferentes voceiros, referentes a que eles están polas resolucións da ONU, non as cre ninguén. As resolucións da ONU non son compatibles coa posición que acaba de expresar España. Non é posible defender ao mesmo tempo o dereito a autodeterminación do pobo saharauí e a súa situación como unha autonomía dentro do estado marroquí. Son dúas posicións antagónicas. E tratar de convencer a alguén de que se poden manifestar as dúas é absurdo e só engana a quen queira ser enganado.