
Un santuario é un lugar no que os animais son levados a vivir en condicións de dignidade e seguridade suficientes desde que chegan ata que a súa vida remata. A súa existencia soe depender dun enorme exercicio de voluntarismo dunhas poucas persoas que deciden dedicar o mellor das súas vidas a protexer e dignificar as de animais non humanos. Para ocuparse dun santuario animal hai que estar feito dunha pasta especial, pois non é nada fácil atopar persoas que decidan renunciar a todo, si, a todo, non é unha poetización da realidade é a realidade , para dedicar a súa vida, o seu esforzo, as súas ilusións o seu tempo, ,tanto o do traballo como o de lecer, ás vidas de outros .Non é fácil atopar persoas que decidan convivir coa frustración e a incomprensión, e nós tivemos a fortuna de encontrar a dúas; Inés e Mario. Eles son parella e hai 7 anos fundaron o santuario vacaloura na capital de Galicia. Nós conversamos con Inés, velaí vai o que deu de si a nosa conversa
INÉS TRILLO.
“OS ANIMAIS EXPERIMENTAN DOR, MEDO, FRUSTRACIÓN, TRISTURA SOLIDARIEDADE, AMOR, CURIOSIDADE,ALEGRÍA…E CALQUERA OUTRA EMOCIÓN QUE TEMOS OS HUMANOS”
Cóntanos sinteticamente a historia do santuario. Cando e como nacestes?
Nacemos no verán do ano 2013. Xa levabamos moito tempo tratando de facer realidade o noso soño dun proxecto semellante, e finalmente puidemos concretalo Mario, a miña parella, e eu mesma
Cal foi o motivo?
Pois por pura e dura necesidade dos animais. Nós xa levabamos tempo concienciados co benestar animal e implicados en dar o mellor de nós para contribuír a proporcionarllo. Antes de VACALOURA fixeramos voluntariado e distintas colaboracións con diversos refuxios e asociacións protectoras de animais. Estas actividades leváronnos a decatarnos das necesidades dos animais máis habituais na convivencia doméstica coas persoas. Aos poucos Mario e eu fixémonos veganos e decatámonos de que había moitos outros animais que tamén tiñan importantes carencias e para os cales non había apenas refuxios. Nós viviamos nun pequeno baixo con horta e se aparecía algún animal que precisase refuxio acababámolo acollendo nós
Aínda convivides con algún?
Si, Luísa ,unha porca vietnamita que é habitante de Vacaloura
Pero claro, nunha pequena horta en Compostela non poderiades acoller a moitos animais?
Non claro, chegou un momento en que xa non era posible proporcionarlles , no espazo que tiñamos, unhas condicións óptimas
E aí naceu Vacaloura?
Alí demos o grande salto, si.
Non vos deu medo?
A verdade foi como dar un salto ao vacio, e iso sempre asusta, pero ben, comezamos a acoller a animais de forma regular e a nosa vida xa deu un cambio total
Onde estades situados exactamente?
Estamos situados en Santiago, desde que comezamos xa tivemos unha mudanza a un terreo máis grande e agora queremos mudarnos a un terreo definitivo. Non quero dar a dirección exacta por motivos de seguridade para os animais
Explícame iso?
Temos animais incautados a maltratadores, a xente moi perigosa, e queremos evitar que poidan tomar algún tipo de represalia contra eles
Alucino, tedes constancia de comportamentos tan repugnantes?
E tanto que si, por exemplo nun santuario de fóra de España descortizaron a un becerro alí mesmo
Que barbaridade¡¡
En verdade Tino, que se chegan a ver cousas terribles
Cando prevedes ter o terreo definitivo?
Non o sabemos. Iniciamos unha campaña de captación de fondos a finais do ano pasado e levamos arredor de 20.000€, en principio precisariamos sobre 100.000€. Nós non quereriamos pasar máis dun inverno onde estamos na actualidade. O terreo é moi bo pero as instalacións están moi deterioradas e precisarían un investimento constante

Cantas persoas estades no santuario?
Mario e eu. Ás veces no verán temos unha persoa residente, e o que si temos é moito apoio de voluntariado que ven a botar unha man no que poden en canto poden.
Cantas horas diarias son para o santuario?
Un mínimo de doce horas diarias. É un traballo moi duro que implica moitísimo tempo
Vivides disto, ou é puro e duro voluntarismo?
Nós cando comezamos, levabamos un ano cunha tenda vegana, a nosa idea era financiar o santuario coa tenda, e os primeiros anos fixémolo así, ata que chegou un momento onde xa tiñamos tantos animais e precisaban tanta atención que non nos quedou máis remedio, a Mario e a min que facer quendas, e estar medio media cada un ou no santuario ou na tenda, pero isto tamén chegou a se imposible e non nos quedou máis opción que traspasar a tenda. Estivemos un tempo vivindo dos cartos do traspaso e finalmente abrimos unha marca de roupa ética vegana “ovella negra”. Non cobramos máis que o mínimo para os nosos gastos de subsistencia.
Cantos habitantes non humanos conviven no santuario?
Preto de 300
A cada habitante poñédeslle un nome humano, por que?
Non exactamente humano. Poñémoslle un nome diferente a cada un para nominalizar a súa individualidade como ser individual que é
Aceptades todo tipo de especies?
Non, só aquelas que sabemos que poidamos coidar e para as que temos un espazo axeitado. Agardo que no próximo refuxio poidamos ter espazos adecuados para acollermos máis especies
Da túa experiencia no trato cos animais dirías que en liñas xerais experimentan as mesmas emocións que temos os humanos: medo, rabia, incerteza, dor, amor, agradecemento, empatía, curiosidade….?
Si, rotundamente si. Nós comprobámolo a diario
E importa a especie?
Non, non importa. Nós temos percibido tristeza profunda en animais, cando ven morrer a outros cos que socializaban, alegría , cariño, peticións de afecto, medo, incerteza, solidariedade
Non teño datos e é unha impresión puramente subxectiva, pero eu teño a sensación de que a sensibilidade social cara ao benestar animal vai en aumento. Ti que pensas?
Si, vai en aumento. Malia que aínda existen moitas contradicións. Agardo que xa sexa por razóns éticas xa sexa por razóns de pura necesidade, pois o modo de vida dos humanos leva ao noso planeta á destrución, cada vez nos acheguemos máis a un mundo vegano
Ti cres que é compatible ser unha persoa sensible e comprometida socialmente, e á vez gozar con “espectáculos” de tortura animal como a tauromaquia ou os circos?
Non, eu creo que non é compatible, pero é certo que o ser humano está cheo de contradicións hai xente antiracista que amosa comportamentos machistas…Eu creo que todas as discriminacións , sexan as que sexan, deben ser combatidas, porque impoñer os teus parámetros mentais a quen non os sente así, sempre é unha inxustiza,
Que modificacións legais inmediatas serían necesarias, ao teu xuízo, no que respecta ao benestar animal?
Para nós é esencial unha lei que acolla a figura do santuario animal, agora mesmo non existe e temos que darnos de alta como “explotacións de animais” para poder ter animais de granxa
Non existe ningunha figura legal que ampare ter animais sen ser para o seu uso?
Non, e xa che digo que para nós sería esencial que si existise. Fíxate, se algún dos nosos animais dese positivo nalgunha enfermidade de obrigada declaración poderiamos ser obrigados a sacrificalo, pero nun circo, ante a mesma enfermidade non terían que asasinar ao animal. As modificacións legais son moi importantes, pero as modificacións na conciencia colectiva son máis importantes. A formación de policías, xuíces e da administración en xeral sobre o maltrato animal é esencial para avanzar en positivo
Que tal se porta con vós o Concello ?
O concello de Santiago, tanto na anterior administración de Compostela aberta, como na actual do PSOE amosa unha desidia absoluta, non teñen interese real en axudar aos animais.
Como vos financiades?
Con moita imaxinación, de todas as maneiras que se nos ocorra, ata cun 1€ ao mes se nos pode axudar. Temos a opción tamén do socio clásico, desde 6€ ao mes. É posible amadriñar a un animal desde 10€ ao mes. Tamén, como che dixen antes temos a marca de roupa ovella negra, de comercio xusto e ecolóxica. Facemos cosmética natural, recibimos doazóns puntuais……en definitiva con moita imaxinación
Se algún lector ou lectora quere colaborar economicamente, ou doutra maneira, co santuario, que tería que facer?
Entrando na nosa web: santuariovacaloura.org no apartado colabora tedes todas as opcións de colaboración
Todas as persoas que estades no santuario sodes veganas?
Mario e eu si. Aceptamos voluntariado que non o sexa .Entendemos que pode ser unha vía para dar o paso ao veganismo, como xa nos pasou con varias voluntarias. Si que non admitiriamos na dirección do santuario a alguén que non fose vegano
Soñar cun mundo vegano é unha tolemia, ou nun futuro perfecto podería ser posible?
Eu tendo a ser positiva, e gustaríame pensar que si que é posible. Cada vez hai máis persoas concienciadas
Mario pensa o mesmo?
Eu creo que non comparte a miña opinión
Rematamos agradecéndoche a túa atención desexándoche sorte, e cunha última cuestión: O Santuario Vacaloura é para toda a túa vida?, e para despois tamén?
Eu xa non concibo a miña vida sen facer o que fago
Non debe de ser fácil?
Desde logo que non, supón renunciar a practicamente todo o demais, pero como xa che dixen a implicación emocional é tan elevada que a nosa vida xa é o santuario. Encantaríame poder chegar á situación de contratar persoal, para que cando Mario e eu xa non poidamos seguir alguén garanta o futuro do santuario
Moitas grazas Inés e moita sorte. Permíteme por favor despedirme dedicándovos a Mario e a ti un fermoso proverbio xudeu
“QUEN SALVA UNHA VIDA, SALVA O MUNDO ENTEIRO”