Restaurante As Pedriñas Novas

Manuel As Pedriñas Novas A Nova Peneira Madrid

COMO SENTIRSE NA PROPIA CASA EN PLENO CORAZÓN DE MADRID

As Pedriñas Novas C/ de Ortega y Gasset, 66 Tel.: 91 401 44 45

Tino Lago

O pasado 5 de Marzo, tres persoas de A Nova Peneira acudimos á capital do estado para entrevistar no seu lugar de traballo ao deputado do BNG, Néstor Rego. Unha vez rematado o labor xornalístico aproveitamos o día para visitar algúns dos lugares máis atractivos que pode ofrecer Madrid ,entre os que quixera destacar o Museo do Prado, que che fai sentir a emoción superlativa de estarmos ante as manifestacións máis profundas e intensas da sensibilidade humana, a arte na súa máxima expresión. E na hora da comida, seguimos a recomendación do correspondente desta casa en Madrid, o amigo camposino, Juan Louzán, que nos dixo algo parecido a:”Se ides comer en Madrid, non podedes deixar de coñecer AS PEDRIÑAS NOVAS, ides sentir que estades aínda en Galicia”. Situado na rúa Ortega y Gasset, no barrio de Salamanca, un dos de máis poder adquisitivo da cidade, confeso que acudín un pouco asustado polos efectos que a recomendación de Juan podería ter na nosa carteira, pero, agora que xa podo valorar polos meus ollos e non polos de outro, teño que dicir que o meu medo non tiña razón de ser, porque os prezos son moi razoables, e o consello do noso amigo, non é que respondera estritamente á realidade, é que se quedou curto. Cando nos presentamos a Manuel, o seu propietario, o seu sorriso amplo, franco e cordial e o seu :”Eu son de Madrid”, xerou en nós un sentimento de empatía e comodidade que convidaba a prolongar a comida todo o tempo que fose posible. A decoración do local en tons azuis e brancos e luminosidade intensa que provoca no comensal a disposición das mesas, transpórtanos simbolicamente a calquera curruncho de Galicia, como por exemplo ás terras de As Neves, o sol do Condado, que é o berce do que procede a familia de Manuel. O cartaz da festa do Requeixo e o Mel que adorna unha das paredes do local xa é a última etapa da viaxe emocional que cada galego e cada galega, que algún día se viron na necesidade de dicir adeus aos seus ríos, ás súas fontes e á vista dos seus ollos, emprende de maneira simbólica volvendo ás súas orixes.

As Pedriñas Novas A Nova Peneira Madrid

Si, sen dúbida, en As Pedriñas Novas estabamos na nosa casa, Foi tan agradable a experiencia que case me esquezo de falar da comida; foi exquisita, a calidade dos produtos sobresaínte, o sabor dos pratos dos que gozamos unha experiencia sensorial intensísima, o servizo e a atención dos profesionais do equipo que lidera Manuel excelente e a conclusión final a consecuencia lóxica do noso primeiro encontro: sempre que A Nova Peneira vaia a Madrid o seu camiño e o de As Pedriñas Novas serán un só.