Nieves, coma o seu pai Carlos, é unha galega universal. Naceu en Vigo, viviu en Redondela e Cangas, localidade na que actualmente reside a súa familia, e leva , en dous períodos, cinco anos exercendo a súa profesión de enfermeira na cidade de Oslo. Conversamos con ela para coñecer de primeira man como é a vida neste país escandinavo. Agradecemos profundamente a súa amabilidade, que nos permite ofrecerlles o VI episodio desta xeira de reportaxes con galegas e galegos que viven fóra do noso país. Velaí vai:
“En Noruega páganse moitos impostos, pero repercuten no benestar colectivo. A sociedade,en liñas xerais, vive ben.”
Cóntanos a túa historia persoal?
Eu nacín en Vigo, despois vivín uns anos en Redondela e logo mudámonos para Cangas. A miña familia paterna é do centro de Madrid e a familia materna é de Toledo.
Con cantos anos marchaches para Noruega?
Con 25 anos.
Por que e decides marchar a Noruega?
No ano 2016 rematei a carreira de enfermería e comecei a traballar nun hospital privado, pero nunha situación de precariedade e de inestabilidade. Entón tratei de buscarme a vida como puiden e botei currículos en infinidade de sitios, incluso de fóra de España. E de feito recibín ofertas de traballo de varios países: de Inglaterra, Alemaña e Noruega.
Por que te decantaches por Noruega?
Porque a oferta era a mellor. Este país non ten as suficientes enfermeiras e contrátanas de fóra. A maioría son polacas, portuguesas e españolas. Os traballos ofertados son de enfermeira a domicilio, en residencias de maiores ou en hospitais. Eu traballei nunha residencia de maiores.
En que cidade estás?
En Oslo, na capital, anteriormente estiven en Hamar.
Como é Oslo?
Oslo é unha cidade dinámica pero vívese sen ningún tipo de estrés como pode haber por exemplo en Madrid ou en Barcelona. En toda Noruega hai tantos habitantes como ten Madrid capital.
Como levaches o clima do país?
Nos veráns lévoo moi ben, pois son coma os de Galicia, sen calor abafante e cun tempo semellante. Como moito chegan aos 30 grados.
No inverno non o levo tan ben, de feito levábaos fatal, vai moitísimo frío ata o punto que é moi difícil non aterecer.
Canto anos levas en Noruega?
A primeira vez vin no 2018 e estiven tres anos, logo regresei a casa durante dous anos e volvín marchar de novo. Case levo aquí cinco anos en total.
Que tal te deches co idioma?
Para traballar no sistema público, como estou eu, tiven que estudar o noruegués. Se traballas nunha impresa privada só co inglés xa che serve. Aquí toda a xente sabe falar inglés.
Foi difícil aprendelo?
En comparación co alemán, o noruegués non é difícil. Parécese moito ao inglés pero ten moitos dialectos e a pronunciación tamén varía.
Como se leva marchar da casa para outro país sen familia, amigos e cun idioma diferente?
É duro, pero estaba nunha etapa na que necesita saír fora do país. Estaba angustiada polo meu futuro laboral con eses contratos tan curtos e inestables. Neste país e moito máis fácil entrar a traballar para a o estado que en España, e de enfermería hai traballo sempre.
Só de enfermería?
Non, noutras profesións tamén. Aquí non tes que opositar para traballar de enfermeira, contrátante da mesma maneira coma se fai na privada en España. Neste país gástanse moitos recurso económicos en residencias de maiores e en enfermería a domicilio. A poboación aquí está moi envellecida e o sistema público noruegués paga estes servizos de enfermería.
Todos estes servizos son públicos?
Si, case todo é público neste país, hai moi poucas clínicas privadas.
Páganse moitos impostos para poder financiar todos estes servizos?
Páganse sobre un 35% de impostos, pero ves que estes impostos repercuten despois na sociedade.
Como é o nivel de vida?
Hai moita clase media, non hai moitos ricos nin moitos pobres, a xente vive bastante ben. Aquí unha persoa profesional como perruquería, por exemplo, se leva anos na profesión cobra ben, cobra pouco menos ca un médico, as profesións están ben valoradas. A vida aquí na capital non é barata, pero os salarios son altos e a xente vive ben. Pode mercar unha casa e ter varios coches.
Como levou a túa familia que quixeras marchar fóra?
Ben e mal. Ben porque sabían que era unha vía que me permitiría gañar a vida con dignidade, e mal porque separarse non deixa de ser moi duro. Os meus pais saben que me encanta viaxar, que son un cu inquieto e saben que vin aquí por traballo e para ter un futuro mellor có que podía ter en España. Os galegos levamos moitos anos emigrando fóra para poder buscarnos a vida. Ao principio foi difícil, os primeiros anos pasa todo moi axiña e tes que aprender moitas cousas novas.
Que tal foi a acollida por parte das xentes de Noruega?
O primeiro ano foi marabilloso, logo xa comezas a notar as faltas. Os escandinavos vennos aos dos países do sur como se fósemos a praia de Europa. Eu todo o que coñecía de Noruega era perfecto, e non é tal. Aquí tamén hai racismo ou homofobia, pero vívese mellor porque o estado se preocupa de que a xente teña unha boa vida. A corrupción case non existe, hai baixas longas por maternidade, paternidade, por enfermidade. Son baixas moi altas e podes coller días libres para conciliar por se o teu fillo está enfermo.
Sufriches algún tipo de racismo ?
Eu non tiven ningún problema, aprendín o idioma, traballei moi duro para tratar de integrarme que para iso viña. Pero tiven algunha compañeira que si o tivo. En concreto falo dunha rapaza de Ceuta. É musulmá e utiliza velo para cubrir o pelo. Algúns pacientes non querían que os atendera.
Fálame das tradicións norueguesas?
As tradición vikingas desapareceron cos anos por mor da influencia do cristianismo. A relixión é cristiá e as festas son as mesmas: Nadal, Semana Santa, San Xoan tamén aínda que non tan festexado. Fíxate que curioso que aquí o día nacional de Noruega, o día máis importante, é o 17 de maio igual có noso día das Letras . Neste día homes e mulleres vístense co traxe tradicional. Nenos, mozos e maiores saen á rúa cara o palacio real, este país tamén ten coma España unha monarquía parlamentaria, os reis saúdan á poboación e é unha completa loucura, mobilízase todo o país.
Como é a comida típica de Noruega?
A comida típica de aquí cómese en datas sinaladas. No nadal os da zona da costa comen bacallau, e os do interior carne. A carne é unha mestura coma de churrasco coa pel do porco chamuscada, como se fose un roxón.
Buf, moi boa pinta non ten
Que va¡, a verdade é que está moi rico. Aquí tampouco teñen tanta variedade de comida coma nós alá: comen patacas con todo e moita carne e salchichas.
Dime algúns sitios bonitos que nos recomendes visitar?
Oslo ten moitos museos de enorme calidade. Por outra parte a zona da ópera e o porto é preciosa. A costa oeste é a que persoalmente máis me gusta: os fiordes para visitar no verán e facer rutas de sendeirismo son un marabilloso plan para gozar do lecer. Coñecer os fiordes é desas experiencias que deixan pegada na alma toda a vida. En Noruega a natureza é impresionante, a min recórdame moito a Galicia pero coas montañas un pouco máis altas. As auroras boreais para ver no inverno na zona do norte son espectaculares. No interior tamén hai zonas de montaña ou de fervenzas moi bonitas.
Rematamos Nieves: que tes pensado para o futuro: quedar en Noruega ou volver a Galicia?
Levo un par de anos querendo cambiar de profesión, encántame o meu traballo pero é moi sacrificado e arriscado. Aínda que aquí está ben pagada esta é unha profesión que non está ben valorada a nivel mundial.
Desta volva vin aquí coa miña parella, el era fisioterapeuta en Vigo e en Noruega está traballando como tatuador, cambiou totalmente a súa profesión. Eu agora estou compaxinado dous traballos, grazas a que el comezou nese estudio, eu probei de aprendiz de anilladora facendo piercings, gústame e aínda que estou coas dúas cousas non sei si me quedarei coas dúas no futuro, a ver que pasa. Volver a Galicia ou quedar en Noruega? Non o sei, só o paso do tempo poderá responder a esa pregunta.