O Pesadelo Eólico

Eólicos

Pouco antes da pandemia da COVID 19 en Galicia reactivouse ,sen sabermos moi ben os motivos, cunha forza extraordinaria os intentos do poder político e económico para inzar o noso país de muíños de ventos. En Galicia xa hai moitos eólicos que se instalaron na décadas dos 90 do século pasado. Segundo os datos do Observatorio Eólico de Galicia no ano 2019 había 4.026 muíños instalados cunha produción que non chegaba a 4.000 MW. Os aeroxeradores existentes miden arredor de 90 metros de altura. O que se proxecta nesta nova ofensiva eólica son outros 4.000 MW de produción que se realizarían en arredor de 130 parques eólicos novos con preto de mil muíños a maiores dos que xa existen, pero cunha diferenza substancial pois as novas máquinas serían de arredor de 240 metros de altura, case tres veces máis dos que poboan os nosos montes na actualidade.

A instalación dese tipo de estruturas monstruosas tería un impacto brutal no entorno no que se chegasen a instalar pois se vería transformado de maneira irreversible ata o punto de que nunca volveriamos a coñecer Galicia tal como era antes de semellantes operacións. Non só habería que contar cos muíños en si, senón tamén coas obras necesarias, na contorna na que se instalen, para trasladalos ata os lugares nos que e coloquen, as escavacións inmensas ou incluso, de ser necesario, voaduras imprescindibles para instalar as enormes zapatas que poidan soportar as xigantescas estruturas eólicas…..A agresión sería de tal calibre que o patrimonio natural e cultural das zonas afectadas podería chegar literalmente a desaparecer e a vida da veciñanza que tivera que convivir cos novos parques eólicos sería seriamente afectada.

Unha vez que se foi coñecendo a intención do goberno galego foi agromando a oposición, á agresión eólica, da sociedade civil. E, como temos defendido en numerosas ocasións neste medio de comunicación , a forza da sociedade civil organizada é tan poderosa que é o único camiño posible para resistir con éxito aos que como este non son outra cousa que abusos do poder económico en connivencia co poder político. De feito todos os parques que estaban proxectados no Baixo Miño e no Val Miñor acabaron, po unhas razóns ou por outras, decaendo grazas á forza da oposición da sociedade civil. Nós conversamos cun destacado activista e unha das persoas que máis saben de eólicos no país galego: o veciño do Val Miñor Bruno Centelles. Quixera salientar ao respecto deste asunto que ningunha das persoas que protestan contra a agresión eólica está en contra nin desta enerxía nin das enerxías renovables. Pero si o están contra este modelo abusivo, especulativo, agresivo, escuro e que ameaza con transformar Galicia de maneira irreversible.

Bruno Centelles do IEM e SOS Groba

A campaña contra o TSXG é un disparate. Esa é a independencia xudicial que defende a Xunta:Cando non lles gusta unha sentenza atacan de maneira moi grave a un tribunal.”

Comecemos facendo memoria. Cando e como comezou esta ofensiva eólica do poder económico e político?

En Galicia comezou a mediados dos 90 do século pasado. Hai case 30 anos. Pero é nos anos 19 e o 20 cando se volven a activar con forza novos proxectos. Alí reapareceu con moita forza a idea da cuestión eólica en Galicia.

Creo lembrar que a época da pandemia veulle moi ben ao poder político defensor da invasión eólica para impulsalos dificultando a contestación social?

Para impulsalos administrativamente e para favorecer a realización de “obras exprés” coa a cidadanía confinada. O que si te podo dicir ao respecto é que a todos os colectivos que agora loitamos contra esta agresión nos colleu desamparados e coa garda baixa porque este asunto estaba moi parado.

Estaba moi parado desde cando?

Desde os anos 90 do século pasado que foi cando se instalaron os primeiros parques eólicos en Galicia. No ano 2005 foi cando tivemos as primeiras novas de eólicos na nosa zona. En concreto refírome ao parque Eólico Albariño I que formalmente foi publicado no DOG no verán de 2007. Nese momento xa falabamos de : enerxía eólica si, pero non desta maneira nin a ese custo.

Pero desde o 2007 ata agora pasou moito tempo?

Si, iso quedou como nunha especie de limbo e estivo , ao igual que toda Galicia, practicamente parado ata agora.

Cando fostes conscientes da magnitude do que podía acontecer?

Ata entrado o ano 20 non nos demos de conta do que se nos viña enriba. Alí foi cando desde o IEM e SOS Groba fixemos un escrito para todos os concellos da zona para que tomasen posición ao respecto do que se albiscaba no plan sectorial eólico. Os primeiros indicios e datos reais que tivemos viñeron da Consellería de Medio Ambiente, de cando se publicaban os estudos iniciais de impacto ambiental

A información deses estudos era clara e nidia?

Non, nin moito menos. Nin clara, nin nidia nin completa! E unha vez pasado o prazo que eles daban para emitir suxestións esa información desaparecía. Incluso chegou un momento en que, a vista de que nós estabamos usando esa información, a Xunta decidiu non seguir publicando aí. Ao parecer, non estaba obrigada a publicar os documentos de inicio. Estabamos sendo un pouco incómodos!

No deseño inicial todo o país estaba ateigado de proxectos eólicos?

Si, absolutamente. Incluso na nosa zona había parques que claramente tropezaban uns con outros. Foi nese momento en que comezou a aparecer o concepto da fragmentación fraudulenta.

Que significa?

Pois o que en realidade é un megaproxecto eólico con disparatadas afeccións medioambientais é presentado de maneira fragmentada en múltiples proxectiños máis pequenos, aparentemente inconexos. En aparencia son parques distintos, tramitados en momentos distintos , incluso con promotoras diferentes. Pero estamos nun mercado libre no que todo se pode vender e mercar, e finalmente quen acaba acaparando todo o “mercado” son, habitualmente, as mesmas grandes empresas de sempre.

Esa é a única explicación?

Isa é -probablemente- a única explicación que hai para que, por exemplo na Groba tiveramos tres parques eólicos superpostos un enriba do outro. Falamos dos proxectos Albariño I, Toroña e Torroña I. Como se pode explicar que unha pequena empresa creada hai nada por unha persoa sen experiencia na construción e sen solvencia económica para afrontar proxectos desta dimensión, sexa quen de montar o PE TOROÑA literalmente enriba do ALBARIÑO I e do TORROÑA I vinculados á “todopoderosa” ACCIONA e que ACCIONA non diga nada?

Hai outras zonas de Galicia na que aconteza o mesmo?

Si. Temos estudado e documentado exemplos deste estilo por toda Galicia. Desde o IEM – SOS Groba comezamos a falar e a establecer contactos con outras persoas e colectivos de toda Galicia e como resultado dos mesmos colaboramos activamente e formamos parte dunha estratexia conxunta con Petón do Lobo e Ecoloxistas Galicia Atlántica Verde.

Estou seguro de que (falando do IEM e de SOS Groba) o voso compromiso, o voso talento , a vosa capacidade de traballo e, por que non dicilo, o voso prestixio achega moito a esa estratexia conxunta da que formades parte?

Pode ser. A nós dóenos o país e facemos o que podemos. Pero afortunadamente hai outras asociacións e colectivos na mesma liña. E cada vez somos máis!

Home Bruno, aquela marcha que artellarades na Groba, o 16 de maio do 21, que nunha mañá certamente desapacible, xuntou arredor de 2.000 persoas -que non se xuntaron no Obradoiro uns días despois convocando organizacións de toda Galicia?

Aquela marcha na Groba foi moi emocionante e fíxonos sentir enormemente orgullosos/-as e conscientes da verdadeira potencia da sociedade civil organizada.

Despois de que a realidade eólica galega estivera tantos anos no limbo reactívase no 2019 cunha forza extraordinaria. Iso non pode ser casualidade, ten que haber un motivo. Cal é ao teu xuízo?

Non teño unha resposta clara para iso. Penso que pode obedecer a unha suma de razóns como por exemplo que se abre unha canle clara de subvencións a través de fondos europeos, que houbo unha explosión moi importante a nivel da tecnoloxía necesaria para producir enerxía eléctrica e logo está o interese económico e cuestións que se deciden en despachos que non nos é posible coñecer. E todo iso adobiado e “pintado de verde” (Greenwasing) polo discurso da falsa sostibilidade

Cantos parques se chegan a proxectar en Galicia?

Exactamente non o sei. O que che podo dicir é que, segundo datos do Observatorio Eólico de Galicia, no 2019 en Galicia había 4.026 muíños instalados cunha produción que non chegaba a 4.000 MW, que sae a unha media de menos dun MW por aeroxeador. Eran Máquinas “de xoguete” en comparanza co tamaño dos que queren instalar agora. Hoxe estamos falando de máquinas tres veces máis grandes en tamaño e cunha produción por máquina que pode multiplicar por 4, por 5 ou en ocasións por 8, a das que están na actualidade en funcionamento.

O que se proxecta de novo son outros 4.000 MW de produción que farían uns 1.000 muíños máis, pero son 1.000 monstros xigantescos. Estariamos falando, entre unhas cousas e outras, de arredor duns 130 parques eólicos novos.

Unha vez que se publica un parque formalmente no DOG comeza a fase de alegacións administrativas. En liñas xerais que resultado tiveron?.

Esta vía nalgúns casos deunos a razón e noutros moitos non. Na “vía administrativa” é a Xunta quen decide. É certo que o conxunto A Groba-Argallo e O Galiñeiro-Aloia, nas comarcas do Val de Miñor e do Baixo Miño é a única zona de Galicia e probablemente do estado en que en fase administrativa “limpamos”unha comarca enteira de eólicos. Aquí houbo 8 proxectos eólicos e acabaron desaparecendo todos, dos que 4 o fixeron por DIA desfavorable.

Podemos dicir que A Groba e o Galiñeiro están libres de eólicos de maneira definitiva?

Non. En absoluto! Hoxe están libres deses parques. Pero non se pode desbotar que, en calquera momento aparezan proxectos diferentes.

Ben, e unha vez esgotada a vía administrativa non queda outra que acudirmos á xudicial?

Pois si. Lamentablemente é así. A Xunta non está defendendo o país. A Xunta está defendendo os intereses e o negocio das grandes compañías. Todo o proceso, fundamentalmente no que ten que ver con cuestións medioambientais, está regulado por lexislación europea (DIRECTIVA 2011/92/UE e polo Convenio de Aarhus) que establecen dúas cuestións moi relevantes:

– É imperativo favorecer a participación de toda a poboación, non só axentes directamente afectados, posibilitando o acceso á totalidade de información de cada proxecto.
– Os tempos de exposición e alegacións non poden ser nunca inferiores a 30 días.

E, segundo o noso criterio -e tamén do TSXG- A Xunta incumpre estas dúas cuestións: as súas publicacións sempre son incompletas e asemade “inventa” a figura do “Interese público superior” para reducir os prazos a 15 días.

Por outra parte existe a opción do acceso á xustiza gratuíta para grupos e persoas interesadas. Entendemos que para nós, unha vez esgotada a vía administrativa e sermos obrigados a acudir á xudicial, esa é a opción menos mala. Hai outros compañeiros e compañeiras doutros colectivos e plataformas, como por exemplo EÓLICOS ASÍ NON, que prefiren facelo cos seus propios medios renunciando á xustiza gratuíta. Son estratexias diferentes.

Parece que o TSXG está concedendo a suspensión cautelar dos proxectos na maioría dos casos?

Si, agora mesmo (11-03) hai 16 suspensións cautelares concedidas e 3 non concedidas. É moi importante presentar os casos de maneira clara para que a xustiza poida comprender a natureza e dimensión destes proxectos. Nós, no IEM e SOS Groba, comezamos a ver que un parque eólico é moito máis que aeroxeradores e subestacións. O estudo das poligonais e das liñas de evacuación é fundamental!

A que te refires?

Un parque eólico afecta a toda unha área xeográfica, unha poligonal, que afecta a todo canto territorio hai dentro dese espazo. Nós comezamos a trasladar esas poligonais ao mapa, coas coordenadas publicadas no DOG, e decatámonos de que as distintas poligonais móntanse unhas enriba das outras compartindo estruturas fundamentais. E a lei prohibe explicitamente a superposición de poligonais e a compartición de estruturas fundamentais entre proxectos “diferentes” se non é considerado todo o conxunto como un único proxecto no que se consideren ao mesmo tempo todas as consecuencias medioambientais acumuladas. Aquí enlazamos moi claramente coa “fragmentación fraudulenta” da que falabamos antes…

Vaia, que curioso. Semella que o das fragmentacións fraudulentas escapóuselle a quen deseña eses proxectos. Entón vós comezades a debuxar as distintas poligonais?

Bueno, non exactamente. Non se lles escapou nada. Sabían perfectamente o que facían. E si. As nosas poligonais van en cores distintas, tanto no que se refire ás áreas como aos muíños para que se poida apreciar de maneira nidia as superposicións de poligonais diferentes.

Ese é o motivo polo que están concedendo as cautelares?

Ese é un motivo que arroupa e moito as nosas demandas. Alén dese aspecto tamén tocamos o que ten que ver cos danos irreversibles ao medio e cos incumprimentos nos prazos de publicación e coa ocultación sistemática e malintencionada de información básica.

O 23 de xaneiro do 23, regulado en BOE, calquera parque eólico que non tivera unha DIA favorable debería ter decaído. Por que non foi así?

A Xunta introduciu -como ven facendo cada ano- na súa Lei de Acompañamento dos orzamentos para 2023 unha cuestión que de maneira eufemística chamaron “ Rede de Seguridade”. Viña a dicir, para entendérmonos, que se nesa data un parque eólico non cumpría os requisitos quedaba “conxelado” á espera do seu cumprimento e entón se recuperaba o proxecto. E por outra parte a Xunta comezou a producir DIA,s, case de maneira industrial. Tanto é así que en dous meses e pico publicou máis de 70!

O TSXG anulou o parque de Corme por incumprir os 30 días de exposición pública que determina a lexislación europea e un ano despois o TS, de maneira un tanto incomprensible -pois o incumprimento é unha realidade obxectiva- revoga a sentencia do TSXG e volve a autorizar o proxecto de Corme, por que?

Habería que preguntarlle a eles. Din algo así como que non está demostrado que baixar a 15 días fose algo que realmente mermase a capacidade de participación cidadá ou que tampouco se pode demostrar que os informes que faltaban fosen informes necesarios.

Esa sentenza do TS dá pé a que a Xunta saque peito e ataque ao TSXG?

Si, si. E pretenden utilizar esa sentenza concreta -e moi discutible- do TS para “blanquear” todo o seu irregular e viciado proceso eólico. Esa é a independencia do poder xudicial que defenden na Xunta: cando non lles gustan as sentenzas atacan de maneira moi grave a un tribunal defendendo a disparatada hipótese de que existe unha especie de contubernio encabezado por un xuíz, ex líder político, ao que incluso nun moi coñecido xornal afín ao PP chegan a pór nome e apelidos. A campaña contra o TSXG é un disparate. O TSXG non funciona de motu propio. Nin sequera a instancias da Fiscalía. O TSXG dá respostas xurídicas a unha batería de demandas, moi ben armadas, elaboradas con moito esforzo e poucos medios pola sociedade civil organizada.

Cal pode ser o resultado desas cautelares? Aínda que só poidamos especular, cal é a túa opinión?

Están baseadas no principio de cautela. É evidente que a construción destes parques produciría prexuízos irreparables. Xa que logo cómpre paralos antes de ditar sentenza firme. Se hai unha medida cautelar eu entendo razoable ter expectativas dunha sentenza positiva aos demandantes. Pero iso non se pode saber, desde logo. O traballo das demandas presentadas por Petón do Lobo e Atlántica e Verde é inmenso, foron 70 demandas contra 70 proxectos ou “grupos de proxectos” eólicos.

En xeral as paralizacións cúmprense?

Lamentablemente non. Ou non sempre. Desde hai dous anos hai unha sentenza firme do TS para desmantelar o PE Sasdónigas, en Mondoñedo e o parque segue a funcionar. O TSXG ordenou no verán pasado a suspensión cautelar das obras do parque de Acibal en Moraña e as obras seguiron durante moitos meses… Aínda que pareza mentira tamén temos que loitar contra ese tipo de cousas.

O poder político e a patronal eólica están sometendo a presións ao TSXG?

Absolutamente si. Tan evidente é que o TSXG tivo que sacar unha nota pública informativa para defenderse. Por outra parte o TSXG formulou unha consulta a Europa sobre irregularidades, dúbidas e diferenzas de criterio co TS, referido esta vez ao proxecto Ruña II. Lembremos que na sentenza de Corme o TS validou os 15 días de exposición. Europa vai tardar arredor de 18 meses en contestar e a consecuencia é que mentres iso non aconteza o TSXG non atenderá máis expedientes.