Néstor Rego, deputado do BNG No Congreso

Néstor Rego No congreso dos diputados A Nova Peneira
G.Figueiredo
e Tino Lago

O BNG afronta as próximas eleccións autonómicas a priori con todo a favor para acadar un magnífico resultado. Con cada vez máis poder municipal, coa representación no parlamento do estado recuperada na persoa de Néstor Rego, e cunha candidata de nivel sobresaínte á presidencia da Xunta, semella que os días de viño e rosas dos que gozou o BNG nos anos 90 poden estar moi preto de volver repetirse ou mesmo de superarse. A Nova Peneira estivo en Madrid con Néstor.

Recordo un mitin do deputado Néstor Rego, hai arredor de 5 ou 6 anos, que eu estaba a cubrir como cronista desta casa, no que Néstor glosaba a figura do insigne poeta galego Manuel María, e falaba da importancia enorme que tiveron os versos de Manuel na construción do seu pensamento político, dicindo algo parecido a , falo de memoria, que Manuel Maria axudou a que os camiños dun “mozo de aldea” como el e os do nacionalismo galego acabasen sendo un só camiño indisoluble. Pois ben, agora o “mozo de aldea” que era , é “ SEÑORÍA” polo menos así o chamaban os policías que custodiaban a entrada do parlamento español, non sen producirlle, creo eu, certa incomodidade .Agradecemos a Néstor a súa amabilidade en atendernos alí, así como a Begoña e a Carlos do servizo de prensa do Bloque porque a súa profesionalidade fixo que todo fose moito máis doado.

QUEREMOS QUE A SOCIEDADE GALEGA FAGA SEU O ACORDO QUE ASINAMOS CO PSOE, É A MELLOR MANEIRA DE EVITAR TENTACIÓNS DILATORIAS”

Como valoras o traballo do BNG, nesta primeira experiencia túa como deputado en Madrid?

Ben, creo que o traballo do BNG neste período foi importante e mesmo determinante para que houbese goberno, pero sobre todo, para que houbese un acordo que o que fixo foi desbloquear a solución e boa parte dos problemas sociais e económicos que ten o noso país. Un acordo moi bo para Galicia e creo que, moi ben valorado, e que demostrou que é posible facelo. Estou realmente satisfeito do papel do BNG.

E o grado de cumprimento do acordo de investidura que asinastes co PSOE?

Ben. O que pasa e que na maioría dos temas, as medidas que se recollen precisan o apoio orzamentario. Vai a haber que esperar a que haxa o orzamento do Estado para poder verificar ese cumprimento. Sempre se manifestou a vontade, poño por caso os descontos da AP9, a gratuidade para os usuarios que a utilicen dúas veces ao día, isto ten que ter unha partida orzamentaria e así o reflicte o acordo, di que entrará en vigor no momento que haxa os orzamentos do estado.

Néstor, a abstención de Esquerra Republicana na votación do teito de gasto, cres que indica que a súa vontade, pois eles son decisivos, é aprobar os orzamentos do 2020?

Creo que hai disposición a falar pero vai a depender do goberno. Nós tamén temos plena disposición ao diálogo dos orzamentos pero a decisión tomarémola no momento que proceda e en función de como sexan eses orzamentos para Galiza. O primeiro que é incuestionable e que teñen que incorporar as partidas necesarias para o cumprimento do acordo de investidura, pero isto non será suficiente. Os orzamentos para Galiza teñen que incrementarse porque partimos de niveis realmente baixos. En función do proceso de diálogo, de negociación e de resultado, decidiremos o noso sentido de voto.

E ti Néstor, como andas? Porque teño a sensación de que tes unha axenda inmensamente voluminosa. Como levas os niveis de estrés?

Unha vez que se consigue un bo acordo hai que dalo a coñecer. Estamos facendo moitos actos públicos de difusión, reuníndonos con diversos colectivo e entidades para explicarlles o propio acordo. Queremos que a sociedade galega faga seu este acordo, esta é a mellor garantía de que non haxa ningunha tentación, nin de dilación, nin moito menos de incumprimento.

Estou contento pola axenda e polo acadado neste acordo, aínda que do punto de vista persoal sexa un esforzo físico importante, é un esforzo útil para fortalecer a posición política do BNG e facer pedagoxía de por que confiar nas forzas propias.

E nas moitas xuntanzas que fas polos currunchos do país, entendes que a percepción da sociedade galega é positiva?

A verdade é que si, creo que hai pouca xente que diga que non é un bo acordo.

O día que foi coñecido parece que o único que estaba enfadado era Feijoó, fundamentalmente porque o deixou en evidencia. O BNG cun deputado é capaz de conseguir bonificacións e descontos deste carácter na AP9 e el, desde a presidencia da Xunta en once anos, con sete anos de goberno do PP tamén no Estado, non foi capaz de conseguilo.

O outro día escoitamos ao vicepresidente do goberno, Pablo Iglesias, pouco menos que atribuíndose os méritos do traspaso da AP9 á Xunta de Galicia.

Si, creo que este tipo de cuestións xa non enganan a ninguén. Tivo tanta repercusión este acordo que todo o mundo sabe que isto é consecuencia co acordo de goberno co BNG.

Ti es un dos 19 de Meirás, como está ese asunto?

Isto comeza en agosto do 2017, e de momento seguimos esperando.

Neste período prodúcese a denuncia por parte da familia Franco, coa imputación de delitos que poderían levar penas absurdas de 13 anos de prisión. De momento houbo unha vista previa no xulgado de Betanzos e continuamos á espera de se vai haber xuízo ou non. Parece o mundo ao revés, a familia Franco denunciando a demócratas.

E cres que o pazo de Meirás será nun futuro próximo patrimonio do pobo galego?

Estou convencido de que si, que vai ser recuperado.

O que nos gustaría e que isto se tivese resolto no seu día pola vía política, igual que se resolveu co patrimonio incautado a sindicatos e partido políticos, pero agora hai que espera a que se resolva xudicialmente e está todo tan ben documentado que sería verdadeiramente un escándalo que a xustiza fallase a favor dos Franco, pero non se pode descartar nada.

O día antes de realizar esta entrevista colectivos policiais próximos aos segmentos máis conservadores da sociedade, manifestáronse con total impunidade ás portas do congreso, e supostamente acosaron e insultaron a unha deputada de JXC, É difícil ser nacionalista periférico en Madrid?

Hai momentos en que tes a percepción clara de que estamos en territorio hostil, máxime coa representación que ten na actualidade o ultraespañolismo. Abofé que o acoso que sufriu a compañeira é noxento, pero ben, xa sabemos que è parte do traballo, que debemos de seguir facendo con absoluta firmeza

Pronto haberá eleccións no noso país, cal é a túa valoración do que cres que vai acontecer?

Eu teño a convicción de que vai haber cambio. Xa é evidente que o BNG vai ter unha suba significativa, e para nós non sería un bo resultado que houbese unha alternancia na submisión a Madrid. O que nós desexamos é que o 5 de abril xurda unha alternativa que poña por diante os intereses de Galiza. E iso só o pode facer o BNG cun goberno presidido pola nosa portavoz nacional Ana Pontón.

O 5 de abril, temos a oportunidade de facer historia, temos que pór todo de nós para non desaproveitala.

Se a aritmética parlamentar que xurda do 5 de abril fai que o PP perda a maioría absoluta, e que entre a ultradereita de Vox no parlamento, ti cres que Feijoo pactaría con eles?

Sen dúbida, pactaría con eles e asumiría a súa axenda, calquera cousa que lle pidan.

Incluso, se lle pedisen medidas máis agresivas aínda contra o noso idioma ?

Xa o fixo sen necesidade da presión de Vox, pois nestes 11 anos o seu goberno aplicou medidas claramente hostís contra a nosa lingua, e claro que o volvería a facer, e máis aínda se llo esixira quen hipoteticamente puidese ter os votos que necesitase para asegurar a Xunta. Razón de máis para procurar que exista un cambio, para iso, para protexer o noso idioma tamén é garante o BNG

Un colectivo de persoas procedentes de En Marea, entre as que destaca a súa ex deputada Alexandra Fernández acaba de expresar o seu apoio ao BNG e a súa vontade de colaboración, que nos tes que dicir ao respecto?

Eles din que a vía do acordo do soberanismo coa esquerda federal española está esgotada. Na miña opinión, nunca debeu ser explorada pois xa temos exemplos históricos de abondo para constatar como ese tipo de acordos derivan sempre na submisión das forzas galegas a Madrid. E un exemplo significativo foi que os orzamentos do 2.019, enormemente lesivos para Galicia foron votados a favor polos deputados de En Marea, coa excepción de Alexandra, porque así o decidiu a dirección de Podemos. En calquera caso, eu estou moi satisfeito de que todas as persoas e colectivos do soberanismo galego traballen cóbado con cóbado co BNG, desde logo que si.

E hai cancha para seguir ensanchando o BNG?

Si, abofé que a hai. Nós estamos cos brazos abertos para recibir a todas as persoas e colectivos que puxesen os intereses de Galiza por diante desde unha perspectiva soberanista. E para quen aínda non o vexa, o Bloque está coa vontade firme, para, con toda a humildade do mundo , facermos toda a pedagoxía da que sexamos capaces. O Bloque é un instrumento para servir ás maiorías sociais de Galiza, foi así no pasado, é así no presente, e así seguirá sendo no futuro.

A CIG, central sindical nacionalista, que cando comezou como SOG case o fixo desde 0, é agora a primeira forza sindical do país. No campo político, algún día, poderemos ver algo parecido?

Si que se pode, dígoo con rotundidade e firmeza. A nosa aspiración é que o nacionalismo, algún día, chegue a ser hexemónico en Galiza. E quero dicir con claridade que o obxectivo do BNG non é chegar á Xunta, senón superar o marco para chegar a unha Galiza soberana.

Estes días coñecemos que anterior xefe do estado, pai do actual, supostamente tiña unha cantidade moi importante de cartos en Suíza que presuntamente procedían de algún misterioso pago de Arabia Saudí, un dos estados máis crueis do mundo, e nos principais xornais españois o asunto pasou de puntiñas..

Xa, é evidente que o réxime, malia estar en crise, que o está, ten moito poder , e ten a conivencia da inmensa maioría dos medios de comunicación, que están controlados polo propio réxime. A monarquía é anacrónica e non compatible coa democracia. Por fortuna o asunto de Arabia o están a investigar en Suíza, porque se estivese sendo investigado en España, xa temos claro que non chegaría a ningún sitio.

Unha pregunta, referente á nosa área de influencia, Vulcano está definitivamente morto?, Barreras corre perigo de desaparecer? E que papel ten Feijoo na dramática situación na que se atopa o naval na ria de Vigo?

Eu resístome a dar por morto a Vulcano. A premisa para recuperar a actividade é non aceptar a reclamación dos terreos de dominio público que fai a autoridade portuaria. No caso de Barreras, a solución de que Ritz Carlton se faga cargo do estaleiro é provisoria, pero polo menos posibilita que se poida buscar unha saída máis a longo prazo. O problema do sector naval Galego non é de falta de mercado, que o hai, o problema é de mala xestión, e, especialmente mala foi a dos negocios de Feijoo con Pemex. Toda a xestión de Pemex foi un desastre e ademais envolta en suposta corrupción

Ben, el di que non sabía nada?

Si, pero cada vez vai tendo máis amigos no cárcere. Comezou con MARCIAL Dorado, Miramontes, O directivo de Pemex que acaba de ser encarcerado….

A semana pasada volvía eu a Vigo cansadísimo de repartir Peneiras por toda a comarca de Redondela, era moi tarde, e volvín por autoestrada. Jodeume moito pagar 0,95€ por esa viaxe. Cando, semellante inxustiza, pasará á historia?

Eu estou convencido de que ao longo deste ano. Ten que ser así, porque así está escrito no acordo que asinamos co PSOE, e nós somos unha organización sería e non entendemos outro modus operandi que cumprir o que se acorda. No momento en que haxa orzamentos, todo o que asinamos ten que executarse. E no que respecta á AP9 en concreto, os seus custes, elevadísimos, son un lastre para o desenvolvemento económico deste país, polo tanto as medidas que asinamos co goberno do PSOE deben levarse á práctica canto antes.

Recentemente fuches reelixido SX da UPG, eu estiven na clausura do voso congreso, e ben, expresaches un agarimoso saúdo para os irmáns de Nós , que eu subscribo absolutamente, son subscritor dese xornal por convicción, pero se algunha vez nos inclúes, como sabes somos un xornal cunha liña editorial moi comprometida co nacionalismo galego e pelexamos contra xigantes día si e día tamén, pois non estaría de máis..

Ha ha ha ha ha. Fágoo agora encantadísimo. Toda a prensa en galego é fundamental, pero aquela como a vosa que se fai desde unha perspectiva de país, pois máis aínda. E aquela como a vosa que se move no eido local e comarcal ten un plus, que é o de dar voz aos problemas que están máis preto das persoas. E desde logo, dixérao ou non con anterioridade, valoro moi positivamente o papel que fai A Nova Peneira

Moi ben moitas grazas, agardamos xa que logo verte no Porriño na nosa IV gala que será en xaneiro do 2.021

Agás causa de forza maior, alí estarei, desde logo

Rematamos Néstor, podes dirixirte á toda sociedade galega para dicirlles por que , ao teu xuízo, o 5 de abril deben votar ao BNG?

O cambio político, liderado polo BNG, sería inmensamente beneficioso para toda a sociedade. Xa demostramos que nos preocupamos polo interese xeral do pobo galego. O acordo de investidura é un bo exemplo. É posible vivir mellor, prosperar e desenvolverse, pero para iso debemos gobernar nós mesmos os nosos propios recursos.