Teatro Dramiño un facho de luz no universo cultural de Salvaterra

Teatro Dramiño un facho de luz no universo cultural de Salvaterra

En decembro do ano 21 un mozos que había pouco remataran o seu periplo no IES de Salvaterra decidiron montar un grupo de teatro. Así naceu DRAMIÑO, o grupo protagonista deste traballo que con actrices e actores amadores xa levan representado 4 obras e , con toneladas de ilusión ao lombo, agardan que a paixón polo teatro poida sementar na súa vila de Salvaterra. Tres desas catro obras foron escritas por Ángel Vidal, un rapaz de 21 anos, estudante da carreira de historia no campus de Ourense, que manifesta sentir paixón polo teatro xa desde neno. Calquera actividade que trate de potenciar a expresión artística no noso idioma merece o noso recoñecemento e respecto e se , como no caso de Ángel, intenta darlle un matiz de contido social ás obras que escribe nos abrímoslle as nosas páxinas con tanta ilusión como a que amosan os actores e actrices de Dramiño. A eles non lles gusta moito falar de “ director” pois consideran que DRAMIÑO é unha construción colectiva onde todos se sitúan ao mesmo nivel, pero na realidade Ángel é o que exerce a dirección do grupo, e nós conversamos con el para coñecermos mellor esta experiencia tan interesante.

Ángel Vidal Rodríguez

O teatro é un instrumento moi poderoso de denuncia social”

Que estás a facer na actualidade Ángel?

Estudo Xeografía e Historia no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Supoño que vivirás alí?

Si, veño as fins de semana a Salvaterra pero mentres estea a estudar alí, vivir teño que vivir en Ourense.

Por que escolliches historia?

Sempre me resultou moi atractiva a aprendizaxe da historia, xa de neno encantábame ler textos de historia. Por outra parte tiven algún profesor en secundaria que logrou fomentar o meu interese pola materia. En consecuencia todo se desenvolveu por si só..

Unha curiosidade intelectual antes de entrarmos no universo do teatro. Que idioma maioritario se fala en Ourense?

Na miña facultada fálase maioritariamente galego. Pero a miña facultade é unha excepción. Nas demais o idioma máis falado pola mocidade é o español. Nas rúas, ao meu xuízo ,apréciase perfectamente a situación de diglosia que padece o idioma galego. Persoas maioritariamente galego falantes pasan ao español cando na súa psique consideran que están nunha situación digamos de prestixio:Nun banco, no médico, cun avogado…..

Cando comezou a túa relación co teatro?

Moi pronto. Non tiña máis de 9 ou 10 anos. Foi nun verán no que en Salvaterra organizaron un campamento cultural. Alí , desenvolveron unha actividade dedicada ao teatro e a min entusiasmoume. Unha das persoas do campamento, Cristina, despois de que rematara decidiu montar un grupo de teatro para representar unha obriña. E eu apunteime de cabeza.

Lembras que obra era?

Si “ A carrapuchiña pasa da carrapucha vermella”.A autora é Raquel Castro, unha moza de Alxén.

Recordas como te sentiches na túa primeira representación?

Absolutamente entusiasmado. Eu creo que xa debo de ter algo nos meus xenes porque sempre fun un rapaz moi dado ao espectáculo.

Tes algún antecedente na familia?

Que eu saiba non.

Desde ese momento a túa relación co teatro foi permanente?

Dese que cheguei ao instituto si. Apunteime nun grupo que había montado e que ensaiaba os mércores. Encantábame estar alí. Era un grupo numeroso de arredor de 30 persoas e eu pasábao xenial.

Máis mozos ou máis mozas?

Máis mozas. Aínda segue existindo certo estigma que vincula ao teatro como unha actividade feminina.

Cal foi o primeiro texto que escribiches?

Foi un texto de autoría colectiva que fixemos nos últimos anos do instituto. Ese foi o meu primeiro contacto con texto teatral. Antes xa escribira algúns relatos.

Como se titulaba ese primeiro texto teatral?

O laboratorio, foi un texto dunha obra breve. A representación, que fixemos no instituto, duraría arredor de 15 minutos.

Cando fundastes DRAMIÑO?

Foi en decembro do 2021.Nun principio eramos tres persoas, logo unha o deixou. Ocorréusenos a idea un día paseando por Vigo no que estabamos a lembrar o ben que o pasaramos no instituto. Fixemos un cartel improvisado pedindo xente e pendurámolo nas redes sociais.

Respondeu a xente?

Si, respondeu moi ben.

Cantas obras tedes representado?

Temos representado 4.Tres escritas por min e a outra foi “ O achado do Castro” de Manuel Núñez.

Cantas persoas formades DRAMIÑO na actualidade?

Agora mesmo estamos 16.Somos 11 mulleres e 5 homes.

De que abano de idades?

Nós non nos pechamos a nada. Aquí quen teña gañas pode vir, que será moi ben recibido, teña a idade que teña. A persoa máis nova que está con nós ten 10 anos, e a máis maior non sei exactamente pero andará polos 50 anos.

Non será a miña amiga Loli, a máis maior?

A mesma.

Cada canto tempo ensaiades?

Todas as semanas na casa da cultura de Salvaterra. Formalmente o ensaio é de hora e media pero hai tan bo rollo entre nós e pasámolo tan ben que case sempre pasa das dúas horas. A verdade síntome case como no medio da miña familia.

O concello púxovos algún problema para facilitarvos o local?

Non, nunca.

Que tipo de obras de teatro escribes?

Teño a mente moi ancha e non me gusta cinguirme a un estilo estilo determinado. Depende do momento e depende do contexto.

Todas as persoas que estades no grupo sodes amadoras ou tiñades formación previa?

Algunha tiña formación nalgunha escola de teatro pero nada máis. Somos todas amadoras si.

Algún autor de teatro que te influíra decisivamente?

Castelao.

Ti es dos que pensas que o teatro ten que ter unha función unicamente estética, é un espectáculo para o lecer, ou consideras que debe de tomar posición ao respecto do contexto social no que se insire?

O teatro, como calquera disciplina artística, non se pode separar do contexto social no que vive. E ao meu xuízo debe de servir, entre outras cousas, para dar voz a quen non a ten. É un instrumento moi importante para a denuncia dos abusos e as inxustizas.

Ti tratas de facelo nas túas obras?

Si. Na última que estreamos:” 7 balas” procuro reflectir distintos problemas sociais moi presentes na sociedade contemporánea como por exemplo a violencia de xénero ou as adiccións.

Proximamente volvedes representala, verdade?

Si, no IES de Salvaterra. En verán temos pendentes tamén varias.

Cobrades?

Non, pero admitimos donativos. Por desgraza facer cultura non é de balde. Temos que facer decorados e o vestiario que pagamos dos nosos petos.

Dramiño é un proxecto para o longo prazo?

Absolutamente si.