A mirada de outras I

Yusneidi Pérez, Cuba.

Iniciamos esta xeira de reportaxes nas que distintas persoas estranxeiras que viven no país galego nos contarán o máis relevante dos seus lugares de orixe, así como a visión que elas teñen de Galicia. Comezamos falando de Cuba, un país moi importante para moitos galegos e galegas que ao longo da historia trataron de atopar a prosperidade que aquí non podían encontrar.

Yusneidi Pérez, Cuba.

O único motivo que nos impulsa a marchar de Cuba é a situación económica. Se Cuba estivera mellor, ninguén se iría da Illa”

Yus, para os seus amigos e amigas, é natural de Santiago de Cuba, naceu en abril do ano 1984.Toda a súa familia é cubana aínda que con algunha ascendencia española por ambas partes, sen que a nosa protagonista saiba exactamente o seu lugar de procedencia, pois xa estariamos falando de varias xeracións atrás. Leva en Vigo desde o 2019 e traballa en hostalaría , no mesmo local case desde que chegou á nosa cidade. Ela é unha moza moi amable e intelectualmente curiosa que fala do seu país con paixón , pois confesa que está emocionalmente moi vinculada á súa patria, e que só a situación económica na que se encontra a illa caribeña é a única razón que a empurrou a marchar

Como é a cidade onde ti naciches?

Pois para min é a cidade máis bonita do mundo, desde logo .É a cidade na que nacín, na que vivín a miña infancia e mocidade, os mellores anos da vida, e na que aínda viven moitas persoas ás que quero e coas que estou vinculada afectivamente. E teño claro que estea nas localidades que estea, no tempo que me quede de vida, vou seguir dicindo o mesmo; A miña é a cidade máis bonita do mundo. É unha cidade algo máis grande que Vigo, debemos de ser arredor de medio millón de habitantes, ten sitios preciosos, pero lamentablemente está deteriorada .Facíalle falta actuacións importantes e urxentes.

Por que non se fan?

Porque non hai cartos suficientes.

Que nos recomendas visitar na túa cidade?

Hai un feixe de sitios bonitos en Santiago: O centro histórico é moi recomendable, a catedral, o hotel Casa Granda, un hotel histórico cun encanto especial, A casa da Trova, un lugar precioso para desenvolver distintas actividades culturais,o museo Tomás Romay, un impresionante museo de ciencias naturais….

En que año viñeches a Galicia?

Saín de Cuba no ano 17, estiven primeiro en Madrid, e desde o ano 19 xa estou en Vigo.

Como é o clima da zona na que ti naciches?

Vai moito máis calor ca en Galicia. De feito noto moita diferenza. A chuvia tan abundante que tedes aquí en verdade abáfame un pouco.

Botas de menos o país?

Si, moitísimo

Especialmente en que?

O que máis boto de menos é a miña familia, desde logo, e a todas as persoas que quero. Pero o choque cultural é tamén moi relevante. Nós enfocamos a vida doutra maneira. Temos obrigas e responsabilidades, por suposto, pero nós non nos estresamos tanto.

Visitas o país con frecuencia?

Si, este ano non puiden ir pero vou con bastante asiduidade.

Cales son as comidas máis típicas de Cuba?

O congrí

Que é ?

É o arroz con feixóns. Tamén destacaría a carne de porco asada, a roupa vella, os tostones…

Ese último non o coñezo. En que consiste?

É moi simple pero está exquisito. Faise con plátano e leva allo, aceite e sal..Tamén podía mencionar a Iuca , o millo, os mojitos…En definitiva en cuestión de comidas temos unha variedade moi ampla.

As festas máis características cales son?

O Entroido. Tamén é moi importante para nós o que chamamos a semana da cultura.

O pobo cubano en xeral é moi festeiro verdade?

Absolutamente si. Encántanos a festa. Nós facemos unha festa de calquera cousa. Sempre que podemos aproveitamos para rir e gozar da vida coas persoas que queremos.

Como está a sanidade?

A sanidade é moi importante en Cuba. Absolutamente todo é de balde, non hai listas de espera e dáselle moita importancia á correcta atención sanitaria da poboación. Por desgraza non hai medios suficientes. A falta de diñeiro impide que os centros sanitarios conten cos medios adecuados.

No que respecta á educación?

Dígoche exactamente o mesmo que o que mencionei da sanidade.

Ti tes formación en psicoloxía. Algunha vez pagaches algo nos teus estudos?

Nunca xamais. Sempre foi todo gratis. Todo o pagou o estado.

Ti estabas cómoda vivindo en Cuba?

Si.

Se non fose pola cuestión económica terías quedado no teu país?

Sen ningunha dúbida si. E non eu soa, senón todos os cubanos que emigran.

Que sentimento xeran na illa os cubanos de Miami?

Eles axudan as súas familias en Cuba igual que calquera outro en calquera outro sitio. As persoas que emigran axudan a moitos a subsistir polo tanto non hai nada malo que dicir.

Os deportistas destacados que asumen a nacionalidade doutro país non xeran rexeitamento?

Non, comprendémolos. O único problema que motiva a necesidade de emigrar é a falta de medios económicos. De non ser por iso ninguén marcharía de Cuba

Por que viñeches ti, por ese motivo que mencionas?

Si,por ter a posibilidade de gañar máis diñeiro e poder vivir mellor. Só por iso. En Cuba cada vez as cousas se poñen máis complicadas. Estar aquí dáme a posibilidade de axudar á miña familia na illa.

A maior parte das persoas da túa xeración, os que agora están nos 30/40 anos de idade están politizadas?

Hai de todo. Non sabería dicir se hai máis que si o están, ou se hai máis que non teñen interese na política, pero o certo é que podes atopar ambos casos con frecuencia. Os que si o está militan na UJC ( unión de jóvenes comunistas).

Entre as persoas novas que non queren militar observas moita opinión contraria ao sistema?

O que observo eu é non tanto hostilidade cara ao sistema, senón desexos de progresar e de poder vivir con dignidade.

Que suscita máis rechazo o bloqueo dos ianquis, ou o sistema en si?

Depende de a quen llo preguntes. Hai xente que pensa de maneiras moi diferentes.

Cando chegaches a Galicia sentícheste cómoda ou notaches algún tipo de rexeitamento?

Eu non diría rechazo, pero si que me custou un pouco o choque cultual. Nós somos moi abertos e sociables, e os galegos en xeral sodes máis pechados. Esa diferencia nun primeiro momento fixo que non o pasara moi ben.

Estás contenta no traballo que tes actualmente?

Si, moito. Teño moi boa relación cos clientes, coas miñas compañeiras e coa empresa. Trato de dar o mellor de min mesma para ofrecer un bo servizo a quen nos visite, e creo que esa é a percepción xeral que hai do meu traballo.

A comunidade cubana de Vigo é numerosa?

Si, moi numerosa. Podo dicirche que estou nun chat colectivo de cubanos e cubanas en Vigo, e está composta por arredor de 200 persoas.

En liñas xerais a comunidade cubana de Vigo é favorable ou contraria ao sistema?

Hai de todo.

Agora mesmo un cubano medio pode vivir na illa con dignidade?

Con dignidade moral por suposto que si, pero por desgraza teño que contestar que con dignidade económica creo que non. Hai demasiadas carencias.

Se chegase algún día no que as posibilidades e o nivel de vida de Cuba fosen semellantes ás que hai en Europa, volverías?

Sen ningunha dúbida si, si que volvería. Estou contenta en Vigo e podo permitirme ter unha vida digna, pero como che dixen ao principio: os vínculos emocionais que teño co meu país son moi elevados e encantaríame poder estar na miña terra, apertar todos os días á xente que quero, respirar o meu aire e sentir o meu sol,o aire e o sol de Cuba.. Se por desgraza esa situación que describes non se dera, agardo poder traer á miña familia.