A mensaxe que moitos cidadáns cren recibir do caso de Víctor de Aldama é demoledora: denunciar irregularidades pode custarche a carreira; colaborar coa xustiza despois de ser un un delincuente confeso pode converterte nun actor clave do relato.

Mentres Ana Garrido ou Luis Gonzalo Segura son recordatorios do prezo que moitas veces pagan os denunciantes, o delincuente e corruptor e corrupto Aldama alimenta unha sensación de agravio que a xustiza e a política non deberían ignorar.

A caricatura é brutal, pero explica o malestar social: se atraco un banco con tres colegas e, cando me convén, decido contar quen eran os outros, o cidadán debe concluír que o negocio está en delatar a tempo e non en cumprir a lei desde o principio? Evidentemente non é así como funciona o dereito, pero esa é a percepción que moitos din ter.

Os tribunais aplican as leis, si, pero fano dentro dun sistema xudicial cada vez máis cuestionado pola súa falta de coherencia, pola súa lentitude crónica e por unha preocupante tendencia a interpretar a realidade segundo quen sexa o acusado e non segundo a estrita igualdade ante a lei. A xudicatura, lonxe de ser ese espazo neutral que proclama, transmite con demasiada frecuencia a idea de corporativismo, de protección interna e de escasa autocrítica, especialmente cando os casos afectan a redes de poder político ou económico.

Non é menor tampouco a sensación de opacidade: resolucións difíciles de entender, criterios cambiantes e unha escasa rendición de contas alimentan a desconfianza. Cando a cidadanía percibe que a vara de medir non é a mesma para todos, a autoridade moral dos tribunais esvaécese, por moito que as sentenzas sexan formalmente impecables.

Pero os partidos que aplauden determinados resultados deberían preguntarse que mensaxe transmiten. Porque cando o denunciante parece un inxenuo e o colaborador unha figura central da historia, non se fortalece a confianza nas institucións: ponse a proba.

E unha democracia que fai pensar aos cidadáns que a valentía de denunciar vale menos que a oportunidade de negociar despois, e que ademais observa unha xustiza incapaz de corrixir esa percepción con exemplaridade e transparencia, ten un problema político e moral que ningunha sentenza pode resolver por si soa.