Nestes tempos tan complicados nos que senón é crise económica é pandemia sanitaria, guerra ou híper inflación….. pero semella que sempre pasa algo que impide poder ter unha vida normal, cómpre valorar como se merecen ás persoas valentes que deciden emprender. Unha delas é Samanta González, ela é de Ponteareas pero leva 14 anos vivindo en Fornelos e manifesta sentirse como unha fornelense máis. Ela ten unha perruquería desde hai catro anos na rúa da Fonte, a perruquería Samanta. E nós fomos coñecela.
“ Esta perruquería é o negocio da miña vida. Quero xubilarme aquí”
Ti es natural da comarca onde naceu a vella Peneira, verdade Samanta?
Pois si, eu son da Comarca do Condado, en concreto da parroquia de Fozara en Ponteareas. E xa coñecía o voso periódico de cando vivía en Ponteareas.
E como fuches parar desde Fozara a Fornelos?.. Non me digas máis: foi por amor, a que si?
Ha ha ha ha ha. Pois si, ese foi o motivo. Vin a Fornelos porque casei aquí.
Canto tempo levas en Fornelos?
Vivindo 14 anos, e coa perruquería levo 4.
Gústache vivir aquí?
Si, gústame moito. Eu vivo no lugar de Freaza e teño dous fillos. Sempre me sentín moi ben tratada, e a verdade xa estou tan implicada emocionalmente con Fornelos, que me sinto unha fornelense máis.
Levas catro anos co negocio. E antes xa eras perruqeira?
Si, sempre fun perruqueira. Antes traballaba como empregada nunha perruquería de Ponteareas pero esta é a miña profesión, e case che podo dicir que tamén a miña vocación, desde que era moi nova.
Por que montaches o negocio aquí?
Casualidades da vida. Aquí había xa, no seu tempo, unha perruquería. Puxérona en traspaso e convencéronme para lanzarme á aventura.
Que valoración fas destes catro anos?
Non pode ser outra ca unha valoración moi positiva. Estou moi contenta coa acollida ata tal punto que podo dicir que moitas das clientas que me distinguen coa súa compañía son , máis que as miñas clientas, case as miñas amigas. Estamos traballando dúas persoas no negocio e como che dixen a valoración é moi satisfactoria.
Que tipo de clientas tes aquí?
Teño tanto clientas como clientes. E os abanos de idade son moi diversos, veñen desde persoas moi novas ata xente moi maior, pero na súa maioría son persoas maiores pois Fornelos, como sabes, ten unha poboación, como todo o rural galego, maioritariamente envellecida.
Cantos anos ten a túa clienta máis maior?
102
Miña naiii
ha ha ha, pois si, e está moi ben.
Este é o negocio da túa vida?
Agardo que si, a miña intención é xubilarme aquí.
Caramba, pero se aínda che queda moito para iso¡¡¡
Pois así facédevos unha idea do contenta que estou en Fornelos.
Que servizos ofreces ?
Todo o referente á perruquería, depilación e manicura.
E que horario tes?
De Martes a Xoves de 9:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.Os venres de 9.30 a 19.00. E
os sábados de 9.30 a 17.00
Moitas grazas Samanta
Grazas á Nova Peneira. Aproveito a oportunidade das vosas páxinas para desexarlle unhas moi felices festas a todos os meus clientes e amigos e dicir que a quen queira coñecernos estarei encantada de que a nosa casa sexa tamén a súa.
