Arbo é a capital mundial da Lamprea, é por isto que a lamprea é un manxar que destaca con nome propio entre todos os demais, profundamente vinculada aos arbenses desde hai séculos, riqueza inmemorial retratada con merecido recoñecemento no seu escudo e a súa bandeira.
Aseguran os historiadores que xa en tempos da Roma Imperial, facíanse levar lampreas vivas desde a zona de Arbo a Italia, para posteriormente, conservalas ata o momento de ser preparadas e servidas á mesa. Pero a fama da que goza Arbo a nivel internacional, en materia de lamprea, non só lla dá a calidade do produto, senón a forma artesanal de pescala utilizando a rede e as denominadas pesqueiras.
Non existe constancia doutro pobo no mundo que teña unha tradición tan antiga e arraigada ao redor deste peixe prehistórico e misterioso. Delicia gastronómica para moitos padais.
Desde hai uns vinte anos, alá polo ano 1966, celébrase a Festa da Lamprea Seca durante a primeira quincena de agosto, en Arbo souberon sacarlle partido tamén con esta modalidade de cociña co remate de dar a coñecer outras formas diferentes de gozar deste manxar ao longo de todo o ano.
Un exquisito afumado que admite o recheo de ovo e xamón e que tamén pode tomarse con fideos e tirabeques. Son moitas as formas de preparar a lamprea e cada restaurante, garda con esmero os seus pequenos secretos. O certo é que, unha vez que se proba, compréndese a razón pola que moitas persoas percorren ano tras ano, moitos quilómetros para degustar este manxar, que a día de hoxe constitúe obxecto de culto para expertos culinarios.
Este ano a festa celebrouse os pasados 10 e 11 de Agosto na parroquia arbense de A Carballeira de Turbela, asegurou o alcalde de Arbo, Horacio Gil que “a Carballeira de Turbela é unha unha localización estupenda para esta festa, con mesas e bancos para comer, garantindo así unha sombra natural que permite gozar da música, a lamprea, o viño e a cultura e o agarimo da xente de Arbo”. Colaboraron diversos establecementos hostaleiros da zona e alén da degustación de lamprea, tamén tivo lugar durante as dúas xornadas diversas actividades para maiores e pequechos.
Nestas dúas xornadas festivas púidose degustar, no posto habilitado polo Restaurante Os Pirús, lamprea seca por racións nos seus diferentes estilos: asada, rebozada, rechea, fita ou en empanada… acompañada dos mellores viños con denominación de orixe Rías Baixas.
As sete adegas de viño de Arbo participantes este ano foron Pazo Pondal, Marqués de Vizhoja, Eidosela, As Laxas, Adegas Galegas, Carballal de Sande e Adegas Terrae, que ofreceron os seus mellores caldos. Espumosos, Albariños e Condados foron o complemento ideal para gozar da lamprea e o bo ambiente. Tanto as racións de lamprea como o exquisito viño vendéronse a prezos populares e alcanzables.
Durante toda a fin de semana celebráronse tamén actividades musicais con actuacións de charangas, o “IV Festival Cantos de Taberna” ou concertos como o da “Banda de Nash”.
Pero tamén houbo sitio para o deporte cunha “ Andaina Popular” e unha “Festa da Bicicleta” con agasallos para os participantes.
E para os máis pequechos, estes puideron participar no comezo da campaña “Separar con Xeito”, con talleres e charlas ó sábado pola mañá, e xa pola tarde puideron gozar de inchables gratis para troulear ata entrada a noitiña.
Como vedes non faltou detalle nesta afamada festa gastronómica e esperamos xa con entusiasmo a próxima edición XXV para poder degustar de novo este exquisito manxar das augas deste fermoso concello de interior da nosa provincia.