O Concello de Mondariz Balneario, gobernado polo BNG, abriu a porta a resolver un conflito histórico coa depuración das augas residuais tras décadas de parálise. O goberno local xa mantivo reunións co alcalde de Mondariz, Pablo Barcía (PP), e coa corporación municipal, nas que trasladou a posibilidade real de conexión e súa vontade de colaboración para pechar a débeda que Mondariz mantén coa vila balnearia, que supera actualmente os 312.000 euros, ademais do ánimo actualizar o convenio de colaboración en beneficio mutuo.
Máis da metade da débeda acumulada non está vinculada á EDAR, senón aos outros servizos compartidos como son a escola infantil e o punto limpo. Tras as actuacións realizadas na rede de saneamento de Mondariz Balneario, existen xa as condicións técnicas necesarias para conectar o colector de Mondariz á EDAR da vila balnearia, o que permitiría evitar os continuos vertidos de augas fecais ao río Tea provocados pola falta dun sistema de depuración suficiente no Concello de Mondariz. A conexión é viable sempre que Mondariz realice as melloras necesarias na súa rede de saneamento, legalice o colector ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e se amplíe a autorización de vertido da EDAR de Mondariz Balneario, unha infraestrutura deseñada para 6.000 habitantes equivalentes e que actualmente funciona por debaixo do 50% da súa capacidade.
O Concello de Mondariz Balneario amosa a súa preocupación pola postura do alcalde de Mondariz, que se abstivo no último pleno no que se debatía o pagamento da débeda e a conexión coa EDAR, e no que anunciou a solicitude dunha subvención para construír unha nova depuradora, a pesar de tratarse de un servizo xa compartido entre ambos concellos. No caso da construción dunha nova depuradora en Mondariz, o goberno balneario considera que a súa construción suporía un innecesario despilfarro de recursos públicos pois daria servizo ao mesmo número de habitantes para os que xa esta preparada a EDAR actual, pola que Mondariz adebeda xa máis de 190.000 euros, cun
custo anual aproximado de 40.000 euros que tería que asumir Mondariz en exclusiva.
Sabedor da complicada situación económica de Mondariz, recentemente intervido polo Estado, o Concello de Mondariz Balneario amosou a súa disposición a facilitar o fraccionamento do pago da débeda e a reforzar a colaboración institucional con mais servizos. Comprometéndose o alcalde do Concello de Mondariz ao envío dunha proposta de pagos para afrontar o total da débeda, adiantando que a liquidación do adebedado no ano 2025 faríase durante este mes de febreiro, cuestións que a día de hoxe non se teñen dado e que levan ao Concello de Mondariz Balneario a advertir de que, de
non se dar cumprimento dos compromisos adquiridos, o goberno da vila balnearia en defensa dos intereses da veciñanza recorrerá á vía xudicial para esixir o pagamento inmediato da débeda acumulada, incluíndo os xuros correspondentes.
