Hai silencios que son cómplices, pero hai palabras que son directamente infames. O que fixo Pedro “Perico” Delgado durante a retransmisión da Vuelta 2025 non se pode disfrazar de erro nin de comentario sacado de contexto. Foi unha toma de posición clara: contra quen protesta pacificamente e a favor de quen perpetra un xenocidio.
Mentres en Gaza os bombardeos arrasan crianzas, hospitais, escolas e fogares, Delgado atreveuse a afirmar que “a estos grupos antisistema les da lo mismo lo que pase en Gaza. Quieren violencia, bronca”. Tamén dixo que “esto es un problema político, no deportivo… las protestas me parecen desafortunadas” e rematou acusando a quen se mobiliza de buscar só “notoriedad”. Todo isto, en horario de máxima audiencia, con micrófono da televisión pública diante.
Resulta insoportable escoitar como un ex ciclista que debe todo á notoriedade mediática acusa de oportunistas a quen arrisca ser golpeado ou detido por berrar que en Palestina está a morrer un pobo enteiro. A súa hipocrisía é obscena.
Pero máis alá da súa figura individual, as declaracións de Delgado expoñen algo máis grave: a cultura do espectáculo por riba da vida. O deporte como burbulla na que non pode entrar a realidade. Esa idea de que todo debe seguir, de que nada pode interromper a carreira, aínda que as bombas interrompan cada día a vida de milleiros de persoas.
Non se trata de política fronte a deporte, como el pretende. Trátase de humanidade fronte a barbarie. De escoller entre o bando de quen sofre e o lado de quen mira para outro lado. Delgado escolleu. E fixoo insultando a quen non quere ser cómplice do silencio.
Unha televisión pública debería marcar distancia inmediata con este tipo de mensaxes. Non hai neutralidade posible diante dun xenocidio, e menos cando quen o sofre é sistematicamente deshumanizado. Non é un luxo poder protestar, é unha necesidade moral.
As palabras de Delgado retrátano. Non como lenda deportiva, senón como símbolo dunha indecencia que se disfraza de sentido común. O tempo lembrará estas frases, e lembrará tamén quen calou e quen ousou falar. As protestas, mal que lle pese, son as únicas que salvan a dignidade.
