Despois de catro anos tivemos o pracer de recibir novamente a visita de Luis Gonzalo Segura. Lembremos que Luis era tenente do exército de terra, e foi expulsado da carreira militar tras denunciar a existencia de presuntos graves casos de corrupción.
Desde ese momento xa son 7 os libros que escribiu este rapaz madrileño de nacemento, pero universal de espírito e de corazón.
A finais do mes de xuño visitounos para facer tres presentacións( Redondela, Vigo e Mondariz) do seu último libro: “España Cara B”.Neste ensaio, que xa vai pola terceira edición, Luis retrata á España que está entre bambolinas ,a esa España que é a que en realidade manda e que é moi diferente á “ democracia plena” que algúns nos queren vender.
“Este libro ispe a moita xente e amosa unha cara de España que moi poucos se atreverían a contar”
Levabamos varios anos sen verte por Galicia Luis.
Pois si, e non creas que foi por gusto. Eu adoro Galicia e cada vez que teño ocasión achégome por aquí. Lamentablemente non podo vir todas as veces que quixera.
Cal é o motivo desta visita?
Veño facer varias presentacións do meu último libro “ España Cara B”.
Cales son as primeira impresións?
Estou moi satisfeito. O libro acaba de saír á venda e xa imos pola 3º edición. E iso que ao non ter cobertura nos grandes medios de comunicación non resulta nada doado.
De novo un ensaio?
Si, xa é o 5º e creo que de momento será o último porque o seguinte que me gustaría publicar é unha novela.
Que nos contas en “España cara B”?
Sobre todo a miña experiencia como denunciante de corrupción nestes últimos anos, e o que levo coñecido dos medios de comunicación, dos partidos políticos e das entrañas do poder. Eu veño dunha familia moi franquista, e sufrín moita máis hostilidade por ter denunciado corrupción que pola procedencia franquista. Esa situación, creo eu que nos dá unha idea de en que punto se encontra España a día de hoxe. Este libro ispe a moita xente e amosa unha cara de España que moi pouca xente se atrevería a contar, pois quen o fixera tería un risco mo elevado de sufrir o estigma social.
A dous denunciantes de corrupción como Ana Garrido ou ti trataron de asasinarvos civilmente, polo contrario a Aldama, corruptor e corrupto que só denuncia cando xa o cazaran, pouco menos que lle poñen un marquesado. Por que esa asimetría?
É asombroso si. O mesmo TS que foi durísimo nas súas sentenzas contra outros denunciantes de corrupción, é extraordinariamente xeneroso con este señor que trata de desestabilizar ao goberno. Son decisións xudiciais como pouco moi cuestionables.
Para ti trátanse de estratexias construídas para tratar de mudar o goberno?
O que parece evidente é que as elites non paran de conspirar para tratar de que a súa concepción patrimonial do poder se faga realidade, e só poidan gobernar eles. Esta estratexia de xudicializar a política para obter beneficios partidistas viuse especialmente clara no caso de Podemos. Creo que foron 12 as demandas por supostos delitos moi graves que lles presentaron e todas quedaron en nada. Cando se presentan os medios danlle unha dimensión extraordinaria. Recordemos a Ferreras co seu” Es muy burdo pero voy con ello”, e cando moito tempo despois se arquivan o dano político xa está feito.
Cal é a túa opinión sobre o caso Zapatero?
Un novo exemplo de asimetría xudicial. É evidente que o sistema persegue con máis intensidade a uns que a outros. Iso non quere dicir que Zapatero sexa un tipo de comportamento moral impecable que estea sufrindo unha persecución inmotivada. Non, hai cousas que non pintan ben. E teremos que ver como remata. Pero a asimetría xudicial é máis que evidente.
Todo o sistema queda mal: Os xuíces por asimétricos, os corpos policiais polo enorme interese con que se toman os casos que afectan á esquerda , os servizos de intelixencia exactamente igual.
Os corpos de seguridade empréganse con maior dureza contra as persoas que van a unha manifestación convocada pola esquerda que contra os asistentes a manifestacións de extrema dereita?
Parece que é o día a día,si. Esa é unha das consecuencias da mitolóxica transición que viviu España. Esa transición consistiu en deixar no poder aos mesmos que estaban antes, e como consecuencia todos os piares do estado están situados no lado dereito.
Terminamos Luis:En Palestina o estado de Israel está a cometer un xenocidio?
Si, lamentablemente si. É a maior atrocidade de toda a nosa xeración





