Alberte Román
O atento lector terá percibido que o titular deste artigo non deixa de ser un isco para atraer o interese para o que nel se recolle. O que hoxe chaman clickbait, e o que sempre se chamou un titular polémico. Aínda así, o titular recolle unha verdade, tal vez incómoda. Porque este artigo nace dunha constatación, dun feito que non nos pode ser alleo, como é que en Redondela existe, dirémolo dun xeito clásico, unha masa social á esquerda do PSOE bastante significativa. E espazo político nunca frutificou nun goberno liderado por un alcalde ou alcaldesa de esquerdas. En Galicia, ese ámbito de representación política é, para entendérmonos e con todos os asteriscos que queiramos colocar, mundo benegá, principalmente.
Aínda sabendo que o electorado ten comportamentos distintos segundo o proceso electoral de que se trate, quen faga unha revisión dos resultados electorais nas diferentes eleccións autonómicas poderá constatar como en Redondela, entre 1997 e 2024, a esquerda conseguiu maiores apoios que o partido socialista en seis das oito convocatorias. En catro desas seis ocasións, o Bloque foi a organización que maiores apoios acadou nese espazo político. Nas autonómicas de 2024, en Redondela o Bloque foi primeira forza superando mesmo ao PP.
Hai pois unha maioría social local de esquerdas que se ten manifestado de xeito reiterado en diferentes procesos electorais, mais que nunca se materializou nunha alcaldía da esquerda transformadora.
E o asunto resulta aínda máis chamativo, pois nos últimos anos o Bloque ten atinxido alcaldías en vilas e cidades que tiñan sido espazos hexemónicos do PP desde o franquismo. Véxase o caso de concellos como Ponteareas ou Ribeira, por exemplo. En ocasións, eses gobernos nacionalistas teñen enraizado, noutros non, mais o que é salientábel é a capacidade da fronte soberanista de convencer a electorados diversos e revirar contextos políticos moi adversos. Aquí, a pregunta a facer é: porque en Redondela non?
Entendo que se trataría dunha mestura de causas, como certa incapacidade da organización local para conectar con sociedade redondelá, non facer unha lectura certa dos tempos políticos e manter un férreo control interno. Pola contra, a pouco que un teña estado atento, naqueles lugares onde teñen acadado alcaldías, percíbese un Bloque máis fresco e con maior capacidade de conectar cun espazo electoral que supera os marcos tradicionais do soberanismo.
A min faime retrotraer ao ciclo político na metade dos 90. Nesa etapa, a nível nacional o Bloque viviu un momento de crecemento, o seu particular Gran Salto institucional, que lle permitiu acadar espazos de poder institucional como nunca tivera, e fixo que o seu modelo de organización acadase notoriedade máis alá de Galicia. Son dos que pensa que se as





