A recuperación do goberno de Ponteareas para o PP foi unha verdadeira traxedia para a sociedade ponteareá. Desde ese momento a capital do condado vive afundida na máis absoluta parálise dun goberno escuro, que carece de modelo de vila e só se limita a xestionar o día a día como boamente pode.

O goberno dos Castro foi a etapa máis negra da historia desta vila. É necesario a derrota democrática de quen representa absolutamente o mesmo que leva padecendo Ponteareas ao longo de tantos anos da súa historia. Non vai ser fácil, pero tampouco é unha tarefa imposible. Só cómpre que as 3 forzas de esquerda que o 27 van presentar candidatura ( BNG,PSOE,PEC) soban 2 concelleiros entre os 3.A candidata do BNG amosouse ilusionada e esperanzada en que un goberno progresista, encabezado polo nacionalismo, poida mandar nas vindeiras eleccións ao nefasto goberno de Nava Castro ás súas casas.

Ponteareas non pode permanecer máis tempo na parálise na que a sumiu o PP”

Ves de ser nomeada candidata do BNG á alcaldía de Ponteareas. Que significa para ti obter a confianza dos teus compañeiros e compañeiras?

Estou tremendamente honrada pola confianza que en mi deposita a militancia nacionalista de Ponteareas. O BNG é un proxecto colectivo, e ten claro Tino que compartir camiño coas persoas do Bloque local é un pracer inmenso para min. Vou dar o mellor de min mesma para tratar de estar á altura.

No ano 23 a dereita de Ponteareas puido recuperar o goberno da localidade. A dereita local está dividida en 3 grupos: PP, ACIP e IP. Hai algunha diferencia conceptual entre eses 3 grupos, ou é todo o mesmo?

É todo o mesmo. É a dereita fragmentada. Interésalles máis presentarse así pois semella que a nivel electoral lle vai mellor. Pero non hai ningunha diferenza entre eles. Os tres son o mesmo tipo de dereita.

É unha dereita agresiva e maleducada?

O PP está desatado. Aplican o modelo de facer política de Madrid a todos os lugares, nos concellos galegos tamén. Os outros dous grupos están máis cómodos deixándolle facer ao PP.

Cal é a situación económica real do Concello de Ponteareas?

O Concello cada vez está máis endebedado. Na liquidación que se fixo no 2025 aparecía unha partida negativa en tesourería.

Desde que comezou a dereita a gobernar en Ponteareas leva un endebedamento de arredor de 5 millóns de €.

Ese endebedamento polas cantidades que refires produciuse neste mandato?

Si.

Entón non parece moi difícil cualificar a xestión económica do equipo de Nava Castro?

Non, por desgraza só se pode dicir que é unha moi mala xestión económica.

De feito veñen de pedir algún préstamo de importe moi elevado. Sabes para que é ?

Para poder rematar algunhas obras que non poden acabar porque non teñen recursos económicos suficientes.

Que opina o BNG da suba da taxa do lixo que fixo o goberno municipal?

Non estamos de acordo. Foi unha suba excesiva e innecesaria. Eles están xustificándoo dicindo que tiveron que subilo para poder responder ao crédito que nos deron para a depuradora. Pero iso non é certo. Eles xa subiron un 25% o ano pasado cando aínda non se pagaba nada deste crédito. Asemade o goberno subiu en moitos casos o 100% do recibo e incluso chegaron a subilo ata un 140%.

Nós temos estudado de maneira rigorosa canta porcentaxe da suba corresponde ao crédito que alegan, e só é un 20%.E o resto para onde vai?, porque para facer investimentos non é. Vai para o puro e duro dispendio.

Ponme algún exemplo dese suposto dispendio?

Pois a contratación dun perfumista para que faga un perfume cun suposto aroma do Corpus por un importe de 40.000€, ou o derrubo da escola infantil, algo completamente innecesario.

Ben, danos a opinión do BNG sobre o derrubo desa escola infantil?

Ese derrubo non se pode cualificar máis que como unha auténtica barbaridade.

O edificio novo que alberga agora á escola pasou de 87 nen@s a 93.En verdade para ese aumento tan cativo era necesario derrubar o antigo edificio?.Non, claro que non. Desde logo que non. Hai moitos servizos que precisan un edificio, como atención temperá, ou distintos colectivos sociais que fan un traballo moi importante e que estarían encantados de poder dispor dun espazo para traballar.

Que hai agora no espazo no que estaba o edificio derrubado?

A alcaldesa di que quere facer un pulmón verde. Pero nas dimensións dese solar apenas se van poder plantar 20 árbores.

Cal é a posición do BNG ao respecto das reivindicacións da comunidade educativa do IES do Barral?

Nós apoiamos esas reivindicacións total e absolutamente.

Na campaña electoral o PP comprometeuse a rematar o saneamento neste mandato. Cumpriron o compromiso? Ou polo menos avanzaron significativamente?

Quero dicir con toda a contundencia que o PP riuse da xente, ríronse de todas as persoas que de boa fe creron nese compromiso. Levan 3 anos e non fixeron nin un só metro de saneamento. O único que se impulsou foi a 1º fase de saneamento de Ribadetea que xa estaba feita á espera de acadar financiamento.

Que opina o BNG ao respecto da pista de atletismo no centro?

Unha vergonza, un proxecto que ninguén pediu. Inicialmente tiñan proxectado facela de 200 metros pero a comunidade atlética protestou porque ao ter forma ovalada podería producir distintas lesións aos atletas, e despois de darlle voltas o que fan é unha pista cuberta de 60 metros. Este proxecto é un capricho do goberno ou un compromiso particular con alguén, non ten outro sentido.

O PP vota a favor no pleno municipal da creación dunha nova praza de xuíz en Ponteareas, pero vota en contra diso mesmo no parlamento. Que posición ten o BNG?

A carga de traballo que ten o xulgado de Ponteareas é terriblemente elevada, co que non resulta fácil fixar persoal. O voto en contra no parlamento do PP ao respecto disto, ten relación coa súa negativa a que a Xunta dote ao xulgado dos funcionarios necesarios para esa hipotética nova praza de xuíz. O PP vota nun sentido no pleno, e no sentido contrario no parlamento. Unha vergonza e unha burla á veciñanza de Ponteareas.

Os gobernos do BNG, tanto o de Pepe Represas como o teu, terían luces e sombras como calquera, pero o que é indiscutible é que tiñades un modelo de vila para Ponteareas. O goberno de Nava Castro e o PP ten un modelo de vila?, ou limítase a xestionar o día a día como poden?

Non teñen nin modelo,nin proxecto algún. É un goberno que se move en base á improvisación e aos caprichos. Alén de carecer de modelo, algo máis que evidente, xestionan moi mal e tratan de desfacer o bo que o BNG deixou feito, un modus operandi disparatado que agardo que a cidadanía saiba valorar.

De transparencia como anda este goberno?

Está no 0 absoluto. A situación é tan mala que se ten dado o caso de que pasadas ás 23:00 h nos convocan a un pleno para ás 9:00 da mañá do día seguinte.

Rematamos Cristina: Agora mesmo a dereita ten 12 actas e a esquerda 9..Para que o BNG recupere o goberno habería que darlle á volta tan só a dous concelleiros. Velo realista?

É perfectamente realista. Xa no ano 23 estivemos a moi poucos sufraxios, arredor de 300, de gañar en votos ao PP e desta volta imos a por todas pola vitoria. Ponteareas non pode permanecer máis tempo na parálise, na inacción, na improvisación e na pésima xestión na que a sumiu o PP. E no BNG local temos moi claro que daremos o mellor de nós para poder chegar ao corazón da maioría social de Ponteareas. Alén de realista, é moi necesario para non volver caer máis tempo na profunda escuridade na que a dereita local sumiu ao noso pobo ao longo da súa historia.