Enrique Lago Granada presidente da Asociación de Empresarios de Redondela

Enrique Lago Granada A Nova Peneira

Enrique é o presidente dos empresarios de Redondela, conversamos con el para coñecer a súa valoración da situación do tecido empresarial deste Concello, tan importante para A Nova Peneira. Enrique manifesta estar decepcionado coa a acción política da administración municipal á vez que moi agradecido e orgulloso dos veciños e veciñas de Redondela pois, ao seu xuízo, puxeron todo da súa parte no apoio ao comercio local de proximidade,

ESTOU DECEPCIONADO CO TRABALLO DO CONCELLO DE REDONDELA”

Neste contexto tan complexo como está, en liñas xerais, o tecido empresarial de Redondela?

Eu creo que non difire moito do resto de localidades de Galicia. Estamos nunha situación que eu definiría como de resistencia. Eu persoalmente estou enormemente agradecido á veciñanza de Redondela pois nestes meses, desde a fin do confinamento, o tecido comercial aguantou bastante ben o tipo. A verdade, bastante mellor do que eu agardaba.

Pero algúns locais pecharon?

Si, algúns si, aínda que xa che digo que a resistencia foi mellor da que eu esperaba.

E como se presenta o inverno?

Estou moi preocupado claro. Este ano non van haber ceas de empresa, as reunións sociais e os eventos van estar limitados á mínima expresión. Considero que van ser meses de aguantar como se poida. Agardo que non se torzan demasiado as cousas

Nesta situación que describes de ter aguantado o tipo, ata agora, mellor do que ti esperabas influíu só o bo comportamento do cliente, ou tamén a acción política das distintas administracións?

Ben, eu vou reiterar o noso inmenso agradecemento á veciñanza pola súa a posta polo comercio local e tradicional. No que respecta ás administracións teño que dicir que tivemos moi pouco apoio

Imos por partes. No que se refire ao Concello ?

Estou decepcionado co traballo do Concello de Redondela. As propostas que trasladamos na mesa , creada polo propio concello, non foron tidas en conta. Eles fan as cousas á súa maneira e a nós avísannos tarde e mal

En que disposición estades vós?

Seguimos coa man tendida para traballarmos en colaboración

E que debera facer o Concello para que esa colaboración que demandas fose a adecuada?

Eles crearon unha mesa de reactivación comercial. Houbo algunha xuntanza en marzo e abril e alí rematou todo. Debera haber un concelleiro ou concelleira con relación directa cos sectores comerciais cos que poidamos ter unha interlocución directa para abordar a solución dos problemas en tempo real

Non tedes esa interlocución?

Só coa concelleira María Castro. Pero é algo que se queda moi curto

A acción política da Xunta como a valoras?

No que atinxe á Xunta, estamos de momento á expectativa, pois como sabes houbo un proceso electoral en maio, e non é que mudara o signo político da administración, pero haberá que esperar a ver que tipo de política desenvolven as persoas que teñan a responsabilidade de relacionarse con nós

Coa política da administración estatal estás satisfeito?

As axudas están concentradas nun tempo moi pequeno, e o alcance das mesmas é a o meu xuízo insuficiente .O mundo vive unha fase moi complexa que esixe aos empresarios adaptarse con moita rapidez aos cambios. Gustaríame que as administracións fosen conscientes desa situación e colaboraran con nós non con parches puntuais, senón no deseño de plans estruturais globais para adaptar as empresas aos novos desafíos tecnolóxicos e ecolóxicos. O futuro ten un enorme compoñente de dixitalización e de respecto polo coidado do planeta. E é imprescindible ir da man, empresarios e administración para que ninguén quede fóra.

De aquí a final de ano, vai ser posible que a asociación que presides organice algunha actividade?

Unha feira de oportunidades, que vai ser no interior dos comercios, con venda física e on line. Comezará en breve ,e logo xa estamos traballando no deseño da campaña de Nadal, que vai ser moi complicada. Todo o que se faga, con promocións sorteos e ofertas vai ser interior, pois a situación sanitaria impídenos facer nada a pé de rúa. Agardo que pronto haxa vacina, e se poida normalizar a situación polo menos para poder celebrar a Festa do Choco do ano 2.021 como se merece este evento tan significativo para a nosa vila

Unha vez máis grazas Enrique. Como van os ánimos do presidente dos empresarios de Redondela? 

Para min este é o momento para dar un paso adiante e dar todo o que un teña en beneficio do ben común. Só así teremos futuro como sociedade.