O último día do pasado mes de abril na Casa Galega da Cultura de Vigo o colectivo feminista As Silveiras organizou unha charla da activista iraniana Mina Shayan. A conferenciante foi presentada por Amaia Pérez-Izaguirre, integrante do colectivo organizador,e a temática do relatorio versou sobre a loita histórica e a situación actual das mulleres iranianas.
Mina Shayan é unha muller iraniana pero non persa. É de etnia azarí. É lúcida e brillante, e está dotada dunha virtude que non é moi abundante: A capacidade para comunicar. A conferencia foi algo longa de máis, durou arredor de dúas horas, pero o público mantívose pegado aos seus asentos e escoitouna con atención, ás veces incluso con emoción. En ningún momento observei un fenómeno que se dá con moita frecuencia nas charlas: prodúcese cando as persoas asistentes comezan a desconectar do que se está a falar na sala, e recorren ao auxilio dos seus teléfonos móbiles como vía de escape.
Mina posúe un extraordinario talento para os idiomas. Fala azarí, persa, turco e español, como mínimo. Non sei se falará algún idioma máis, pero esas catro linguas si que as domina. E no que respecta ao español fálao realmente ben. Pero o relevante do acto das Silveiras non é tanto como se desenvolveu senón o que se dixo: A conferenciante fixo un repaso pola historia do seu país desde o século XIX ata a actualidade. En cada época facía referencia á situación legal e social das mulleres de Irán. A conferenciante escudriñou cada época histórica con profunda emoción contida e incluso, isto é unha interpretación persoal, con certas doses de carraxe, porque a visión que existe das mulleres iranianas como un colectivo submiso e calado, que acepta con resignación ser desposuído da súa condición de suxeito, é unha falacia e unha tremenda inxustiza.
En Irán houbo mulleres que ocuparon cargos relevantes na sociedade moito antes que nos países occidentais. E houbo mulleres que pelexaron pola igualdade e a plenitude de dereitos , arriscando o seu benestar persoal e chegando a sufrir penas de cárcere ou incluso de morte en todas as etapas históricas. Houbo épocas nas que chegaron a producirse melloras lexislativas reais que apuntaban nesa dirección. Pero en cada momento de avance sempre aparecían dúas das pestes máis terribles que sofre a humanidade para impulsar a volta atrás: O imperialismo e o patriarcado. O imperialismo de Gran Bretaña primeiro e dos EEUU na actualidade, que lles leva a intervir de maneira ilexítima en Irán provocando a caída de gobernos que trataban de afirmar a autonomía do seu país e substituílos por outros que favoreceran os seus intereses. E o patriarcado dos homes en xeral e das castes relixiosas en particular, que non queren renunciar aos seus privilexios a costa de desposuír ás mulleres da súa condición de suxeitos con capacidade de xestionar as súas propias vidas.
Mina Shayan contou aspectos terribles da vida das mulleres en Irán: Describiu como a partir dos 13 anos unha nena xa pode ser obrigada a casar. E se o pai da meniña acepta, con oito anos xa pode comprometer o seu casamento. Explicou o caso de mulleres que foron asasinadas por defender a igualdade e a xustiza para a metade da humanidade. Narrou como mozas e mozos de 18 ou 20 anos foron aforcados por pedir reformas a un réxime teocrático que os abafa. Falounos de como protestar ou só discrepar do goberno é un acto que supera as fronteiras do heroísmo pois pon en perigo o benestar persoal e incluso a propia vida. Tamén nos dixo que ela mesma sentía medo, como non sentilo?
Ao longo de toda a conversa eu non paraba de lembrar a entrevista que tiven ocasión de facer a tres irmáns iranianos, dúas nenas e un neno, que estiveron un tempo en Galicia non lembro ben se foi no ano 22 ou no ano 23.Cando lles preguntei que era o que máis lles gustaba de Galicia o neno dixo unha cuestión banal: Os vídeo xogos. E as nenas mencionaron algo que non ten nada de banal: Poder estar sen velo.
Só me queda rematar dando os parabéns ás Silveiras por organizar un acto tan bonito, e amosar a miña solidariedade e respecto con Mina Shayan e con todas as mulleres do Irán que no pasado e no presente comprometen o seu benestar para loitar por algo que debera ser tan básico como que os dous sexos que formamos a humanidade debemos de ser iguais en dereitos e deberes en todos os sitios, en todos os contextos e en todas as épocas.