Velada de Boxeo en Baiona

O sábado 25 de abril ás 19:00 h o pavillón de deportes de Baiona acollerá unha velada de boxeo na que se disputarán 11 combates. Nós conversamos cun dos promotores, o hostaleiro baionés Antonio Conde que xunto co adestrador vigués Luciano, de “ Luciano Team” son dous grandes impulsores deste deporte na vila de Baiona. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Antonio Conde Fernández, promotor.

Animo a todos os lectores e lectoras a que se acheguen o próximo día 25 ao pavillón de deportes de Baiona a desfrutar dunha magnífica velada de boxeo”

Canto tempo levas no mundo dos deportes de loita?

Eu comecei a practicar full contact no ano 1980.

Incluso chegaras a ser deportista de elite

Fun campión de Europa na miña disciplina en 1983

Nese momento que chegaches a acadar un campionato de Europa podías vivir do deporte?

Non, nin antes nin agora. Non se pode vivir do noso deporte. Eu coñecín a deportistas mellores ca min e nin sequera eles puideron vivir do deporte. No mundo da loita por moi deportista de elite que sexa un, é necesario buscarse outra saída profesional.

Cando deixaches a práctica deportiva?

Hai arredor de 30 anos. Agora comecei de novo a botar unha man cando o meu fillo Adrián decidiu practicar boxeo hai arredor de cinco anos.

En que categoría compite Adrián?

Compite en neo, que é unha categoría inmediatamente inferior á profesional. El, se quixera podería ser profesional pero por mor do seu traballo non quere selo.

E ti que fas exactamente?

Eu bótolle unha man ao seu adestrador, Luciano, un adestrador magnífico dos mellores de Galicia, e tamén colaboro na organización de combates.

Pronto teremos unha nova velada

Efectivamente, o sábado 25 de abril ás 19:00 h no pavillón de deportes de Baiona.

Cantos combates vai haber?

Haberán 11 combates, tamén pelexará o meu fillo pequeno que, como o seu irmán, decidiu meterse no mundo do boxeo.

Son 11 púxiles de Luciano Team?

Non, son creo que 9 ou 10 que pelexarán contra rivais de distintas partes de Galicia e Portugal.

A competición é oficial?

Non, é amistosa pero inclúe combates profesionais.

Que expectativas de asistencia tes?

As expectativas son moi elevadas. En maio do ano pasado fixeramos outra velada, tamén no pavillón municipal de Baiona,e achegáronse arredor de 700 persoas. Tendo en conta que o aforo dese pavillón estará nunhas 900 persoas aproximadamente, quedaramos moi satisfeitos. Este ano agardo repetir ou incluso superar a asistencia do ano pasado pois a calidade dos boxeadores que competirán é superior aos da anterior velada.

Moitos deses púxiles competirán na clasificación para o campionato de España que se disputará en Ferrol.

Canto vale a entrada?

Vale 15€ en venda anticipada e 20€ no despacho de billetes

Como se financia a velada?

Coa venda das entradas, non temos ningunha outra fonte de financiamento.

O concello non colabora?

O concello colabora deixándonos o pavillón de balde. Hai outros concellos nos que che cobran 100€ a hora por deixarnos as instalacións. Pero achega económica non nos fai ningunha

Vémonos o 25 Antonio

Moitas grazas. Só me queda aproveitar a oportunidade das vosas páxinas para animar a todos os lectores e lectoras a que se acheguen o día 25 ao pavillón de Baiona. Van desfrutar dun magnífico espectáculo dun deporte nobre, emocionante e de grande complexidade técnica, que achega valores moi necesarios non só para a práctica deportiva senón tamén para a vida diaria.

Primer comentario

Deixa a túa opinión