AER propón estudar un cambio de emprazamento para os vindeiros concertos do Entroido de Verán

Entroido de Verán Redondela 2019 A Nova Peneira

A Agrupación de Electores solicitou o pasado 23 de agosto a creación dun grupo de traballo para que todos os grupos municipais fagan as súas propostas sobre un novo lugar e un dispositivo de limpeza ambicioso

Redondela, 26 de agosto de 2022

A Agrupación de Electores de Redondela. AER, solicitou o pasado 23 de agosto que todos os grupos municipais, conxuntamente coa Policía Local, estuden un novo emprazamento para os concertos do Entroido de Verán dos vindeiros anos logo das queixas de centos de veciños que non puideron descansar polo excesivo ruído dos 50.000 asistentes. “Celebramos que o pasado 21 de agosto Redondela retomase a celebración do seu Entroido de Verán pero temos a responsabilidade de asegurar o descanso da veciñanza que non quere participar do evento”, sinalan desde AER.

Segundo datos da Policía Local, máis de cen veciños de Redondela clamaron para queixarse polo ruído e o barullo que se estendeu practicamente ata o amencer. Ademais, no transcurso do evento foi necesaria a intervención de axentes en quince liortas. “Algo que para moitos é diversión, para moitos outros é un simple suplicio que impide o descanso”, sinalan desde a agrupación.  

Segundo AER, este ano permitíronse concertos do programa oficial ata as 4.00 horas (en realidade, remataron bastante máis tarde) e, asemade, permitíronse música nas rúas (autobuses turísticos convertidos en  discotecas móbiles pola vila) ata máis das 7.00 horas da madrugada.

Desde AER tamén advirten da necesidade de intervir nas imaxes de suciedades que se produciron por toda a vila. “Respecto da limpeza, AER tivo no 2019 a responsabilidade de coordinar o dispositivo extraordinario no último entroido antes da pandemia. A nosa experiencia nos di que a situación non se restaura completamente nin nun día nin en dous, se non que se precisan semanas”, sinalan. 

Propostas de AER

AER considera que a dimensión que ten adquirido o Entroido de Verán de Redondela merece unha reflexión para pór en marcha medidas que reorienten a súa celebración.

Pola súa parte, a Agrupación xa está a traballar nas súas propostas entre as que figuran a racionalización dos horarios do programa oficial, cunha finalización dos espectáculos de música que non supere aos das festas da Coca; a esa mesma hora, prohibición de música na rúa por parte de establecementos privados ou particulares; obrigar de xeito efectivo aos establecementos hostaleiros a manter os seus baños abertos ao público en todo momento namentres estea aberto e estudar a posibilidade de que o programa oficial se desenvolva nunha ubicación menos céntrica que o Campo da Feira, por exemplo, na explanada da depuradora.

A cerca de admin 33 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.