Hoxe vou vestir o chándal de analista político por dúas razóns moi claras; unha porque me peta e outra porque o director de A nova Peneira, Tino Lago Vargas me deixa.
Claro está que a miña opinión pouco valor ten e non vai mitigar ferida ou dor algunha, cousa que tampouco pretendo. Son dos que gostan pensar as cousas antes de falar, e, antes de falar, escribilas, pois a miña capacidade como orador é deficiente. Cada un no seu.
Acordaredes conmigo que é máis doado que chova no deserto que un líder político recoñeza a súa derrota ou os seus malos resultados nunhas eleccións. A autocrítica é cousa dos extraterrestres, e, para a dereita, todo o que non sexa gobernar é un fraude electoral, un engano ao pobo ou un golpe de estado. Na esquerda, pouco precisan para lle botar a culpas à esquerda, cando do que realemnte adocen é dunha boa campaña de publicidade.
O pasado 28 de Maio os veciños e veciñas de Redondela falaron; gañan os partidos da esquerda. Compre decir que tiro esta conclusión pois entendo que a agrupación de electores, AER, é de esquerdas. Pouco máis que engadir.
Agora, indo máis polo miúdo, destacar o labazada, a caída de AER que chegaba á festa da democracia sen moitos folgos e sen moitas das mans que ergueron este cabalo de Troia. AER chegou ao día 28 Maio coma unha pantasma.
Foron moitos os que lle deron as costas. O castigo é brutal, ao meu entender excesivo.
Hai quen non lles perdoa que entraran no goberno co Psoe. Hai quen non lles perdoa que permitisen un goberno do PP. Hai que non lles perdoa a limpeza sotíbel das praias. Hai quen non lles perdoa que existan. Pedras demáis para levar no lombo.
Ainda así, son esenciais, para formaren un goberno de esquerdas.
Ogallá os votantes doutras formacións fosen tan esixentes cas palabras e as promesas dos seus representates.
Ogallá os votantes do Psoe de Redondela fosen tan implacábeis ca peor alcaldesa que tivo Redondela. Pero bueno, sonche cousas de política interna, de militancia, como din na televisión, e aí non me vou meter.
Ogallá o representante do BNG teña as narices de entrar nun goberno de esquerdas, ou querer formar goberno, pero supoño que os seus votantes non llo perdoarían como xa fixeron non seu tempo. O B.N.G colleita os votos do militante anguriado do Psoe e votos de castigo de AER.
Os que non perdoan unhas eleccións son os da dereita. Tanto lles ten o que fagan ou digan os seus representes. Como decía o fílósofo galego M.Rajoy;”canto peor mellor para todos”
Abraiado fica un cando escoita ou le na prensa as palabras moralidade, legalidade, fraude ou mesmo democracia sair da boca dos representates do Partido Popular.
A festa da democracia pasou por Redondela e os veciños e veciñas falaron; gaña a esquerda.. Uns suben e outros baixan pero a esquerda ten a obriga de gobernar, porque xa pasou e pode voltar pasar.
A festa da democracia é coma os pementos de padrón; uns votan e outros non.