Eleccións na comunidade de montes

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

A xunta directiva de montes en man común negociara con Euskadi Núcleo Central do Eucalipto (ENCE) para que esta organización deixara de bombardear os montes co esta árbore, cuxas follas semellan unha gadaña. Anos despois deste acordo, unha veciña decidiu resucitar o fantasma das especies invasoras, cando nas nosas parroquias non quedaban máis que soutos e carballeiras. Non contenta con iso, tamén foi quen de convencer aos veciños de que os castiñeiros e carballos estaban en risco de desaparición pola praga do nematodo, que afecta só aos piñeiros, coa clara intención de favorecer á tenda de fitosanitarios que o seu irmá tiña na praza de abastos. Non hai dúbida de que atesoura virtudes que un político con madeira de líder debe de ter. A súa técnica de engano, persuasión e convencemento están a altura de calquera candidat@, da dereita mentirosa e tramposa, que teña intención de converterse no máximo dirixente dunha nación.

Pouco despois de presentar a súa candidatura para presidir a comunidade, o que non sorprendeu a ninguén, tivo a desgracia de enviuvar. Pero isto non condicionou a súa determinación de converterse en presidenta. Na primeira reunión que convocou para explicar as súas propostas, os veciños preocupáronse polo seu estado de ánimo e preguntáronlle pola repentina morte do seu compañeiro.

Fiel aos seus principios de priorizar os problemas segundo a súa gravidade e de inventalos cando non existen, respondeu que os xabaríns coméranlle as verzas, que lle desaparecera o can, que lle cortaran a luz por impagamento, que a súa filla engordara 25 quilos e por último mencionou ao seu marido, sen dar máis detalles. Continuou dicindo que a misión do can era vixiar que ninguén entrara na finca a coller as verzas, pero cando este viu os xabaríns, fuxiu a fume de carozo.

Os veciños asombrados coa resposta volveron preguntarlle por Paulo, que así se chamaba o defunto.

A miña filla para aplacar a ansiedade que lle produzo a desaparición dun ser tan sensible, querido e ao que estaba moi unida, come sen acougo e non deixa de rezar para que Dios teña a Rin Tin Tin na súa gloria.

—Xa sabes Sabela que as desgracias nunca veñen soas, pero que aconteceu co teu home? insistiu intrigado o probable futuro tesoureiro da comunidade.

—Por si fora pouco cortáronme a luz! Polas noites, na casa, tropezo con todo e o loito que levo é para disimular os negróns.

Asombrado ante a displicencia, incidín en preguntarlle unha vez máis polo marido.

—O señor do que vostede me fala ingresou nunha clínica para operarse de varices e saíu nunha caixa de madeira. Pero a operación foi un éxito contestou

—Como un éxito?

A cirurxía realizouse en streaming con tecnoloxía 5G. Foi monitorizada dende varios países e portada do Journal of the American Medical Association.

Unha vez dito isto decidiu comezar coa asemblea onde presentou as súas medidas estrela:

1- Derrogación dos estatutos da anterior xunta directiva.

2- Flexibilizar os controis de plantación de eucalipto.

3- Flexibilizar o uso de herbicidas para evitar os gastos que para a comunidade supuña o desbroce do monte.

4- Colocar unha maceta no balcón.

Antes de marchar, en petite comité, laiouse de que os xabaríns, o timo ibérico e o conseguinte aumento do prezo megavatio-hora (as plantas necesitan moita luz eléctrica para mellorar as colleitas) levaran o seu negocio agrícola á ruína.

Derrogación, flexibilización, austeridade e sobriedade na xestión dos cartos Con estas catro palabras que repetía machaconamente, foi quen de convencer ao 90% dos socios.

A semana seguinte da votación, un arrepío percorreume o corpo tras ler no xornal o seguinte titular: “Unha narcotraficante morre manipulando un cepo para atrapar porcos bravos”. A continuación deslicei o índice pola lingua, pasei páxina e apliquei a técnica de priorizar o irrelevante pensando en si serían os marráns que, co subidón de “verzas”, conseguiron posicionarse en bipedestación e colarse noutra festa: A festa da democracia.