David Alonso Secretario Xeral do PsdeG no Porriño

David Alonso Secretario Xeral do PsdeG no Porriño

Tino Lago

O partido socialista de O Porriño tivo , como era previsible, uns resultados desastrosos o pasado 28 de Maio. Xa non é tempo de botar máis sal nas feridas nin de seguir nun debate permanente sobre as responsabilidades que motivaron o pésimo resultado .Aos socialistas porriñeses cómprelles tomar boa nota da mensaxe da veciñanza do Porriño, e iniciar a necesaria catarse que lles leve o antes posible a situarse en disposición de ser unha alternativa de goberno. Sen dúbida co liderado de David Alonso, o avogado de Cans que é agora a cabeza visible do novo proxecto socialista, están no camiño correcto. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa con David.

O votante progresista do Porriño non pode perder a esperanza.

O Partido Socialista non lle vai defraudar”

De onde es ti, cal é a túa formación e como e cando se iniciou a túa relación coa política?

Eu son de Cans, actualmente vivo en San Bieito. Son avogado de formación e traballo no sector dos seguros. Sempre fun unha persoa moi implicada no asociacionismo, tanto é así que fun presidente da Asociación de veciños e veciñas da miña parroquia durante 8 anos . Creo no valor da colaboración colectiva como mellor forma de achegarnos o máis posible a unha vida digna para todos. Eu estou no partido socialista porque os valores da socialdemocracia: xustiza social, igualdade , liberdade e fraternidade son os que máis se achegan á miña forma de entender a vida. A miña primeira experiencia política foi na lista de Carrera.

Moi social demócrata non é que sexa?

Eu presenteime nesa lista co compromiso firme de Manuel Carrera de que ían ser un instrumento útil e necesario para acabar coa alcaldía de Nelson Santos, algo que naquel momento consideraba imprescindible para a saúde democrática do Porriño.

Cando fuches presidente veciñal en Cans houbo algún problema significativo co que te encontraras ?

Si, sen dúbida: Rescatar os cartos da expropiación polos danos causados pola autovía. Non foi nada fácil. Conseguímolo aos dous anos de estar aí, coa inestimable colaboración da alcaldesa Eva García De La Torre. A partir de aí comecei unha relación intensa con Eva que aos poucos me foi gañando para a causa socialista.

Resultoulle moi difícil?

Non, foille moi fácil. Xa che dixen que eu comparto os valores socialdemócratas e asemade teño antecedentes socialistas na miña familia. Que por certo sufriron represión durante o franquismo.

Fuches concelleiro de goberno este mandato, ata a dimisión de Eva. Que áreas levabas?

Emprego, Servizos, Sociais , Novas tecnoloxías e turismo.

Como valoras a túa etapa no goberno do Porriño?

Foi unha etapa moi difícil, de traballo moi intenso pois a situación aritmética do noso goberno era débil, pero á vez moi bonita e de moita aprendizaxe. Eu estou moi honrado de poder tido participar nun goberno socialista do meu pobo. É á vez quixera expresar a miña satisfacción por ter compartido a etapa de goberno cos compañeiros do BNG cos que en verdade tivemos moi boa sintonía.

Supoño que a pandemia condicionaría en grande medida a acción de goberno?

E tanto que si. Fíxate que no Porriño pasouse de 125 familias que precisaban a axuda dos servizos sociais do Concello a 500.Multiplicouse por 4 o que supuxo un sofre esforzo enorme que , con toda humildade, creo que atendemos de maneira máis que digna. Foi unha época moi dura pero a solidariedade que amosou a sociedade civil do Porriño foi enorme, houbo momentos incluso emocionantes.

E a relación coa Xunta?

Moi mellorables.

A responsabilidade de que a conta 413 tivera un volume tan elevado de facturas non pagadas é só do PP por bloquear eses pagos? Ou a xestión do voso goberno tamén ten parte de culpa?

Hai que ser valente, honesto e dicir sempre a verdade. E polo tanto digo que si, que puido haber erros de xestión do noso goberno que contribuíran a que a 413 tivese esa grande cantidade de facturas. Tamén quero dicir que unha elevadísima porcentaxe desas facturas correspondían a traballos que si se fixeron e que se cobraron a prezo de mercado. Esas facturas estaban ben, estaban para levar a pleno e abonalas. Algunhas eran de servizos básicos como por exemplo a gasolina. E se non se pagaron no seu momento foi polo bloqueo do PP.

Chegamos á dimisión de Eva. Por que non fostes capaces de convencer a Manuel Carrera de que votase á candidata que presentou o Partido Socialista?

O problema foi na nosa casa .Esta claro que o fixemos mal. O partido non soubo detectar nin xestionar o afán de protagonismo dunha persoa en concreto o que nos levou a unha situación de todo ou nada.

Pois vaia situación que tedes agora : Co PP con 16 actas de 21 todo apunta que vos espera unha longa travesía polo deserto?

Vai custar si. Son plenamente consciente de que non vai ser de hoxe para mañá. Pero nós estamos preparados e preparadas para comezar de 0, para bater sen pausa nas almas e nos corazóns de todas as veciñas e veciños. E teño a certeza de que o partido socialista volverá gobernar O Porriño, porque o noso modelo de sociedade é máis xusto , máis humano e obtén mellores resultados en todos os indicadores económicos e sociais que calquera cousa que poida ofrecer a dereita. En calquera caso eu son un corredor de fondo.

Supoño que falas metaforicamente?

Si, pero tamén no terreo da realidade concreta pois eu practiquei esa disciplina. Fixen atletismo e facía carreiras de fondo

Ha ha ha ha. Vaiche vir ben a túa experiencia como atleta abofé. Ben, e agora toca valorar o ano e medio do primeiro mandato de Alejandro como alcalde do Porriño?

Alejandro carece de proxecto para O Porriño. Alén dos aparcadoiros disuasorios, sen dúbida unha boa medida que lle recoñezo, só está a continuar con proxectos que xa eran do noso goberno

Por exemplo?

San Bieito , ou o parque da Feira. Por outra banda a xestión económica deixa moito que desexar. Hai un gasto desmesurado para festas que ten como consecuencia recortes en aspectos básicos como a educación e os servizos sociais. Tamén hai outros aspectos moi censurables como por exemplo a subvención para emprego de medio millón de € que perdemos, porque non se chegou nin a pedir.

Sobre o parque de Pio XII cal é a túa opinión?

Esa obra non a vemos. Anunciouna sen falar antes cos propietarios o que xerou un importante malestar , unha forma de proceder completamente inadecuada.

En relación ao problema do Lindano?

Por parte do alcalde fotos e anuncios grandilocuentes pero no terreo do concreto nada. Nós tiñamos un proxecto encarrilado cunha empresa para comezar a descontaminar cun fungo. E o responsable desta empresa leva un ano e medio tratando de falar co alcalde e non o atende. É lamentable que unha empresa nos estea ofrecendo unha posible solución para este grave problema e nin sequera se lle escoite.

E do paso a nivel que tes que dicir?

Eu quería que o alcalde me contestase á seguinte pregunta: se non hai nada por que leva unha operación de préstamo de 10 millóns de € para soterrar o tren?.O alcalde o que ten é que ser leal e informar do acordo de convenio que ten enriba da súa mesa desde xullo do 2022.

O resultado das eleccións de maio desastroso claro?

Si, desde logo, non se poden cualificar de outra maneira. Volvemos á situación do 2011.E como che dixen antes estamos preparados para unha longa carreira de fondo.

Como é o equipo que te acompaña?

Persoas coas que me sinto moi cómodo e coas que é un pracer traballar. Homes e mulleres comprometidos con Porriño e cun perfil social moi marcado. Homes e mulleres que volveremos levar ao socialismo a gobernar O Porriño. O votante progresista do Porriño non pode perder a esperanza. O Partido socialista non lle vai defraudar.

E non podemos rematar sen falar do 23 X?

Unhas eleccións importantísimas. Eu apelo a que o votante progresista concentre o voto no PSOE, que analice cal é o voto útil de verdade para as pensións, para a sanidade , para as rendas máis baixas, para a educación, para a vivenda, para a igualdade…..Eu apelo a que antes de votar teñamos en conta a realidade dos feitos e non a propaganda. A alternativa é terrible: A ultradereita.