Xurxo Gregorio, voceiro municipal do PsdeG en Salceda

Xurxo Gregorio, voceiro municipal do PsdeG

O grupo municipal socialista de Salceda mudou completamente pois as dúas concelleiras electas:Verónica , a ex alcaldesa, e Gela dimitiron e dous compañeiros novos :Xurxo e Saul ocuparon o seu lugar. O Novo voceiro socialista é Xurxo Gregorio, un veciño de Entenza, moi coñecido na localidade pola súa actividade comercial e pola súa profunda implicación no tecido asociativo do seu pobo. Nós conversamos con el para coñecer a súa visión sobre a realidade política local.

As nosas relacións con Movemento Salceda son boas, pero para pactos de goberno aínda non estamos”

Nas últimas eleccións municipais en que posto ías na papeleta do partido socialista?

Ía de número 4.

Vós quitastes dúas actas, como é posible que en pouco máis dun ano pases de non ser concelleiro a ser o voceiro do grupo municipal?

Porque as tres persoas que me precedían dimitiron por motivos profesionais e persoais.

Xa, pero unha dimisión dese calibre, as 3 primeiras persoas da lista, aínda que se esgriman as típicas “ razóns persoais” para explicala, adoita obedecer a razóns políticas. Houbo ou hai unha crise política na agrupación socialista de Salceda?

Non, na agrupación socialista de Salceda nin houbo nin hai ningún tipo de crise.

Como está a saúde interna da agrupación local?

Estamos algo debilitados polos malos resultados pero a paz interna e a cohesión en torno ao proxecto socialista son absolutas. Estamos traballando ben, coa intención de chegar á maioría social do noso pobo e estou seguro que máis cedo que tarde os resultados acabarán por chegar.

Cando entraches no Concello?

No mes de abril.

Levas pouco tempo. É o suficiente para poderes valorar a experiencia?

É pouco tempo si, pero eu levo arredor de 25 anos de activa militancia política, polo tanto non é que resultase algo novo para min. Asemade, malia que non tiña experiencia institucional, estou traballando de maneira intensa na agrupación socialista de Salceda desde o 2018 co que , con toda humildade, podo dicir que coñezo bastante ben as tripas da política local.

Se me pides unha primeira valoración podo dicir que o que encontrei era o que agardaba encontrar.

Descríbenos o perfil da persoa que te acompaña no grupo municipal?

Chámase Saul Olmo, ten 38 anos. É do Barreiro, e é unha persoa moi formada e con moita ilusión por colaborar na construción dun proxecto que sexa atractivo para a veciñanza de Salceda.

Valóranos a situación política local?

Salceda ten un goberno moi débil, son 4 concelleiros/as sobre 13 e esta situación fai complicado o labor de goberno pois para superar aos 6 concelleiros do PP precisan os 2 votos noso e o voto do concelleiro do Bloque.

Un goberno cunha situación aritmética tan difícil, como o da alcaldesa Loli Castiñeira, debe de ter a cintura política necesaria para procurar os imprescindibles consensos, con vós e co Bng, que lle fagan posible gobernar. Ten esa cintura política?

Ata o momento non. Agardo que as cousas cambien na dirección correcta, pois aínda que en cuestións de xestión local non coincidimos si que hai bastantes puntos nos que podemos ter a mesma visión.

Por que as 3 forzas de esquerda da corporación non chegastes a un acordo para formar un goberno de 7 que permitise unha situación de estabilidade política?

A posición do BNG terás que preguntarlla a eles, eu non podo falar polo Bloque. No noso caso dicir que entendemos que tendo perdido unha acta e tendo perdido votos a posición que nos correspondía era a da oposición. Por outra parte as relacións entre o anterior grupo municipal e MS non eran boas.

E os concelleiros actuais que relacións tedes con MS?

Eu acabo de chegar e a miña relación con eles é boa. Pero para chegar a pactos de goberno aínda faltaría moita distancia.

Dis que non coincidides en cuestións de xestión local. Cales son esas cuestións?

Por dicirche unha concreta: discrepamos da proposta da alcaldía de recuperar a fachada do antigo mercado. Nin se sabe canto vai valer nin onde e como se vai colocar.

Desde un punto de vista global no que atinxe á xestión económica entendemos que o goberno cae con moita frecuencia no gasto superfluo orientado á promoción propia e ao autobombo, e a atención ás parroquias é moi mellorable.

Cales son, a xuízo dos socialistas, as principais necesidades que ten Salceda?

  • -O transporte público é moi urxente que se mellore. A súa situación é peor que deficiente.
  • -O saneamento das parroquias.
  • -A mellora da cobertura móbil.
  • -O asfaltado nalgunhas zonas está en moi malas condicións.
  • -Temos unha poboación nova moi numerosa e entendemos como imprescindible a creación doutra escola de primaria e o instituto témolo masificado e cunha oferta insuficiente.
  • -A situación da sanidade, ao igual que en toda Gaicia, é moi preocupante. Falta a asistencia pediátrica e temos deficiencias moi serias nas urxencias.

O goberno local defende como debera a necesidade de mellorar os medios sanitarios en Salceda?

Nese asunto non hai nada que reprochar.

A situación económica xeral do Concello como é?

Desde a prudencia, pois como che dixen levo poucos meses no concello, atrévome a dicir que é unha situación bastante precaria.

Cales son as principais liñas políticas que tes previsto desenvolver no que queda de mandato?

Fundamentalmente incidiremos na mellora da xestión económica e da atención ás necesidades das parroquias, alén de continuar do proxecto socialista dos consellos veciñais. Por outra parte temos a intención de facer un importante traballo de base de contacto con todo o tecido social, con todo sen excepción , do noso pobo para coñecer as súas necesidades , levalas ao pleno e tratar de colaborar na resolución de problemas.