
Alá polo mes de febreiro repartía eu Peneiras polos camiños de Seixo, cando un descoñecido lector se me achegou e alén de demandarme un xornal botoume unha rifa considerable por non ter entrevistado nunca a Bieito Lobeira, sendo como somos un xornal nacionalista. Comprometinme con el a solucionar o asunto de contado. Lamentablemente o confinamento non me deu a oportunidade de conversar con Bieito ata a xornada de reflexión. Ese día, en Seixo, claro, mantivemos unha extensa conversa na que repasamos distintos aspectos da súa vida persoal e política. Bieito é un home cordial , amable e moi apaixonado, defende as súas ideas con moita intensidade emotiva, e tamén procura dotalas de solidez argumental. Velaí vai o que deu de si a nosa charla
“A VONTADE INEQUÍVOCA DO BNG É QUE O BLOQUE SEXA A CASA COMÚN DE TODAS AS PERSOAS QUE ENTENDAN QUE OS ASUNTOS DE GALIZA DEBEN SER XESTIONADOS POLO POBO GALEGO”
A identidade colectiva do pobo galego creo eu que se artella máis sobre a parroquia que sobre o concello, ti naciches en Seixo, e de onde te sentes?
Non é que me sinta é que eu son de Seixo, en concreto nacín en Loira que tamén ten a súa personalidade.
Que significou Seixo na túa vida?
Eu nacín nunha pequena casa, son de familia humilde, fillo e neto mariñeiros, e a contorna social na que me criei foi moi importante na conformación da miña personalidade. Seixo significou moito na miña construción persoal como ser humano. O sentimento de comunidade aínda existe e é algo moi importante nas zonas rurais do país galego, e para min tamén o foi claro que si.
Vexo que che sentes moi orgulloso das túas orixes?
Orgullosísimo, abofé que é así.
Cando e por que iniciaches a túa vida política?
Houbo dous motivos fundamentais case simultáneos ; a primeira lectura que fixen do Sempre en Galiza, debía de ter eu arredor de 13 ou 14 anos, e unha situación persoal realmente traumática, pois eu que nacín falando en galego, sufrín maltrato físico no colexio cando empregaba o meu idioma, e era obrigado a través da violencia a mudarme ao castelán. Recordo un feito vital persoal que tamén incidiu significativamente; tería eu 14 ou 15 anos e acompañei á miña nai ao Concello de Marín a facer unha xestión administrativa, a miña nai falou no seu idioma, os funcionarios do concello burláronse dela por falar en galego. Naquel momento decidín que a situación inxusta ,que vive o noso pobo, de ser obrigado a subordinarse a unha realidade cultural allea debía de ser confrontada, en consecuencia non me quedou outra que achegarme politicamente a quen máis se identificaba coa miña forma de entender a realidade; o BNG
Estamos falando do ano?
1984
Levas 36 anos ininterrompidos no Bloque?
Ufff como soa iso, pois nunca botara a conta , pero si claro.
Fuches SX de Galiza Nova?
Si, no ano 1992
En máis de 3 décadas de vida política tiveches tempo para facer moitas cousas
Ha ha ha, a verdade é que si fixen traballo político de todo tipo
Na túa comarca o nacionalismo ten unha presenza moi importante. Tedes as alcaldías de Bueu e Moaña e as tenencias de alcaldía de Cangas e Vilaboa. A excepción é Marín, por que?
Eu creo que a resposta é poliédrica. Seguro que nós cometemos erros, a situación política non é a que nos gustaría e con toda a humildade recoñezo que hai cousas que non fixemos ben, e que agardo poidamos facer mellor. Por outra banda Marín ten unha casuística propia derivada da presencia da escola naval militar que crea unha realidade sociolóxica que non é a máis adecuada para espallar un proxecto político como o noso. Eu lembro cando era mozo e ía á praia de Portocelo, que había unha parte do areal reservado en exclusiva para as familias dos militares
E esa realidade sociolóxica que describes, ao teu xuízo, vai a máis ou a menos?
Eu, malia o resultado que obtivo o PP de Marín, estou convencido de que vai a menos. Creo que unha parte moi importante da sociedade marinense non participa dese sentir e estou seguro de que o nacionalismo en Marín ten unha enorme potencialidade de crecemento. Teño confianza plena no traballo de Lucía, a nosa portavoz, e aproveito a oportunidade para agradecerlle o seu esforzo e a súa xenerosidade nunhas circunstancias difíciles
O nacionalismo en Marín viviu varias rupturas e situacións moi complicadas agora que a situación do BNG no país galego é plácida e semella que estades en tempo de viño e rosas, non hai posibilidade de integrar a todos os sectores próximos que existen no espazo político marinense?
Como che dixen antes, Tino, nós cometemos erros, claro que si, pero quixera que todas e todos os lectores da Peneira tiveran clarísimo que a vontade do BNG en xeral, e da miña modesta persoa en particular, é que o Bloque sexa a casa común de todas as persoas e colectivos que entendan que os asuntos de Galiza debe decidilos a sociedade galega. Particularmente opino que a chegada de xente nova, mozas e mozos, que afortunadamente estase a producir de maneira continúa, xente sen apriorismos relacionados con desafortunadas situacións pasadas vainos a axudar moito a que as vellas feridas sexan definitivamente cousa do pasado.
Ese fenómeno do achegamento de xente nova ao que te refires obsérvase en todo o país?
Si, e é realmente emocionante, alén de imprescindible para dotar de solidez á organización, porque as coiunturas electorais poden ser mellores ou peores, pero ter unha organización sólida, e cun importante tecido de mocidade é a única posibilidade de asegurar que o nacionalismo ,a consideración de Galiza como unha realidade nacional singular no mundo, nin mellor nin peor ca ningunha outra, pero distinta a todas as demais, poida seguir existindo nas xeracións futuras
Eu que, coma ti, son nacionalista desde neno ás veces teño medo, Bieito, de que non sexa posible que o noso idioma como lingua viva poida soportar moito máis tempo a presión diglósica e que sexa realmente difícil a continuidade histórica futura da miña forma de entender a realidade?
E eu tamén o teño Tino, non é nada fácil, pero estou convencido de que os procesos de españolización que sofre o noso pobo son reversibles, agora ben, é imprescindible que o nacionalismo chegue a gobernar este país. Só así poderemos garantir a supervivencia do noso idioma e do propio país galego
Agora semella que o vento sopra de cara para o Bloque pero hai escasamente 8 anos a situación pos Amio foi perigosísima. Como a viviches?
Con moita preocupación, claro, pero tamén con moita determinación
A presión á que vos someteron para integrar ao Bloque en proxectos compartidos con forzas españolas foi enorme. Sinceiramente, Bieito, nunca dubidaches?
Nunca. E dígocho con rotundidade absoluta. Eu, e milleiros de militantes que ten o BNG cremos que se somos unha nación é imprescindible termos unha expresión política propia non subordinada a ninguén
A militancia é o capital máis importante que ten o BNG?
Absolutamente, e desculpa pero emociónome ao falar de meus compañeiros e compañeiras; milleiros de persoas que dan o mellor de si mesmos, que sacrifican horas e horas da súa vida persoal a cambio de nada . só polo seu inmenso compromiso co Bloque e coa sociedade galega no seu conxunto. Todas as páxinas do mundo de todos os xornais do mundo non serían suficientes para expresar o orgullo máis inmenso que sinto da militancia do Bloque. Hai militantes do BNG que teñen perdido o seu posto de traballo por terse comprometido con nós
Supoño que a recuperación da representación do Bloque no parlamento do estado, na persoa de Néstor Rego, sería enormemente emocionante para ti?
Chorei.
Esta entrevista facémola na xornada de reflexión, que vai pasar mañá Bieito?
Pode pasar calquera cousa, pero a opción de que o PP perda a maioría é real
E a opción de que o BNG supere ao PSOE?
Tamén
Atréveste a prognosticar o número de deputados e deputadas que ides sacar?
A miña porra, conservadora, é 15
Ti es un dos 19 de Meirás, como está a situación?
Agora está no tribunal supremo, calculo que o xuízo será en xaneiro do ano próximo
Vaia, e esa situación do xuízo é inevitable?
Si, de feito a familia Franco pídenos 13 anos de prisión e ½ millón de € multa. É surrealista que vaiamos a ser xulgados por defender a democracia, fronte aos Franco
Ti tamén fuches citado como testemuña no caso que a xustiza española segue contra Causa Galiza, a operación Jaro, como ves ese asunto?
Outro exemplo máis da baixísima calidade da democracia española. Nós solidarizámonos cos imputados nesa operación claro. Eu cando fun interrogado , tiven que responder preguntas políticas
Non me digas?
E tanto que si. A min preguntáronme pola orientación política do BNG e polas nosas relacións políticas internacionais
Falemos dalgunhas áreas de influencia do noso xornal. No Baixo Miño vaia resultados..Tomiño , O Rosal e a nada na Guarda
Si, sen dúbida, está é unha das moitas comarcas na que se amosa que se nos dan a oportunidade de gobernar o noso modelo funciona
Onte conversaba cun prestixioso científico, que non é do BNG, e dicíame que leva moito tempo traballando en diversos concellos do sur da provincia e que nunca na súa vida se encontrou cun alcalde tan sumamente competente como con Pepe Represas…
Pepe é unha pasada. Ningún alcalde que tivera Ponteareas resistiría a comparación con Pepe, pero por goleada vamos
E Soutomaior e Balneario vaia frustración..
No 2023 ambos serán concellos BNG con seguridade
E do mailing de Vox que nos dis?
Que nós sexamos percibidos pola ultradereita española como a súa antítese é un orgullo
Rematamos Bieito, estiveches nas nosas tres galas, e xa che comunico que en febreiro do 2021 teremos a IV edición, supoño que poderemos contar contigo?
E que se non me convidas ofenderíasme Tino.
Ha ha ha ha..Moitas grazas Bieito por este rato tan agradable