A primeira autonómica 2020-2021 preséntase apaixonante para a comarca do Baixo Miño. Nada máis e nada menos que 5 equipos competirán na categoría co que están asegurados un bo número de partidos de máxima intensidade emotiva en xeral en toda a comarca ,e en particular no concello de Tomiño, pois os dous equipos máis importantes do concello ascenderon xuntos este ano, ocupando o Goián a primeira posición da segunda autonómica e o Tomiño a segunda, apenas separados por un par de puntos. Prevese que na presente temporada haberá dous derbis espectaculares entre estes dous clubs e A Nova Peneira conversou con eles. Comezamos o traballo falando con 3 representantes do Goián; Diego o seu presidente, fillo do histórico Lito Oliveira, Carlos o seu socio número 1 e Rafa un colaborador ex directivo moi implicado co equipo da súa localidade.
“A IMPLICACIÓN AFECTIVA DA PARROQUIA DE GOIÁN CO NOSO EQUIPO DE FÚTBOL É MÁXIMA”
GOIÁN F C
Cando me dixeron que a entrevista ía acudir o socio nº 1 alen de facerme moita ilusión agardaba que fose unha persoa moi maior, e realmente sorpréndesme?
Ben, malia que me converso ben xa teño os meus anos
Ha ha ha ha ha, xa pero como para ser o socio número 1 dun club centenario non tes?
Ten unha explicación e é que aínda que nós nacemos a principios do século XX, a captación de socios non comezou ata os anos oitenta
Cando naceu o equipo?
O nacemento real foi en 1907,e o oficial foi en 1914
Cando cumpristes 100 anos fixemos algo especial?
Si, celebrámolo no 2.007 que foi cando se cumpriu un século de fútbol real en Goián
Fagamos un breve repaso pola historia do equipo?
Ben o noso teito deportivo estivo na preferente, a categoría inmediatamente superior á que estamos na actualidade. Foi arredor da metade dos anos oitenta do pasado século, logo cando baixamos estivemos uns anos en primeira e fundamentalmente todos estes anos estivémonos movendo entre a 2º e a 3º autonómica
Cando collestes a presidencia Diego?
Hai catro anos
Por que?
Levo toda a miña vida involucrado no fútbol, e decidín dar un paso máis e asumir a responsabilidade
Eu coñezo moitos presidentes de equipos modestos e todos dinme que ese cargo inevitablemente supón ter problemas familiares porque hai que dedicarlle tanto tempo ao club que acabas descoidando ao entorno. No teu caso é así?
Non, no meu caso non é así. Hai que dedicarlle moitísimo tempo efectivamente iso é certo, pero eu non teño problemas pois tanto a miña muller coma min vimos de familia de fútbol, implicada co equipo da nosa parroquia en grado superlativo. O meu pai foi Lito Oliveira, un home que foi moitos anos presidente do equipo, e o meu sogro Pepe Piñeiro tamén tivo moitísima relación coa xestión do club, ambos entregaron toda a súa vida ao Goián
Cando se inaugurou o campo do Regatiño?
En 1929. Antes xogábase na explanada das Trincadeiras. Un dato moi curioso é que cando se inaugurou o campo, o centro Goianés, no que estamos agora ,era a sede e vestiario. Os xogadores mudábanse aquí e logo andaban os 500 metros que nos separan do campo
Temos un campo con moita historia, case 100 anos¡¡
Si, a verdade é que si. Foron os emigrantes que estaban en Brasil e en EEUU os que puxeron cartos para o seu financiamento
Sigue a haber moita emigración?
Si, e con moitísima vinculación afectiva coa parroquia
Vós sodes todos de Goián. En xeral unha persoa desta parroquia séntese de Goián ou de Tomiño?
Nós somos de Goián. Nós chegamos a ser entidade local menor. E cando se fixo o concello o núcleo de Goián era máis grande có do Seixo. Fíxate, nun principio a centraliña telefónica de Tomiño chegou a estar en Goián
E cando deixou de selo?
En 1936
Tivo algo que ver o golpe de estado?
Si, claro.
Cantas persoas estades agora na directiva do Goián?
12
Estades satisfeitos da vinculación afectiva da parroquia co equipo?
Si, absolutamente , hai moita afección e a axuda do día a día é importantísima para a nosa supervivencia como club.
En cada partido, cantas persoas poden acudir ao Regatiño?
Unha media de 250/300 tranquilamente
Hai catro anos, cando colleu ao equipo a directiva actual estabades en 3º, e agora acabades de ascender a primeira, como se logrou tanto en tan pouco tempo?
Pois con moito esforzo, dedicación e se cadra acompañounos a fortuna de termos xuntado un grupo de xogadores de moito talento
Temos previsto este ano, en primeira, variar substancialmente o equipo?
Non, o que agardamos e manter a base que nos levou a primeira. Se podemos facer algunha fichaxe que mellore o que temos farémola, pero a base ímola manter
E o equipo técnico?
Mantémolo tamén desde logo.
Cales son os obxectivos deportivos para esta temporada?
Manternos claro. Acabamos de chegar despois de moito tempo sen estarmos en primeira e o noso obxectivo é consolidarnos en primeira. Ollo, sen renunciar a nada claro.
Cantos equipos temos?
Sete
Equipo feminino?
Agora mesmo non temos, pero en canto teñamos oportunidade abofé que o volveremos facer
Cales son as vosas fontes de financiamento?
Os socios, as entradas e algo de publicidade. E temos algo moi especial un cartón con 100 números que valen 1 € e todas as semanas se entregan polos locais da parroquia na procura de financiamento adicional para o club. Isto é obra exclusiva da vontade de Suso Estremeiro , un veciño e socio do equipo cuxo traballo incansable achega eses cartos ao club, menos o premio para o que acerte o número claro que son 30€ nunha das casas comerciais da parroquia.
Caramba, vaia traballo, e faino todo el só?
Todo. E cando remata un cartón pon á venda o seguinte e patea toda a parroquia de arriba abaixo e de abaixo a arriba
Que tal son as relacións co Concello?
Cordiais, aínda que ben, supoño que tirarán un pouco máis polo Tomiño porque é o equipo que leva o nome do Concello. Queremos deixar claro unha cousa: hai dous anos unha asemblea do Goián aprobou cun 80% dos votos unha proposta para mudar o nome do estadio a “Estadio Lito Oliveria” e no Concello aínda non tiveron a delicadeza de tratalo en pleno.
En xeral en Tomiño hai moita afección ao fútbol creo eu?
E tanto que si. Alén do noso equipo e o Tomiño está o Tebra e Estás Figueiró e Amorín tamén chegaron a ter equipos de fútbol
Cal é o derbi máis intenso para o voso equipo?
Sen dúbida contra o Tomiño. Subimos os dous xuntos , nós quedamos de primeiros e eles de segundos. Somos mellor equipo ca eles, de feito gañámoslles os dous partidos. Este Ano prevese unha 1º autonómica moi atractiva. Estaremos 5 equipos do Baixo Miño( O Guardés, o Tyde, o Caldelas, o Tomiño e Nós)
Antes falabamos do grande exercicio de voluntarismo que é necesario para que un equipo modesto poida vivir. Será posible que iso poida seguir sendo así nas xeracións máis novas e garantir o futuro do Goián?
Ten que ser así, non hai outra posibilidade de que poidamos seguir existindo. Eu conto co que o meu fillo( fala o presidente) algún día poida tomar o relevo
Rematamos cunha pregunta relacionada o contexto actual 😮 fútbol modesto sen público é viable?
Non, de ningunha maneira. Non é viable nin economicamente nin emocionalmente. Nós temos de 24 xogadores a 16 que son da parroquia.