Un penalti no último minuto

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza

Non debe resultar doado asumir que aínda sendo unha suposta autoridade, tes que rematar bailando ao son que che marcan os demais. E aínda menos cando che escollen a canción despois de sacarche as cores públicamente.

Disto saben moito na Cañiza.

Esta suposta autoridade lémbrame á personaxe que encarna Joaquin Phoenix en “Gladiator”, Lucio Aurelio Cómodo, un emperador que agochaba os seus complexos de inferioridade detrás dun comportamiento tirano axeno ás necesidades dos seus súbditos e entregado á súa única paixón: a apariencia.

A priori, este perfil de conducta non parece moi compatible cunha persoa á que se lle presupón unha actitude de servizo cara os demais. Nin a priori, nin a posteriori, polo visto.

E así é como caeu o noso Cómodo particular, Luís Piña para os que o sofren, no xogo sucio de coordinar as súas dúas caras: a pública que sacou a pasear cando precisou que a xente o mantivera á fronte do Concello, esa que adorna cun sorriso artificial e publicitario; e a privada, que é a que rixe dentro dos muros do consistorio, esa que impón, desafía e ignora.

Por todos é sabido que tivo que engadir no seu programa electoral, medidas copiadas do programa da oposición, neses tempos nos que exhibía a súa faciana pública como un anuncio de “profident”. Entre esas medidas comprometíase a arranxar o campo de Fútbol no que entrenan e xogan máis de cen nenos e nenas da vila.

Pero cando confirmou a súa permanencia no cargo, e recuperou a outra cara, a que emprega para impoñer a súa vontade en contra ata dos intereses dos propios veciños, todas as manobras e xestións que comezou a levar a cabo, indicaban que esa promesa electoral levava camiño de converterse nunha estafa, sobre todo no momento que decide rechazar unha subvención para redactar o proxecto de mellora do campo.

Fartos do estado lamentable destas instalacións deportivas, os propios usuarios, e o propio clube, tivo que tomar as rendas e comezar a publicar críticas nas redes sociais, xunto con vídeos e fotografías que deixaran á vista de todos, como o “emperador” estaba tratando á “plebe”, e exixindo que se acometesen as obras necesarias para poder ter un espazo digno.

Incluso a oposición tivo que reforzar estes argumentos, publicando que o alcalde dispuña dos recursos económicos necesarios para acometer as obras, e deixándoo sen excusas para evitalas, xa que parece que só dispón de cartos para mercar bombillas, e para o resto pon sempre a excusa de que “non hai”.

Acertaron de cheo no centro da diana, onde está a opinión pública que deixa en evidencia esa falsa imaxe que tanto tempo leva disfrazando “o que manda”.

E como para Lucio Aurelio o máis importante é a apariencia e esta estaba máis enfangada do que el podía soportar, non lle quedou outra, que baixar á área a recibir a estocada e aceptar a decisión que a grada coreaba a pleno pulmón.

Xusto cando xa tiña decidido que non ía empregar nin un só euro para facer esa reforma, a xente falou e reclamou o seu. De nada lle serviron as reprimendas nin as ameazas aos que alzaron a voz. O pobo impúxose.

Aínda que desesperado por seguir alimentando esa falsa imaxe e tentando recompoñela, sacou a pasear unha máquina cortacéspede que levaba gardada no concello desde decembro. Agora xa só lle falta plantar a herba e regala para que medre e poder empregar o aparello.

E así foi como os veciños da Cañiza lle marcaron un penalti ao alcalde no último minuto e conseguión o gol da victoria.