Belén Carballo é unha muller nova en idade pero cunha formación intelectual moi elevada; é socióloga e antropóloga, e cun compromiso emocional superlativo co seu pobo. Ela vai ser a candidata nacionalista ás municipais de maio no concello de Covelo, e amósase moi ilusionada en que o BNG poida experimentar unha suba importante que o leve a situarse en disposición de poder disputar a maioría social desta localidade ao PP.
“ O goberno de Pablo Castillo é moi de dicir que si a todo pero na realidade é moi pouco eficaz”
Queremos coñecerte un pouco máis Belén?
Ben, eu procedo do val de Tielas; a miña nai é da Graña e o meu pai é de Godóns. Son de familia de taberneiros, crecín detrás dunha barra. Estudei antropoloxía e socioloxía e actualmente son profesora na especialidade de intervención socio comunitaria en Ribadeo.
En Ribadeo¡¡¡ Miña nai¡¡¡ .E como levas a conciliación familiar?
Ben, pois non é nada fácil desde logo. Eu teño dous fillos e podo organizarme grazas ao seu pai e ás avoas. No caso contrario sería imposible.
Para unha parella nova que queira desenvolver un proxecto vital familiar en Covelo é posible facelo?
Posible si que é pero non é fácil. É imprescindible ter coche para desprazarte ao teu lugar de traballo e posibilidades que te permitan organizar a túa vida, pois en Covelo non hai apenas oportunidades laborais e faltan servizos. Por outra parte poñer en marcha un negocio en Covelo é terriblemente difícil.
Cando se iniciou a túa relación coa política?
Creo que desde moi moza, polo menos emocionalmente, desde que tomei conciencia de que a implicación e a participación política é o camiño adecuado para transformar a realidade e construírmos sociedades máis xustas. E iso comézase a facer Concello a Concello.
No ano 1999, a primeira vez que o BNG se presenta en Covelo, eu xa formei parte desa candidatura. Logo estiven un pouco desligada pois conciliar a vida persoal, coa laboral e coa política era practicamente imposible para min. Pero nunca deixei de seguir con sumo interese os asuntos que atinxían ao meu pobo. E no 2019 volvo ir de novo na candidatura.
De número 3
Si. Quitamos dúas actas. Pero por unha cuestión laboral o que foi portavoz, Alex, ten que dimitir e a metade de mandato entrei eu formando equipo coa miña compañeira Laura, da que teño que dicir que é extraordinariamente fácil convivir e traballar con ela.
Como valoras estes dous primeiros anos como concelleira?
Valóroos de maneira moi positiva. Aprendín moito e con humildade creo que podo dicir que fixemos cousas interesantes.
Por exemplo?
Recuperamos a casa das irmandades labregas que querían botar abaixo, tivemos un papel enormemente activo na defensa das condicións dignas das traballadoras do SAF e dunha atención adecuada para as usuarias e usuarios, sempre procuramos ser a voz daqueles veciños e veciñas que se senten mancados na defensa dos seus intereses…..
Galicia ten un problema endémico que é o nepotismo. Esta forma de artellar as relacións entre a administración e os administrados percibíase con moita nitidez na Galicia rural e en concellos como o voso cun alcalde digamos sui generis tanto tempo, como Jose Costa, era moi notorio. Mudou algo a forma de facer política de Jose Costa a Pablo Castillo?
Desde o meu punto de vista non. Pablo é un tipo máis dialogante e afable que o anterior alcalde. Pero as redes clientelares arredor do concello seguen ser as mesmas. Pablo é un home moi de dicir si a calquera cuestión que lle formulen, pero logo á hora de pasar ao terreo da realidade concreta deixa moito que desexar e o seu goberno é pouco eficaz.
Cales son os principais problemas que padece Covelo?
– O despoboamento
– Os servizo sanitarios que temos son moi deficientes. Nós tiñamos dous centros de saúde en Covelo e en Maceira, dous médicos e un pediatra. E nestes momentos temos un centro de saúde, pecharon o de Maceira, un médico ás veces, e pediatra só unha vez á semana.
-O transporte e os servizos de mobilidade son moi escasos.
-Os servizos educativos son tamén mellorables
-E ser emprendedor ou emprendedora en Covelo é realmente difícil. Na zona de Barcia de Mera, Godóns e Prado aínda non temos os títulos da parcelaria e quitar un proxecto adiante é realmente complicado.
Ao teu xuízo o goberno de Pablo Castillo fai o necesario e suficiente para tratar de paliar todos eses problemas que mencionas?
Non, non o fai. Desde o BNG botamos de menos unha actitude máis firme e decidida para esixir á Xunta de Galicia que trate a Covelo de maneira xusta. En moitas das mocións que levamos para a defensa da sanidade non votaron a favor. O Goberno de Pablo Castillo é continuísta, como che dixen antes moi de dicir que si a todo, pero ineficaz.
Cal é a vosa posición en relación aos eólicos que pretenden instalar no Suído?
Eólicos así non, desde logo que non.
Como valoras a posición de Pablo Castillo a este respecto?
É moi ambigua. Non expresa unha oposición firme e contundente
Cales son as expectativas realistas coas que o BNG se presenta a estas eleccións?
Medrar, medrar significativamente. Creo que fixemos un bo traballo, que fixemos unha oposición realista, en positivo e con propostas que acompañaban ás críticas e agardo que boa parte da sociedade do noso pobo saiba valoralo.
Nalgún momento o nacionalismo galego pode soñar coa alcaldía de Covelo?
En Covelo, como en todo o país, o BNG ten que ser a forza que lle dispute a maioría social ao PP porque en Covelo, como en todo o país, o BNG é a única forza que non obedece a ningún outro interese que ao ben común do pobo galego. Si, estou convencida que máis pronto que tarde veremos a unha muller nacionalista na alcaldía de Covelo.
Que podería encontrar unha veciña ou veciño de Covelo en ti como alcaldesa?
Un elevado sentido da xustiza; todas e todos van ser tratados por igual con independencia das súas filias ou fobias políticas. Por outro lado son unha persoa moi traballadora, combativa en prol do ben común ata o final, sei escoitar adoro aprender e teño un vínculo emocional moi intenso con Covelo.