O Concello de Mondariz xa licitou as obras para a rehabilitación enerxética de dous edificios públicos municipais, valoradas en máis de 350.000 euros e subvencionadas nun 80% polo IDAE con fondos europeos As obras de rehabilitación enerxética da Casa Consistorial e do edificio que acolle a Escola Municipal de Música de Mondariz xa foron licitadas e comezarán antes de final de ano. En ambos casos, son actuacións sobre a envolvente térmica que inclúen unha substitución de elementos de carpintería para a mellora do illamento e da eficiencia enerxética. “Estamos planificando o inicio das obras para afectar o menos posible á actividade formativa que ten lugar no edificio da Escola Municipal de Música de Mondariz”, sinala o alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros. “Mais trátase dunha renovación estrutural de enorme importancia para esta construción, que data do ano 1970 e presenta notables deficiencias enerxéticas e materiais que a día de hoxe non se utilizarían, como a uralita”. Estes dous proxectos foron presentados ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía) en 2020, aproveitando as últimas oportunidades de financiación europea do período 2014-2020. No primeiro trimestre de 2021, ambos foron confirmados. Están subvencionados nun 80% con fondos europeos correspondentes ao período 2014-2020 e nun 20% con fondos do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. O proxecto de rehabilitación enerxética da Casa Consistorial está valorado en 178.391 euros, dos que 142.713 euros corresponden a fondos europeos. O edificio, construído en 1983, presenta deficiencias enerxéticas por mor do carácter obsoleto da súa envolvente de carpintería metálica. A través desta actuación municipal, mellorarase significativamente a demanda enerxética actual, diminuíndo as emisións de CO2 de 22,2 kgCO2/m2 a 20,8 kgCO2/m2, e pasando de cualificación enerxética G a E. O proxecto de rehabilitación enerxética do edificio que acolle a Escola Municipal de Música de Mondariz ascende a 176.661 euros, con 141.329 euros de cofinanciación europea. Unha vez executadas al obras, está previsto que as emisións de CO2 diminúan de 5,8 kgCO2/m2 a 4,4 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética B a A.
“Tanto o edificio da Casa Consistorial como o da Escola Municipal de Música de Mondariz levaban décadas sen recibir investimentos destas características. Foi unha mágoa que o Concello de Mondariz non aproveitara estas oportunidades de financiación europea nos primeiros anos do período 2014-2020”, comenta Barros.
Ademais destes proxectos de rehabilitación enerxética de edificios públicos, o Concello de Mondariz sacou adiante outros catro proxectos financiados con axudas europeas a través do IDAE para modernizar toda a rede municipal de iluminación pública e acadar un aforro superior ao 70% na factura eléctrica municipal co cambio a LED. “Proximamente licitaremos as obras correspondentes ás parroquias de Vilasobroso, Mouriscados, Meirol e Queimadelos. Este ambicioso proxecto, que foi dividido en catro solicitudes por motivos técnicos e administrativos, supón un investimento conxunto de máis de millón e medio de euros en infraestruturas municipais básicas que non deixa a ningunha parroquia atrás e mira cara o futuro”, sinala o alcalde.