A piques de iniciar un apaixonante ciclo político que terá , se non hai adianto das estatais, a súa primeira estación nas municipais do ano próximo ,comezamos unha xeira de entrevistas cos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para coñecer a situación política local e as súas expectativas futuras. E facémolo co amigo Paco Ferreira, alcalde de Gondomar. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“Teño ilusión en seguir 4 anos máis. Quero acabar todo que temos en marcha para que este proxecto tan bonito, co que levamos 7 anos, poida deixar pegada no corazón da sociedade de Gondomar”
Comezamos con dúas cuestións referentes á policía local: seica se xubila un axente deses dos de toda a vida non?
Si, Manel. Un tipo ao que lle teño moito aprecio pois foi con quen comecei eu a miña andaina na policía e con quen compartín moitas patrullas e experiencias. Deséxolle de todo corazón que poida gozar dunha xubilación longa e feliz porque tena máis que merecida.
Por que xa non está Lito como xefe da policía local?
El veu de Redondela e tiña a súa praza alí. Neste momento había a posibilidade de que a súa praza en Redondela podíanlla cubrir e a modo de garantía, porque aquí estaba temporal, decidiu marcharse. Agora quen exerce de xefe está de baixa e é un policía, Ángel Vila, o que asume a xefatura.
O servizo é satisfactorio?
Si. Ángel é moi bo profesional e a sociedade está moi satisfeita co traballo da nosa policía local.
Recentemente tiveches unha xuntanza con representantes da DEP e da subdelegación do goberno. Cóntanos o obxecto e o seu resultado?
Ben, esa xuntanza á que te refires prodúcese na procura da captación de subvencións para o noso pobo. Temos a intención de captar fondos para a remodelación de edificios municipais como por exemplo Centro de Desenvolvemento Local
Perdoa que che interrompa, xa que estamos cos edificios fálanos da casa Peralba?
É un precioso edificio que vimos de adquirir a un creo que moi bo prezo, 400.000€, e imos facer unha biblioteca municipal de moita entidade. Terá unha sala de audicións, sala de imaxe, un arquivo histórico e con espazos distintos que sirvan tanto para o lecer dos nenos como para o estudo das persoas adultas.
Sigamos logo co asunto da captación de fondos?
Ao respecto disto quixera resaltar a grande dificultade burocrática que supoñen. Deberían de deseñarse procedementos que fagan a súa solicitude moito máis áxil e dinámica. As administracións non temos os técnicos necesarios para ese tipo de procesos e en ocasións non queda outra que a externalización. En calquera caso nós estamos na liña de xestionalo todo. En Gondomar témolo moi ben e non perdemos case ningún tipo de subvención.
Temos previsto actuacións tanto no centro como nas parroquias?
Desde logo que si. E, malia que o PP non para de acusarme de que non atendemos ás parroquias de maneira adecuada , dígoche con rotundidade absoluta, e tamén con humildade, que nos meus 7 anos como alcalde fixemos bastante máis nas parroquias que eles en 14 .
En saneamento tamén?
Tamén. Ao respecto do saneamento só no ano 2022 imos andar preto do millón de € en investimentos, con actuacións en Morgadáns, Chaín, Vincios e Vilaza alén de distintas reparacións en zonas do casco onde o saneamento está deteriorado
No que se refire a Chaín unha veciña da parroquia demandounos que che preguntaramos polo camiño das Mercedes?
Acabamos de comezar alí unha actuación de humanización ,pavimento da estrada e recollida de pluviais. É unha zona moi concorrida que estou seguro que vai quedar moi bonita
Entón esa campaña que está a facer o BNG sobre o saneamento non ten razón de ser?
Imos ver ; o que está a dicir o BNG é que Gondomar ten o saneamento no 60% das súas casas. E si, iso é así. Tamén teño que dicir que eu son o primeiro interesado en chegar o antes posible ao 100% dos domicilios do noso pobo con saneamento. A diagnose é moi fácil, o que xa non o é tanto é a solución. Eu convido ao BNG a que nos diga a todos de onde sacaría os 20 ou 30 millóns de € necesarios para completalo saneamento de Gondomar?.Encantaríame coñecer a resposta. E gustaríame moito máis aínda que nos axudaran a quitar máis partidas, das distintas administracións,específicas para saneamento.
Outra das nosas lectoras, veciña da zona da Ponte das Rosas, tamén se interesa por se ides facer algo alí?
Eu creo que a zona xa é moi bonita. En calquera caso si, imos pórlle máis árbores e algunha mesa de pedra con taboleiros de xadrez. Por outra parte adquirimos uns terreos, para facer máis grande o paseo e co tempo crear unha senda peonil que poida chegar ata a ponte do Bravo.
O casco de Gondomar ten problemas de aparcamento?
Todos os cascos teñen problemas de aparcamento. Pero o modelo de cidades mudou e o modelo Agora da DEP aposta polas peonalizacións as humanizacións e polas cidades para as persoas
O modelo Agora a ti convénceche?
Si. Eu aposto por el. A súa filosofía consistente en crear cidades máis amables e humanas encaixa perfectamente coa miña forma de entender os espazos urbanos. A vida resulta máis fácil así, máis solidaria , máis sa e teño a certeza de que o comercio da zona tamén resulta beneficiado. Fíxate por exemplo no noso pobo, que claramente aposta por un casco para as persoas, na actualidade estanse abrir arredor de media ducia de negocios novos.
Quedou claro cal é o teu modelo de cidade, pero o visitante que se achegue a mercar ou simplemente a gozar de Gondomar vai poder aparcar?
Desde logo que si. É que é necesario conxugar ambos aspectos e facilitar bolsas de estacionamento a quen se achegue ao noso pobo. E nós témolas, claro que si: A explanada do pavillón de deportes, o aparcadoiro de Eduardo Iglesias, o aparcadoiro na parte traseira de Penisco, o da zona da Igrexa, o do CDL, o da policía, a circunvalación ,o novo que acabamos de abrir na estación de autobuses, o de Rosalía de Castro……E se todo sae ben pronto poderemos anunciar unha grande nova bolsa de aparcamento unido a un espazo para as caravanas
O conflito da praza de abastos está solucionado?
Si, afortunadamente si. Neste asunto a oposición non debeu ser tan irresponsable e nunca teriamos chegado ata onde chegamos. A nosa actuación foi irrepochable, absolutamente axustada a dereito, e a posición máis humana e xusta para garantir o traballo duns praceiros que levaban moitos anos alí e agora teñen a súa situación regularizada. Non teño ningunha dúbida de que, a pesar de que o goberno quedou só, tiñamos a razón moral. A xustiza encargouse de amosar que tamén tiñamos a razón xurídica.
Cando poderemos dicir por fin que Gondomar ten Plan Xeral?
Ese é un dos grandes cabalos de batalla. O que aprobamos nós de maneira inicial foinos devolto pola Xunta e mándanos facer unha serie de modificacións considerables. Agora mesmo estamos na fase de adaptar todos os cambios que nos impón a Xunta e xa nos queda moi pouco para rematar.
Vai ser o Plan Xeral que che guste a ti?
Non, pero é que quen o aproba ou non é a Xunta e a nós non nos queda outra quen seguir as súas indicacións senón non nolo aproban. E Gondomar precisa un plan xeral con urxencia. Nós temos o compromiso da Xunta de que se o presentamos coas modificacións que eles piden vai ser aprobado. Por outra parte o plan xeral é un documento vivo sempre podemos facer algunha modificación puntual. Pero o que é necesario é ter un.
Cando esperas levalo a pleno?
Á volta do verán. Agardo un exercicio de responsabilidade e que poidamos aprobalo inicialmente de maneira unánime. E logo exporiámolo ao público para que a xente faga as alegacións que estime oportunas. Unha vez resoltas as alegacións nós volveriamos aprobalo e mandariámolo á Xunta xa para a súa aprobación definitiva.
Como e cando se vai resolver a situación do polígono da Pasaxe?
Eu levo 7 anos traballando nese tema como un animal. E resolver esa situación é unha das teimas máis importantes da miña etapa como alcalde. No ano 2016 aprobamos o proxecto sectorial da Pasaxe. Ese documento marca un antes e un despois neste asunto. Recordo que veu o presidente da Xunta a presentar esa aprobación, xusto en campaña electoral, e garantiu un investimento de 30 millóns de €
Cumpriu?
Non. Hoxe, 6 anos despois, aínda estamos agardando polo primeiro euro.
En que situación estamos na actualidade?
Despois de moito traballo estaba xa todo en marcha para comezar a desenvolver a fase un e urbanizala totalmente pero uns afectados de Valadares, descontentos co anuncio do alcalde de Vigo de facer un polígono na súa parroquia, denunciaron as obras da Pasaxe e lograron unha sentenza que nos ordena publicitar o proxecto e sometelo a un informe de avaliación ambiental simplificado. Xa fixemos todo o que nos mandaron e está nas mans da Xunta. En breve coñeceremos a súa resposta. Se nos di que todo está ben o que temos que facer é expor o proxecto un mes e comezar as obras.
E se o que di é que non está ben?
Agardo que non sexa así. Pero se fose teriamos que modificar o que nos digan claro, aínda que eu teño confianza nunha resolución positiva.
Vai haber eólicos no Galiñeiro?
Non, de ningún modo. É un compromiso firme deste alcalde e deste goberno de protexer a enorme riqueza natural e patrimonial da serra do Galiñeiro. Iso non quere dicir que non esteamos a favor das enerxías renovables, claro que estamos a favor. Pero de maneira racional, non agresiva, cun estudo escrupuloso dos posibles impactos e respectando zonas de enorme riqueza , como o Galiñeiro, que en ningún caso deben de ser agredidas.
Xa están mellor as relacións con Manuela?
A min encantaríame que Manuela se integrara no noso goberno e traballar cóbado a cóbado co BNG. Vivimos tempos de perigosa involución social e política, falo de toda España, e entendo que as forzas de esquerda debemos de remar xuntas, colaborar e traballarmos en conxunto.
Acabamos Paco. O ano que ven hai eleccións municipais. Supoño que volverás presentar a túa candidatura. Con que ánimos as encaras?
Eu teño a ilusión de seguir catro anos máis si. Temos unha serie de proxectos en marcha que quero rematar. Quero sacar o plan xeral adiante, pór o polígono da Pasaxe a funcionar, dotar de saneamento ás zonas de Gondomar que non o teñan, mellorar moitos camiños e zonas das parroquias…..En definitiva quero seguir dándolle unha volta ao noso querido Gondomar para que este proxecto tan bonito co que levamos 7 anos poida deixar pegada nas almas e nos corazóns de toda a sociedade de Gondomar
As túas ilusións políticas rematan na alcaldía de Gondomar ou poderemos verte no futuro pelexando noutras lideiras?
A miña vida política remata na alcaldía de Gondomar. Eu son un namorado do meu pobo e a miña máxima aspiración é servilo o mellor que saiba e poida.