Christian é un neno de 12 anos de Salceda que, contra a súa vontade, veuse envolto nunha situación delirante. El practica o fútbol, está federado no equipo DENIS SUAREZ, de Salceda de Caselas, non é feliz, non está cómodo e quere marcharse, quere xogar no Caselas de Tui. A súa nai, Lucía, comunicouno en infinidade de ocasións por todo tipo de vías, pero o equipo de Salceda non lle deixa, non lle concede a baixa, segundo nos conta a nai argumentan que o regulamento obriga a comunicalo entre o 1 e o 31 de xullo, e ela díxoo por primeira vez a finais de agosto. Lucía está farta de petar en todas as portas, equipo, concello, federación e de que ninguén lle dea unha solución para algo tan sinxelo e humano como permitir que un neno de 12 anos xogue no equipo que quere xogar. A Nova Peneira falou con ela
Como se chama o teu fillo?
Christian Martínez Cabral
Cantos anos ten?
12 anos
Cóntanos cal é o problema?
O ano pasado fixo a temporada con Denis Suárez
Ese é un equipo de fútbol de Salceda, que ten que ver o xogador do celta con el?
O seu pai é o presidente e supostamente o equipo é del
Do propio xogador?
Si
Este ano Christian comezou a facer a pre temporada no mesmo equipo, verdade?
Si, e ás dúas semanas de tela comezado sempre viña moi mal dos adestramentos, incómodo e chorando. Eu solicitei a baixa do neno, primeiro por whats app, e eles contéstame que iso non é de falar por teléfono, entón presenteime alí
Alí ,onde?
Nas súas oficinas que están no propio concello de Salceda
Con quen falas e que che di?
Falo con Jorge o seu administrativo, e el dime que teño que falar con Loli, directiva, e con Gelo, coordinador
Reunícheste con eles?
Si, fun co neno e cun representante do Caldelas
Por que do Caldelas?
É o equipo no que quere xogar o meu fillo
Déronche unha solución?
Non. Eu pedina, incluso ofrecín pagarlles os 130€ que é a cota anual deles, e as súas palabras textuais foron que nin por 1.000€ me daban a baixa do neno, que lle tiña que ter avisado a finais da temporada anterior
Déixasme abraiado, non me colle na cabeza, e en que data foi esa reunión?
O 28 de agosto deste ano
Pero, insisto no meu asombro, un neno non é libre de decidir que non quere seguir nun equipo, quedo absolutamente estupefacto
Eles din que teñen un regulamento de réxime interno que hai que cumprir, e incluso cando falei eu coa federación dixéronme que tiña que telo avisado ao longo do mes de xullo
E que fixeches ti despois
Falar co concelleiro de deportes de Salceda. Non serviu para nada. Logo co pai de Denis, o presidente do equipo que me volve a dicir que non. Logo o director da escola Denis Suárez pediume un informe psicolóxico do neno para darme a súa baixa
Como?, non dou crédito¡¡
Así mesmo, e leveino a un psicólogo que fixo o informe polo que paguei 90€, a maiores tamén presento un informe da súa pediatra que manifesta que o neno sofre un problema psicoemocional a raíz da situación. Mándoo e vólvenme a dicir que non
E ti seguiches intentándoo?
Si claro, o 18 de setembro púxenme en contacto coa Federación española de fútbol. Contestáronme que ían pórse co tema, seica abren un parte e danme 48 horas para que eu acredite que son a nai do neno, fágoo e dinme que llo van pasar ás escolas de fútbol Denis Suárez e dinme que lle van dar 7 días para que aleguen
E despois deses 7 días?
Seguimos no limbo, pasaron e 7 máis nos que eu chamo todos os días por teléfono, a diferentes horas ao secretario de Louzán, sempre está reunido
Segues sen resposta a día de hoxe, 25 de outubro?
Si, por desgraza si e eu estou disposta a chegar a onde faga falta, a un neno non se lle pode tratar así.