O neno Vigués Diego Ibáñez campión galego sub 12 de Xadrez

O neno Vigués Diego Ibáñez campión galego sub 12 de Xadrez

Con 11 anos cumpridos no mes de abril Diego acaba de se proclamar campión galego de xadrez sub 12. El é un alumno do noso amigo Roberto, de xadrez galego na rúa Reiseñor de Vigo, e para nós foi un pracer coñecer a quen leva camiño de se converter nun grande mestre deste marabilloso deporte. E así pois conversamos con el e co seu pai Jorge.

Contáronme que es moi activo e fas moitas actividades, cales son?

Principalmente fago fútbol e xadrez.

Cal das dúas che gusta máis?

As dúas por igual.

A que anos comezaches a xogar ao xadrez?

Aos cinco anos.

E porque motivo idade tan temperá?

Por casualidade, vinlle un taboleiro a meu tío na súa casa, pregunteille por el, botamos unha partida e encantoume. Cando tiven a oportunidade de facer unha actividade extraescolar no cole anoteime.

Tes paciencia para xogar ?

Si, son bastante tranquilo, teño moita paciencia e son de partidas longas.

Es competitivo, gústache ganar?

Si, enfádame perder, a calquera cousa.

Cando comezaches no Club de Xadrez con Roberto?

Aos seis ou sete anos.

Como se lle deu aos teus pais levarche ao Club de xadrez?

Papá Jorge: cando comezou nas clases extraescolares de xadrez xa axiña destacou e ao ano, máis ou menos, leveino ao club de xadrez. Son amigo da infancia de Roberto e por iso decidín levalo alí.

Adaptácheste ben ao club?

Papa Jorge: Ao principio aburríase. Roberto meteuno no grupo dos da súa idade e estaba desmotivado, chegou ao punto de querer deixalo. Aquí foi cando falei con Roberto para explicarlle o que pasaba e decidiu incluílo no grupo dos nenos maiores. Foi un salto moi grande pero aquí estaba cómodo e volveuse enganchar ao xadrez. Xogaba con nenos de máis de doce anos neste grupo.

Cal foi o primeiro campionato no que competiches?

Un torneo en Pontevedra, neste quedei mal.

E agora competiches no Campionato Galego?

Antes deste gañar este campionato galego competín noutros. Comecei facendo unhas probas que se chaman Circuíto Escolar de Promoción. Son dez probas, por idades, ao longo do anos por distintas vilas galegas. Aquí vas sumando puntos coas probas. No segundo ano que competín gañei a miña categoría.

Tamén quedei sexto no Campionato Provincial. Xoguei por primeira vez no Campionato Galego con oito anos. Ao ano seguinte xa pasei a categoría sub10 e gañei o Provincial e o Galego. Este ano xoguei na categoría sub12 e volvín gañar o provincial e o galego.

Cantos nenos e nenas competiron neste campionato?

64 nenos e nenas de toda Galicia.

Cantas partidas disputaches?

Oito partidas. Gañei cinco partidas e tres foron táboas. Púxenme nervioso na última partida, se a gañaba ,gañaba o campionato, pero fixen unha mala xogada e quedamos en táboas, aos outros dous contrincantes tamén lles pasou o mesmo e quedaron en táboas tamén. Ao final gañei polo Buchholz (desempate).

Supoño que quedaría moi contento. Cal foi o premio?

Si claro. O premio foi un trofeo e unha bolsa para o campionato de España.

Para cando é?

Pare mediados de Xullo máis ou menos.

Onde se xoga?

En Salobreña, Granada.

Con quen vas a ir, con túa irmá, mamá e papá?

Papa Jorge: Non, vai a ir coa súa nai, eu quedo coa irmá na casa. Sae moi caro viaxar toda a familia xa que a bolsa só é para el non para ningún acompañante.

Faiche ilusión desfrutar o campionato de España supoño, con cantos nenas e nenas vas competir?

Creo que somos entre 100 e 120 participantes.

Onde se vai desenrolar o campionato?

Nun hotel, con piscina e todo. As partidas poden durar máis de tres horas e non sei se terei moito tempo para facer turismo, risas…

Cantas horas lle dedicas ao día ao xadrez?

Vou dous días ao club e as fins de semana xogo algo tamén. En total unhas cinco horas máis ou menos.

Como é o teu adestramento?

Depende do día. A veces fago aperturas, a veces tácticas, estratexias.

Do xadrez, pódese vivir?

Papá Jorge: aquí é moi difícil. Unicamente se es dos mellores e dedícasche ao ensino. Xogando é moi difícil. De feito, Roberto era unha eminencia no xadrez e vive disto porque escribe libros e ensina na academia, non xogando.

Moi ben Diego, moitas grazas e moita sorte.